description

30.1.07

Escoitar música é un pracer... ás veces.

Isto vai dedicado a calquera que saiba aprezar a boa música. A diva do "bel canto" Florence Foster Jenkins deleitanos con esta aria divina gravada no Carneggie Hall en 1944. Ao longo da súa carreira esta millonaria artista tivo varios pianistas que a acompañaban (a maior parte baixo pseudónimo) e que demostraban a súa pericia na improvisación. Tendes máis información aquí

27.1.07

Alguén quere unha rifa?


Verdadeiro ou falso? A xogaaaaaaaaaaaaar.
O que acerte entrará nun sorteo dun auténtico e xenunino porco do país
que pode pasar a recoller en Vietnam.

24.1.07

Gústame Jane Austen pero estoume quitando.

Pois si. Gústame Jane Austen. Recoñézoo. Isto na administración é delito. Facer algo sabendo que está mal facelo chámase prevaricación. Non me importa. Chamádeme delincuente se vos place. Denunciádeme. Que toda a forza da "Operación Malaya" caia sobre min. Eu só quero declarar e estar tranquilo.

Eu comecei a delinquir sen me decatar. Son moi dado a navegar polas seccións de publicacións das consellerías. É un vicio coma outro calquera. Outros encanutan fotocopias do DOG. Nunha das miñas singladuras polas páxinas xunteiras, fun dar coa colección "As letras das mulleres" que coeditaban o Servizo Galego de Igualdade e a editorial Sotelo Blanco. Presentaban dous novos volumes. "Un cuarto de seu" de Virxinia Woolf e outro libro: "Orgullo e Prexuízo" de Jane Austen. O de Virxinia Woolf pareceume droga dura pero o de Austen antollóuseme. Total, por probar, non ía pasar nada. Movín un par de contactos e fíxenme con un exemplar. O deseño da cuberta non era precisamente agradable pero a encadernación era boa. Eu xa son moi anglófilo sen que me porfíen (historicamente falando) e o estudo introdutorio xa me meteu en materia. A tradución era boa e coidada.

Comecei. Un par de páxinas. Vaia folletín! Insisto. Moi suave. Un par de páxinas máis e alá vai un capítulo. Sen darte conta xa tés tres ou catro lidos. Cando volves ao mundo real levas duascentas páxinas sen te decatar. Acabei o libro nun par de días (527 páxinas). O peor ven despóis. Afaste ao estilo peculiar de narración (moi barroco e empalagoso) e cando te dás conta estás escribindo aos amigos e amigas correos electrónicos ao xeito. "Sería ousado pola miña parte atreverme a vos pedir quedar para ir ao cine? Confío na vosa bondade e bo xuízo e non me incomoda afirmar que ides considerar a miña proposta tan acertada como agradable." Qué? Hai síndrome ou non hai síndrome?

Aínda tendo ansia, non fun quen de ler outra novela da Austen. Sería ir directamente á sobredose. Preferín dar unha voltas darredor para ver que pasaba. Lembrei que tiña na casa un libro sobre a correspondencia entre Jane Austen e a súa irmá Cassandra. Unha desas tolemias que che dan no Norte Inglés cando andan coas Semanas de Saldos Fantásticos. Collín ese e outro das irmás Brontë (xa sei que me teño que mirar o da anglofilia histórica). O libro chegoume para outro par de días pero eu quería máis. Xa non tiña criterio propio. Andiven vagando polas librarías na procura de bibliografía sobre Jane Austen. Pasei vergonza pedindo que me encargasen algunha que outra biografía. Seguía sen me atrever a ler outra novela súa. Sabía que despois diso viña o abismo. Ao fin, merquei dúas biografías na sección de libros do Norte Inglés (non teño remedio). Comecei pola máis completa. Tiña colacao de Tojeiro para un par de semanas. Na casa mirábanme mal. Tiven que ler ás agachadas. Rematei pero seguía con ansia. Collín a outra biografía pero era moi frouxa. Un sucedáneo. Mergulleime na Rede a buscar algo que me calmase. Atopei o que se me antollaba todo un paraíso. Sociedades Jane Austen nas máis variadas partes do mundo, casas-museo nos lugares onde viviu, congresos internacionais onde se trata á autora e a súa obra dende a perspectiva máis inpensable. Tendas con todo tipo de excéntricos artigos promocionais. Festas conmemorativas. Lecturas teatrais das súas novelas. Adaptacións cinematográficas, fondos documentais, etc. O éxtase.

