description

22.2.07

Debilidades literarias

Grazas ás entradas de Moucho Branco comezamos a entender na Pirámide o que é iso de facer memes. Como membro máis toupa da pirámide, voulle botar peito e propoñer un aquel. Se non asemella meme isto, é que non entendín nada e vou ter que ir a unha pasantía. Agradeceríavos que me fagades saber o voso parecer porque xa teño bastante con ser funcionario para que ademáis sexa funcionario parvo (nada de risitas, facédeme o favor).

Aí vai. O outro día, facendo iso de cambiar de canle televisiva a fume de carozo (zarping ou algo así), parei nunha serie televisiva na que unha moza víase obrigada, por cuestións académicas, a confesar cal era a súa novela favorita. Confesou, máis o profesor considerou obxecto de discusión si a novela escollida estaba dentro das grandes obras mestras da literatura universal. Evidentemente non o era e a moza avergoñouse da súa elección.

A cousa ven sendo confesar a novela que consideras favorita pero que consciente e obxectivamente sabes que non figura dentro da lista das grandes obras literarias recoñecidas universalmente.

Eu recoñezo que a miña novela favorita é "Posesión", de A.S. Byatt. Ista novela valeulle á autora a concesión do Booker Prize americano e tivo grande éxito no seu tempo. Mesmo hai un par de anos, fíxose unha penosa adaptación cinematográfica que en absoluto lle fai xustiza.

Son dúas historias en tempos distintos pero con vencellos evidentes nas que autora realiza un estupendo exercicio de creación literaria dentro da propia novela e que é a que a salva de ser considerada un folletín romántico. O coñecemento da época e da literatura na que se desenvolve a novela xa me gustaría para min (anglófilo histórico empedernido) e iso ten moito que ver na miña escolla. Aínda así, non me custa moito confesar que esta novela non se achega ás grandes obras literarias. Como dicía Jane Austen "A metade do mundo non entende os praceres da outra metade".

AVISO: si alguén menciona "Los Pilares de la Tierra", choro.

16.2.07

A Xunta como esperpento.

Un funcionario da xunta está cabreado co secretario xeral da súa consellería. Está a facer funcións que lle corresponderían a outro traballador con unha categoría profesional superior. O funcionario comproba que noutras consellerías as funcións que está a realizar están efectivamente desenvolvidas por persoal de superior categoría profesional. E non só iso. Están a cobrar un plus por desenvolver esas funcións.

O home cabréase máis e fala co seu secretario xeral para expoñerlle a situación. O secretario entende a súa postura pero non vai facer nada ao respecto. O funcionario dille que si non cobra, polo menos, o plus que cobran os seus compañeiros, deixará de realizar as funcións que non lle corresponden. O secretario advírtelle que a liña entre as funcións que lle corresponden e as que non lle corresponden é tan fina que unha reclamación xusta pódese converter nun expediente disciplinario.

O funcionario decide poñerse en contacto cos servizos xurídicos do seu sindicato para considerar a posibilidade de reclamar xudicialmente as cantidades que lle corresponden polas funcións encomendadas. Os servizos xurídicos, despois de comprobar e revisar as probas que demostran categoricamente a legalidade da reclamación do funcionario, deciden facer denuncia formal da consellería en cuestión ante a maxistratura de traballo. Todo parece preparado para un xuízo en toda regra. Un de tantos entre as consellerías e os seus traballadores.

