description

30.10.06

Pois así comezamos.

Aí a tendes. A revista literaria "publicada". Este é o número dous de cinco que se fixeron (comezamos co número 0 como as de verdade). Era a cousa moi artesana pero moitas risas nos fixemos con ela. Agora perdemos, se cadra, frescura e simpatía pero gañamos en difusión e rapidez. Non se pode ter todo que logo chámante avaricioso. Se houbese peticións (que vai ser que non) dicirvos que xa non hai números soltos e o traballiño que me costou atopar estes. Xa pensaremos en montar un pdf e poñer a leria esa de "calquera parecido coa realidade é pura coincidencia".

24.10.06

Curioso método de avaliación psicolóxica

Contase pola Xunta que certo condutor de altos cargos aplica un curioso método para saber si o privilexiado pasaxeiro que se lle encomenda é un testán ou un desconfiado.
Si a viaxe é longa e cadra co comezo ou remate do día non é disparatado que o alto cargo en cuestión bote unha soneca. É nese momento que o condutor aproveita para coller as curvas cunha certa brusquedade o que provoca que o pasaxeiro leve casualmente un jolpecho na cachola contra o cristal. Isto fai que a dúbida se resolva. Si o xefe ou xefa desperta é un desconfiado. Si segue a durmir é unha cabeza dura.

23.10.06

Por que “A Pirámide” si aquí somos de mámoas?

Eu preguntaríame isto si entrase de primeiras neste blog. E o de revista ilustrada choqueiro administrativa xa me despistaría totalmente. Pois ben. Satisfacendo o afán de saber (onde queira que se atope) imos relatar aquí como cadrou poñerlle “A Pirámide” a este taboleiro virtual.
A finais do século pasado, unha panda de compañeiras e compañeiros de traballo fomos testemuñas dunha lenda laboral que circulaba e aínda circula polo centro de traballo máis irracional e esperpéntico que vos poidades imaxinar. A Xunta. Só escoitar o nome produce arrepíos e algo de tensión nos músculos faciais. Isto promete, nonsi?
Como xa dixen, estaba a rematar o século XX. Por motivos totalmente irracionais, é dicir, políticos, o traballo estaba espectacularmente retrasado. Mais iso non significaba un problema para os xefes. O auténtico perigo estaba en que se soubese. Que iso pasase a ser de dominio público. Automaticamente soan todas as alarmas dos altos cargos. No medio deste barullo de caras de mala ostia e berros contidos en despachos de pladur, ocorreu o nunca visto. Algo inimaxinábel. O xefe xeral convoca unha reunión con todo o persoal do departamento. Repito. Con todo o persoal. Inaudito. Os funcionarios de base non sabiamos que facer. Non había antecedentes nin normativa ao respecto. Estupefactos, asistimos. Non había outra. O xefe explica que a cousa vai moi retrasada e que hai que botala adiante como sexa, con todos os recursos posíbeis, e pídenos un esforzo para saír do problema. Tamén de xeito inaudito, os funcionarios e funcionarias de base implicados levábamonos moi ben e decidimos manter a piña e facernos todos e todas responsables das responsabilidades de cada un e agardábamos a que os xefes se sumasen e tirasen do carro como calquera de nós. E foi nese preciso instante en que a lenda fíxose realidade. Explicóusenos a “Teoría da Pirámide”. Non dabamos crédito. Oiramos falar dela pero ninguén fora testemuña directa. Faladurías de tempos de café. Viñetas de Forges en “El País”.
Resumidamente, a teoría da pirámide ben sendo que en situacións normais, a administración pública ten unha estrutura piramidal na que, evidentemente, os funcionarios de base son a base e soportan ao resto da pirámide. Pero, en casos excepcionais nos que a situación administrativa require dun esforzo laboral suplementario, este recae exclusiva e indiscutíbelmente sobre a base da pirámide xa que dela depende que a estrutura non se veña abaixo. Non cabe que o persoal de nivel alto e medio baixe á base da pirámide para botar unha man porque logo a pirámide tamén caería.
E foi así que fomos coñecedores da sabiduría suprema que esta teoría emana. E foi tal a nosa incredulidade na vixencia desa teoría que dende aquela, a simple mención entre nós da mesma, nos preparaba e prepara para asumir unha actitude de chanza ou sorna.
A consecuencia deste espisodio, acordamos lembrar e escribir as anécdotas ou sucedidos administrativos que suscitasen en nós o humor e o bo rollito. Daí xurdiu “A Pirámide. Revista literaria choqueiro administrativa”, da que saíron catro ou cinco números dos que xa mostrarei algunha portada noutro momento.
E vendo que os medios evolucionan cara ás novas tecnoloxías, non podía ser doutra maneira que “A Pirámide” pasou a ser blog literario (tendes o enlace na sidebar como “outra pirámide”) e, finalmente, pasou a chamarse “revista ilustrada” para darlle un toque máis fotográfico e de grupo e abandonando un pouco a parte choqueiro administrativa debido ao carácter aberto e público que o blog ten e así evitar algún expediente administrativo que de seguro nos caería.