O enganche continuou. Lin un libro de Espido Freire (tamén adita) e unha veciña pasoume en dvd a versión de "Orgullo e Prexuízo" que a BBC fixo no 1995 e que todo austeniano ou austeniana considera a mellor adaptación ao cine de cantas se fixeron (incluída a que se fixo o ano pasado e que ven sendo pésima). Aquí xa toquei fondo. Decidín desfacerme de todo e borrar a Jane Austen da miña cabeza. Paseille os debedés a unha amiga. Gustoulle. A ela e a un montón de xente máis. Agora cúlpome a min mesmo por espallar esta adición polo país adiante.

Pero estoume quitando. Pouco a pouco. Merquei outra novela dela antes do verán pero só vou pola páxina cen e hai un mes que non a collo. A familia fálame de novo e ven que fago un esforzo por deixar atrás todo este pesadelo. Non podo dicir que non me guste porque é mentira pero todo, na súa xusta medida, non pode ser malo.

18.1.07

A VER, QUE PASA COAS BICIS?


Semos uns poucos bichos raros os que, no medio do inverno, dásenos por movernos en bici. E non é por dar unhas reviravoltas pola citi, que isto no é Amsterdam. E que se botas contas, a pé non te chega o tempo a nada e en coche, aínda menos, e asemade acabas cabreado. E por Deus, non me veñades con iso de que Santiago é unha aldea; probade a movervos andando (por exemplo) dende a Xunta ao estadio universitario, logo ao centro e, de postre, á Area Central. En bici: pouco máis de media hora; andando: hora e media; en coche: aseghún o que axude o tránsito. Para resumirmos, Santiago xa non é unha aldea e cumpriría que se fosen habilitando vías alternativas para bicis. Claro que, pola marcha que leva a cousa, iso entra no apartado da ciencia-ficción. Iso si, no medio deste deserto de propósitos veño de albiscar algúns agromos de esperanza: comezan a medrar, coma cogumelos, os aparcadoiros de bicicletas. ¿Por que tanto aparcadoiro e tan pouco (ningún) carril-bici? Ata un tonto coma min pode dar coa resposta: porque atornillar catro ferros ao chán non supón obras nin investimentos significativos. Total ao final, o que importa é a intención.

Así están as cousas: vou pisando o acelerador (léase piñón longo) para chegar a tempo a escola de idiomas, que non está precisamente céntrica, e cando chego... toma! acaban de instalar outro aparcadoiro. Pois mira, eu sigo atando a bici á barra das escaleiras que é máis doado e non se molla tanto a bici. E non son o único. Polo menos que lle instalaran unha marquesiña... Que se metan o aparcadoiro polo Q.

E xa postos, se me deixades esbardallar un pouquiño máis, e sen que veña a conto, vou facer unha somera relación de cousas polas que os ciclistas tentan saír dos arcéns das estradas, aínda a risco de que che deixen xordo a pitidos ou te succione un camión a 100 km/h: baches, quitamedos, animais mortos, moreas de gravilla, restos de coches, cristais, lixo, coches mal aparcados, peóns, sumidoiros, maleza, sinais mal ubicados, obras, desaugues, etc. etc. Pior aínda, cando de súpeto desaparece o arcén porque entras nun paso estreito, nun acceso a autoestrada ou unha macro-rotonda. Asegúrovos que é unha experiencia acojonante. Iso sí o que gañades en adrenalina o aforrades en modernas atraccións de feira.

Total: as bicis son para o verán. Por sorte só quedan cinco mesiños para o San Xoán...

16.1.07

Un pouco de autobombo.

Quen nos ía dicir a nós, pobres traballadores e traballadoras piramidais da pública administración, que iamos saír en Vieiros (no pequeniño recuncho do blogomillo). Agora si que a fixemos boa. Disto van saber polo menos os gabinetes de prensa da Xunta. Un saúdo moi cordial a todos eles e elas. Non vaia a ser o demo...