Pero, de súpeto, o caso da un xiro de inesperado. O funcionario, posiblemente despois de tomar algunha substancia estupefaciente (senón non se entende) e sen coñecemento dos servizos xurídicos do seu sindicato, decide por propia iniciativa consultar a documentación do seu caso co asesor xurídico da consellería á que pertence e que será quen a represente legalmente no xuízo. O funcionario, inexplicablemente, pon en antecedentes ao asesor xurídico (ao que non coñece de nada) da reclamación que cre xusta, amósalle a documentación presentada en maxistratura e pídelle opinión sobre as posibilidades de gañar o xuízo. O asesor séntese un pouco sorprendido pola ilóxica manobra que o funcionario está a facer. Inmediatamente estuda ben polo miúdo a documentación que lle achega o funcionario, consulta algunha lexislación ao respecto e pide opinión a outros colegas sobre a situación. Despois dun tempo de fonda reflexión, o asesor devólvelle a documentación ao funcionario e nun ton entre serio e dramático sentencia:
-Tienes todo bien atado, fulanito. A por ellos.
Nin que dicir ten que quen perdeu o xuízo foi a consellería.

15.2.07

Uniformes na Xunta.

Na Pirámide temos un sinvivir con isto do uniforme das galescolas. Non xa o dos nenos e nenas, que se nos antolla imprescindible vista a gran cantidade de pinturas de dedos e outros artiluxios de manchar gravemente que proliferan polos establecementos do ramo; si non tamén aos profesionais que exerzan dentro do radio de acción desas máquinas de deixar todo perdido que son os cativos e cativas. Só agardamos que os deseños desas necesarias vestimentas non teñan como referencia o uniforme da selección galega de fútbol.

Á Pirámide gustaríalle ter algo similar. Non se nos entenda mal. Referímonos a ter unhas recomendacións no vestir, un estilo, unha liña de moda. Nada máis lonxe de pedir que se faga un concurso para presentar propostas de uniforme para os funcionarios públicos estilo persoal das liñas aéreas ou das grandes superficies comerciais. Non é nada diso. Nós pensamos que a administración pública galega debe dar exemplo á hora de conservar e promover certos valores culturais que emanan do máis fondo do noso país e acompañar activamente certas celebracións populares e participar nelas sempre que non obstrúan o normal funcionamento do traballo administrativo. Para iso nada mellor que o uso por parte dos funcionarios e funcionarias (independentemente do seu rango ou categoría) dunha indumentaria alusiva que simbolice o apoio da administración a estes xeitos de expresión e celebración colectiva. Para iso, cómpre constituír un consorcio (palabra de moda ultimamente nas altas instancias administrativas) formado polas Consellerías de Cultura e Presidencia, o Consello da Cultura Galega e unha representación da cidadanía (non esquezamos o da Xunta 2.0). Este consorcio tería coma funcións fundamentais as de investigar, rexistrar, conservar, consolidar e promover as diversas celebracións e eventos de orixe popular espalladas polo noso país e establecer unhas medidas concretas dentro da administración pública galega, de xeito que a cidadanía teña constancia directa do apoio inequívoco da Xunta de Galicia ás diversas manifestacións culturais galegas.

E que mellor maneira de demostrar ese apoio que divulgar unha serie recomendacións de actuación (dentro do horaio laboral se entende) entre o persoal funcionario para acompañar estas celebracións tradicionais sempre que, insistimos, non interfiran no normal funcionamento das institucións. Hai exemplos evidentes nos que o apoio e participación por parte dos traballadores da administración a determinados eventos populares sería incompatible. A Romería dos Caneiros de Betanzos sería un deles, debido ao pouco calado dos coquetos estanques existentes en San Caetano. Ou a Rapa das Bestas de Sabucedo (aínda que máis dun tería elixidas a bestas con tempo).
Pero hai outras moitas festas populares que serían de doado apoio e participación por parte dos funcionarios e funcionarias. Unha delas é a que se está a celebrar actualmente e que chegará ao seu culme o martes que vén. Ven sendo o entroido. Porque, qué nos costaría a nós atender aos administrados e administradas ataviados cunha perruca rechamante, unhas falsas gafas de cú de vaso e unhas barbas fidelianas mentres os poñemos perdidiños de fariña aderezada cunhas formigas borrachas de vinagre e lle compulsamos a documentación que se lle require ao mesmo tempo. Estas cousas parece que non, pero estreitan "sobremanera" os lazos entre a cidadanía e a administración pública.
A Pirámide está a facer propostas de indumentaria administrativa para os efectos oportunos. Nada que limite a liberdade de movementos ata as cafeterías nin impida a cómoda visión de correos electrónicos con arquivos anexos de dubidoso gusto. A foto como exemplo. Calquera dirixente político en proceso de negociación estatutaria podería levar este atuendo sen perder nin un chisco de credibilidade. Moi ao contrario. Cremos que, ben levado, podería rachar con calquera postura inmobilista. Non hai nada coma estes pequenos detalles de amor polo país, como sería o caso, para favorecer o entendemento entre todos os galegos e galegas e levar ao país "hasta el infinito y más allá" .