21.10.06

E seremos nós normais de todo?

Technorati, Bloglines, Feedburner, Haloscan
Blogger, Wordpress, Movable Type, flickr, Atom,
Creative Commoms, Javascript, Blogroll, CSS, RSS, trackball, ...
Podería dicir máis improperios destes pero son epiléptico e fáiseme que a medicación súbeme moito o alzheimer. Cando atopo un novo "trebellovirtualquefaidonosoblogmáisguai" fuchico na rede para ver as posibilidades e acabo nun estado de desazón estupendo. De maneira que xa non paso de cambiar o sistema de comentarios (rexistrado en haloscan estou pero de aí a poñelo no blog ...) ou de sindicarme (que ao mellor estou sindicado e non me enterei).
A historia é que vas vendo cousas doutros e doutras e gústanche, e queres metelas no teu humilde "folleto" e aí é cando caes na conta de que isto é un mundo inmenso en constante evolución e que precisa dunha atención constante e, sobre todo, de tempo. E de toda esta maraña de palabras impronunciábeis para moitos e moitas de nós, tiro eu conclusión de que considerándonos como nos consideramos tecnoloxicamente máis avanzados do resto do común, era ben facer unha revirada por ver se somos nós os normais e eles os felices na súa ignorancia. Comprobada está a teoría de que basta que haxa un usuario avanzado por cada 30 ou 40 "usuariodependentes" de inicio (despois xa a bola vai correndo e veste con embolados de xente que non ten o mesmo pasaporte ca ti), a avidez do ser humano neste aspecto deriva en ter de man un destes usuarios avanzados e non en practicar a curiosidade innata que seica temos. Localizado por un mínimo grupo un destes usuarios avanzados e demostrada aínda sen querelo a súa suposta capacidade en trebellos tecnolóxicos, xa non hai programa de protección de testemuñas que o ampare.
Coido eu que hai dúas solucións:
Unha: négaste e quedas de soberbio e de aí para arriba.
Dúas: arrenegas deste rollo e quédache a ansia para sempre.
Individualismo ou sociabilidade? Seremos nós normais de todo? Se liches isto poida que si, pero si o entendiches dígoche eu que non.

19.10.06

A Pirámide foi de magosto


a pirámide de magosto
Originally uploaded by querubini.
E aí nos vedes. Parte da pirámide foise de magosto (parte que non toda). Como veu sendo habitual neste evento, caían chuzos de punta pero nós sequiños de todo (ata un pouquiño afumados) grazas a espectacular mellora que ultimamente está tendo o noso club social en Berres. Castañas, panceta, churrasco e chourizos. Os postres mención a parte. Como vedes, alguén xa non se daba levantado da silla.

17.10.06

A Pícara de Allegue comentounos. Bendita sexa.

Estamos de noraboa. Mirando o outro día os comentarios das nosas entradas, atopei con sorpresa que tiñamos un comentario novo na entrada das cabronas fotos. Era de Marinha de Allegue. Estaba de acordo co que escribiamos sobre as cabronas fotos. Impresionado fiquei. Alguén que nos le sen que tivesemos que darlle o enderezo do blog escrito nun papel! Xa só por iso Marinha de Allegue é merecente da pirámide de honra e de que miredes o seu blog estupendo con fotos que nindiola. E tamén a imos poñer na listaxe de enlaces, que carallo!
Marinha de Allegue, non sabes o que nos subiches a autoestima