15.1.07

O bazar chinés da Xunta

A quen non lle deron un agasallo de promoción? Referímonos a eses chismes que os bares, froitarías, gasolineiras, bancos (estes menos, loxicamente) e outras empresas e establecementos dan para quedar ben coa clientela.
Durante moito tempo o presente por excelencia foi o calendario (tanto o de colgar coma o de levar na carteira). Onde van eses calendarios cos animais en pose riquiña ou a virxe da Macarena?
Outro agasallo moi usado hai anos era o chaveiro. Cantos bares, tabernas ou mesóns non tiveron no chaveiro o seu principal obxecto de decoración.
Despois, o regalo promocional fíxose máis variado. Bolígrafos, borralleiros, axendas, camisetas, pins, chisqueiros, paraugas, gorras, maletíns, carpetas, alfombras para o rato, cadernos, estoxos, figuriñas e calquera outra cousa que podedes atopar perfectamente nun bazar chinés ou nunha tenda de todo a un euro.
Damos por suposto que as empresas fan este tipo de presentes como método de captación de novos clientes ou como premio á fidelidade dos de toda a vida. Tendo un descoñecemento case total do funcionamento da mercadotecnia damos por razoable este tipo de estratexias empresariais (a onde vas tolo? a onde van todos). O que non nos cadra é cando a empresa non precisa facer unha estratexia deste tipo porque exerce un monopolio sen límites. Que sentido ten promocionarse entre os clientes si a estes non lles queda outra?
Insistindo no noso descoñecemento da mercadotecnia, non acabamos de entender por que unha das maiores produtoras e consumidoras deste tipo de presentes é a Xunta. Aquí chámanselle regalos promocionais ou de cortesía segundo o seu valor e a quen van destinados (si os dan a tododios nunha presentación, son promocionais; si os da o xefe de turno son de cortesía).
Algúns forman parte de campañas publicitarias que promoven iniciativas políticas que fan que se queden máis doadamente na memoria (quen non se lembra do “Seguriño”). Outros teñen a misión de agasallar á personalidade ou ao alto cargo de turno para abrandalo ou predispoñelo a favor.
Moitos destes obxectos non saen da mesma administración e pasan a ser moeda de cambio entre departamentos como pago na axilización de trámites. A presteza e celeridade na xestión é proporcional ao valor ou número de agasallos que se fagan. Pobre do departamento que non teña algún tipo destes artigos de promoción; arríscase a ter ralentizados decisivos procesos administrativos. Neste aspecto, hai departamentos produtores (direccións xerais de actividade pública) e departamentos consumidores (intervencións, asesorías xurídicas, secretarías de conselleiros e conselleiras habilitacións, inspeccións, ...). O tráfico deste tipo é de sobra coñecido no eido administrativo e non faltan funcionarios e funcionarias que van aos departamentos produtores preguntando descaradamente: aquí que dáis?
É tal a variedade deste tipo de presentes que rímonos todos do “frikismo” privado. Por iso amosaremos de cando en vez algún destes agasallos de promoción ou cortesía para que vexades as infinitas posibilidades que a administración ten de quedar ben.
Na foto (tirada ao máis puro estilo da espionaxe clásica) podedes ver a embalaxe dun auténtico “MP3 Digital Music Player”. Se cadra, forma parte dunha desas decididas e necesarias inversións en I+D+I que fan que Galicia avance con seguridade cara sociedade das novas tecnoloxías. Parece que a cousa conta co beneplácito e a pasta da Unión Europea (non fai falta máis que mirar o logo coa bandeirola das estrelas a carón do da xunta) pero é posible que esteamos errados e non deixe de ser que o trebello está fabricado segundo as normas e directivas da Unión que regulan o consumo de agasallos promocionais. Este trebello encádrase na categoría de agasallo de cortesía polo seu valor e innovación no eido do “para ti, para que me debas un favor”. Nestas cousas, o valor é proporcional ao secretismo da súa existencia.



AVISO:
A Pirámide, na súa obriga de non deixar co cú ao aire as súas fontes, non respostará a ningunha ansia de saber cómo pode un facerse con un trebello coma este nin calquera outro que aquí figure. Que a Xunta faga un bazar institucional con sucursais en todo o país. A mágoa é que daquela estas cousas serían de pago.

8.1.07

Sospeito que subes ou baixas.

Despois de ano e pico de goberno bipartito, estase a crear certo dilema no seo da administración pública. A cousa comeza como segue.

Coñecido é o uso indiscriminado de asesores que facía o goberno de Fraga. A maior parte como pago de favores ou como ETT pública para familiares de afiliados merecedores de tal honra por ser iso: afiliados. Moito teñen denunciado os sindicatos do ramo tal exceso, ao ver que a administración pasaba a ser unha coordinadora de fundacións e empresas públicas que, en moitos casos, non tiñan outra función que a de empregar a persoal que tiña certificado de “adhesión a la causa”.