14.2.07

Mira a quen levas no coche.


Moita rabia lles dá aos americanos comprarlle petróleo a Venezuela. Pero non lles queda outra. O día que se crucen, mi madriña. Só teñen que remexer no arquivo de guerra, sección "aforrar jasolina". Abonda cambiar o de Hitler por Hugo Chávez e listo.

Onde hai confianza...

Pola mañá.
Teléfono:
Hoxe teño que ir a servizos centrais. Que tal si quedamos todos para tomar un café, que hai moito que non nos vemos. Que che parece?
Estupendo. Vouno intentar.
Ata despois logo.

Pola tarde.
SMS
Síntoo.
Non importa. Xa estou afeito.
Síntome culpable. Que podo facer para compensalo?
Non me molestes.

Unha semana despois. Pola mañá.
Correo electrónico:
Estou angustiada. Xa non podo máis. Chámame. Teño que comentarte algo importantísimo e non teño con quen.

Ao día seguinte. Pola mañá.
Correo electrónico:
Bueno. Está ben. Como queiras. Si queres que deamos por finalizada a nosa amizade pois facémolo. Eu intenteino todo. Nin sequera constestas aos meus correos. Conteillo a Gelita e non daba crédito. Agora é decisión túa pero si xa non somos amigos creo que é por un motivo un pouco ridículo, non che parece?

Tres días despois. Pola mañá.
Teléfono:
Ola
Ola. Es ti?
Si. A veeeeeeeeer. Que pasou?
Non me volvas facer iso nunca máis. Estiven preocupadísmia toda a semana. Nin me chamaches nin me respostaches aos correos.
Acabo de abrir o correo agora mesmo e quedei sorprendido. Foi por que che escribin que non me molestases non?
Si. Paseino fatal.
Pero si era unha desas bromas que nos facemos. Como cando falamos por teléfono e nos dicimos: me aburres, chau, e colgamos.
Si, pero como me sentía culpable por deixarte colgado no café pois pensei que te enfadaras de verdade.
Xa o imaxinei.
E logo por que non me chamaches?
Non sei.
Ai. Fas comigo o que queres. Somos amigos logo?
Por suposto. Que era o que me tiñas que comentar tan importante?
Nada. Era para ver si me chamabas e saber si estabas enfadado. E como non chamabas pois sentinme máis culpable aínda. Paseino fat…
Me aburres, chau.

