description

17.9.06

Fotos. Esas cabronas

Cantas veces nos ten pasado que queremos adornar un pouco o que escribimos no blog coma quen que lle damos un pouco de atractivo visual e botamos man dunha foto. Mesmo penso que, en ocasións, a nosa idea é colgar unha foto-capricho para a que escribimos calquera cousa e así xustificar que figure na entrada. Outras razóns haberá para poñer fotos nos blogs. Tantas coma blogueiros e blogueiras que as colgamos. Todas e todos igual de respectables.
Mais o problema é atopar a foto que, en determinado momento, ilustre de xeito perfecto a entrada coa que andamos a voltas. Afortunados os que atopen unha no seu disco duro. Si non é así, non serei eu quen recomende non botar man das que atopemos pola rede por mor dos dereitos adquiridos. Cadaquen sabe o que fai; pero estaría ben pensar nas opcións libres de dereitos que tamén andan por aí colgadas. A foto que vedes é unha delas. Saíu de morguefile . Unha das moitas páxinas nas que podes remexer, atopar e usar todas cantas fotos consideres (e son bastantes). Tampouco pensedes que son todas unha marabilla. Hai de todo e para todo.
O da foto de enriba foi por puro azar. Hainas ben máis bonitas e tamén moito máis feas. O atractivo visual das fotos depende do atractivo contemplativo de quen as mira.

14.9.06

Revival para ler

"Un bo día, un amigo contoume que un devanceiro seu tiña un oficio un tanto estraño. Partía unha vez ao ano, cruzaba o mundo, meses despois chegaba a Xapón, compraba ovos de vermes da seda, regresaba a Italia e vendíaos. O resto do ano descansaba. Estabamos esquiando cando me contou esta historia. Detívenme, saquei os esquís e comecei a pensar e a lle dar voltas, e non parei de facelo ata que escribín a última páxina."
Estupendo argumento feito polo autor deste libro que todos e todas temos lido ou oímos falar del. Todo un exitazo no seu tempo pero que aínda se deixa ler e que podemos atopar nas librarías na súa edición castelá. A nova é a súa edición en galego pola editorial Rinoceronte . Un libro tan bó coma barato. Un caramelo para os detallistas.

13.9.06

OS BOIS E AS GUELS


NUMBER ONE IN USA

¿Que non os coñeces? Pois ale, perreando, que é xerundio!!!!

(PD: devezo por escoitalos. Se alguén os ten, que avise)

12.9.06

Maruxa e máis Corelia


Aínda as lembro, enxoitas, caladiñas, cos seus zapatóns e as súas medias brancas. Baixaban decote pola rúa de San Pedro, pola Angustia, pola Algalia, sempre da manciña. Pálidas, demacradas, co seu ollar triste. Quizais lembraban a seus pais, que perderan na guerra. Seus pais, sindicalistas, que as mimaban coma xoias. A estúpida guerra que lles roubou todo e as deixou aí, tiradas, no medio dunha sociedade vencida e gris.
Onte estiven bogando na Internete. Agardaba atopar algunhas imaxes delas que refrescasen a miña pobre memoria. Ren. É coma se só interesara a imaxe turística das marías: só fotos da estatua na alameda de Santiago: as marías co seu vello look, co seu novo look, con e sen graffitis. A ver, vou probar con todo o arsenal. Busco por “as dúas en punto”, por “as dúas marías”, por “as tres marías”, por “Corelia”, por “Maruxa”. Ríndome. Só estatuas e foto de postal.
É que ninguén se decata do que realmente eran estas mozas entradas en anos?
Significaban a única nota de cor que viu Santiago en décadas, a memoria perdida dunha época que loitou pola liberdade, a sensualidade afogada pola burla e a ignorancia.
Ai, que triste a rúa do Espírito Santo desque elas non están. Que triste a fonte de pedra desque elas non lavan os seus vestidos, os seus panos, os trapos que cosían e remendaban e logo lucían coma maniquís de feira...

9.9.06

Come back, Mari Pepa

A miña veciña Mari Pepa vaise de viaxe a Estocolmo, a cidade onde dan os oscars. Non é que lle tocara un nin nada, que ben podía ser verdá, senón que vai de férias. Cada vez vaise máis cara arriba. París, Londres, Berlín e agora Estocolmo. Ao comezar a semana, sempre ven cara o sur a traballar. Os fins de semana vai para o norte. O de ir ao norte debe ser coma un "link" que ten ao tempo de descanso e gozo persoal (isto de gozar no canto do castelán "disfrutar" habería que miralo realcademicamente). Traballo, sur. Gozo persoal, tira para arriba. Podería dicir que o meu piso está enriba do seu pero non quedaría moi elegante, nonsi?
Á miña veciña Mari Pepa, só lles chamamos Mari Pepa os veciños de máis de 3 anos. Para os de menos é "iPepa". Coma o trebello da música pero máis do país. Para min que os suecos van a escoller a opción de menos de 3 anos. É como máis tecnosexual. De feito, Suecia foi todo un referente no noso país no que respecta á tecnoloxía e á sexualidade. A ver senón, esas motoserras Huqsvarna (en sueco pronúnciase "amotoserra"), tecnoloxía punta en cortar pinos. Polo da sexualidade falan de que tamén son un referente pero a min non me consta.
En fin, nós chamámoslle Mari Pepa pero ela é Mª José. A cousa é que alá van as dúas cara Estocolmo, capital do país símbolo do estado do benestar. Benestar e gozo persoal tamén che son así como moi "link". Ao mellor vai por iso.
Eu xa lle pedín que fixera moitas fotos para colgar no "flickr" e poñer no "blog" (mi madriña, xa parece que escribo en sueco). Ultimamente, aos amigos que van de viaxe sempre lles pido que saquen fotos para colgalas na rede. Hai 25 anos ou máis, isto sería coma pedir que me trouxesen postais para colgalas na chaqueta e que as vise todo o mundo.
-Neno, pero e lojo ti que levas na chaqueta?
-Nada. Unha postal de Fátima que me trouxo a miña tía de alá. Se me quere facer un comentario para poñelo aquí onda ela, teñolle aquí un lápis e un caderno e poña o que queira.
-Ai non meu neniño, que non teño aquí as jafas de ver. Hala, vaite bonito.
Agora o conto cambiou bastante pero as jafas de ver hai que telas igual.
A miña veciña Mari Pepa vaise a Estocolmo. Agora toca esperar.