10.2.07

Xunta 2.0

A través de vieiros temos coñecemento de que o presidente presenta a "Carta de dereitos cidadáns de Galicia". O documento véndese como unha relación concreta e detallada dos dereitos fundamentais que asisten ao cidadán na súa relación coa administración galega. Non sei onde está a relación detallada (e ben que mirei as 16 follas con letra en tamaño grande). Ao mellor é que tiñamos no maxín a Declaración dos Dereitos Humanos onde veñen clariños e un por un os dereitos que, só en teoría desgrazadamente, nos acollen a todos e a todas. Non é así. Ven sendo unha declaración de intencións coa que se pretende abrir a administración á cidadanía; que participe no desenvolvemento de propostas normativas que recollan de maneira explícita os dereitos que a defendan ante a administración pública. A Pirámide, xa leva bastante tempo nisto de traballar na xunta e esta carta, sobre todo os oito puntos do apartado "A participación como método", chéiranos a palla administrativa. Nós propoñemos que a palla administrativa sexa elevada á categoría de xénero literario. Coa ciencia fición andaría así, así. Ven sendo a arte de xustificar de maneira lóxica e coherente os feitos ou intencións máis arbitrarios e demagóxicos. Algunhas propostas de pagamento son dignas de publicación editorial. Detrás de cada auxiliar administrativo pode haber todo un talento literario por emerxer pero, lamentablemente, os seus textos non irán máis alá dun arquivador coa partida orzamentaria do ano en curso escrita por fóra.
A xunta 2.0 é unha palla administrativa lóxica e coherente. Do melloriño que se leva feito en moitos anos; pero nótase que non está feita por un profesional. Posiblemente a escribise algún asesor de gabinete. Agora, calquera se mete a literato.

6.2.07

A política da subvención

-Buenos días, política lingüística?

-Si, aquí é. Bo día.

-Quería saber si por ponerle el nombre a un hijo en gallego dan una subvención.

-Pois non señor, non hai ningún tipo de axuda para iso.

-Está seguro? Porque yo oí que desde hace tiempo política lingüística da subvención por ponerle el nombre a los niños en gallego.

-Pois a persoa que llo dixo está errada. Non hai ese tipo de axudas, nin as houbo en ningún momento. O que si hai son axudas ás empresas para promocionar actividades en galego nas que se inclúe o nome da empresa pero, loxicamente poñerlle o nome en galego aos nenos non forma parte destas axudas.

-Pues quien me lo dijo lo sabe en primera persona y le dieron me parece que unos 400 euros.

-Pódolle confirmar que nin esa persoa nin ningunha outra recibiron cartos de política lingüística por poñerlle o nome en galego a un neno.

-Pues me cuesta creer que la persona que me lo dijo me mintiese pero de todas maneras me parece que sería una forma muy buena de promocionar el gallego.

-Pois dígolle que non é a primeira persoa que fai esta pregunta. Máis xente coma vostede está interesada en recibir cartos por poñerlle o nome en galego ao seu fillo ou filla. De todos xeitos, si vostede segue interesado en buscar un nome en galego, política lingüística ten unha sección de asesoramento lingüístico que lle podería axudar a buscar o nome que máis lle guste para o seu fillo.

-Bueno, yo estaba interesado en la subvención pero si no la hay ya le ponemos otro nombre. Muchas gracias. Buenos días.

2.2.07

O material laboral da administración


Cando ingresas na administración, a lexislación di que tes que asinar oficialmente a toma de posesión e xurar a constitución española (trámite que algúns non fixemos pero aos que se nos aplicou o do valor do soldado). Despois, unha vez reclutado, pasas por intendencia e danche unha identificación e material laboral a utilizar en función do posto que desempeñes.
Isto que vedes na foto é a parte máis importante do material do que se nos fornece. Antes, estas ferramentas de traballo eran máis grandes e pesadas e contaba moito a habilidade e a experiencia para facer un correcto uso delas. Agora os materiais son moito máis lixeiros e mesmo se poden facer coquetos estoxos de deseño moi útiles en momentos de "standby" ou localizacións persoais inesperadas.
O feito de que o estoxo sexa transparente (alén da cor azul e a imaxe corporativa insertada) xustifícase polas extremas medidas de control que impiden levar este tipo de improvisadas armas de destrución dixital (destrución dos dedos se entende) nas sedes administrativas, a non ser que os servizos de seguridade establezan con elas un contacto visual previo. Deste xeito favorécese a distinción da xente que é funcionaria da que non o é.
Debe quedar claro que o uso destas ferramentas de traballo é moi perigoso, non debe facerse diante de nenos, nin de mulleres embarazadas nin de administrados especialmente sensibles ou nerviosos cando contemplan este tipo de situacións. En caso de dúbida débese consultar co xefe de servizo.