E chegou o “Nunca Máis” e o “Hai que botalos”... e botámolos. Houbo un acordo de goberno para que a cousa mudase e houbese un xiro de 180 graos. E chegou o bipartito á administración con ideas (ía poñer moitas ideas pero non estou seguro) e fixo, supoño eu, unha análise da situación. Unha recua de altos cargos por cesar (funcionarios de carreira a maioría) que pasaban a disposición dos novos gobernantes para situalos onde tivesen a ben, pero sempre na categoría que lles correspondería por lei (a máis alta, que xa se encargaron no seu tempo de que así fose). A xunta encheuse de ex altos cargos vagabundeando polos corredores e ofrecéndose ao consello asesor, fundación ou empresa pública de turno para rematar coa vergonza que lles supoñía compartir despacho ou departamento con quen antes eran simples subordinados, sen unha función adxudicada que non fose a de ler “El Choteo Gallego”.

Aos cargos medio-altos (falo de subdirectores xerais e xefes de servizo), tamén lles chegou o seu tempo e foron cesados a maior parte. Pero cómo encher estes postos que por lei deben exercer funcionarios de carreira da máis alta categoría e con experiencia na xestión e na administración? Pois é ben doado. Cos mesmos que foron cesados pero en diferentes postos. Non ben cesaban nunha consellería cando á semana seguinte aparecían noutra con un posto similar ou mellor. Os mesmos con distinto traxe.

Despois de feita a análise, que eu supoño que se fixo, o goberno acordou que o persoal funcionario de alta categoría non podía ser de fiar polo que, para levar adiante o seu programa debía de proverse dun número elevado de asesores e gabinetes que fixesen o traballo que, en teoría, debían facer os funcionarios sospeitosos de non adhesión. O número destes asesores (toda xente JASP) incrementouse considerablemente mesmo ata chegar a un 40% do persoal nalgúns departamentos. O número de fundacións, empresas públicas ou consellos asesores non mudou substancialmente polo que a situación da administración é a de manter aos ex-altos cargos de Fraga recolocados e aos asesores de agora recén colocados. Os sindicatos (algúns máis e outros menos) denuncian a situación. Mesmo a CIG fai máis fincapé nas consellerías ao cargo do BNG nas denuncias de excesos na contratación de asesores e de falta de ética e obxectividade no desenvolvemento das súas funcións.

Para non facer evidente un choque entre dúas maneiras paralelas de traballar dentro do nacionalismo (política e sindical), o grupo político nacionalista promove certas opinións mediante artigos en prensa e posicións políticas internas nas que se xustifica a actuación do goberno do seguinte xeito:

Sendo evidente que para facer un cambio no país e tal como está o sistema clientelar herdado do PP na administración pública, non se pode confiar nos altos funcionarios para levar a cabo as tarefas de goberno se non se quere caer na trampa do obstrucionismo. Ante isto, cómpre traballar con persoal de confianza, aínda que ese persoal non sexa funcionario nin teña idea do que é a xestión administrativa. E aí vai o dilema. Qué deben facer os sindicatos? Denunciar o exceso alarmante de contratación a dedo de persoal de gabinete co gasto arbitrario de fondos públicos que iso supón, ou calar a boca e xustificar a falcatruada como mal menor para levar adiante as iniciativas que sacarán ao país do atraso no que estaba na era Fraga? Qué é mellor, denunciar actos eticamente reprobables dentro da administración pública (sexan feitos polo goberno que sexa) ou xustificalos polo ben da sociedade galega?

Éche un bo dilema e calquera das opcións podería ser razoable, pero o verdadeiro problema desta situación segue sen resolverse e non é outro que a utilización partidista da administración pública e a desconfianza do goberno, sexa o que sexa, na obxectividade do funcionariado (que coma o valor do soldado "se le supone"). Despois de todo (ou a pesar de todo), os traballadores da administración pública forman parte da sociedade galega e tamén a eles se lles pode aplicar algúns dos tópicos que a mal definen. Sinto ter que acudir aos tópicos pero aquí poderiamos falar de “depende” e “non se sabe se subimos ou baixamos”. Parece ser que iso en política non é ser obxectivo; é ser sospeitoso.

4.1.07

OLLO COS REIS


... e entón, sentadiñas como estaban cada unha na perna de Baltasar, a Luísa falou primeiro: "como este ano fumos moi boas, queremos, queremos... ser famosas e que nos lembren por sempre", e a Gelita engadíu "iso, iso, e que nos fagan unha estatua na alameda!!!". E "pum!!" o rei negro, que é o máis milagreiro, concedéulles os desexos. E colorín colorado, este conto xa está rematado.

2.1.07

De onde veñen os Reis... agora?

E Aznar e o seu amigo Bush puxéronse a falar destas datas do Nadal e Jose comentoulle o dos Reis de Oriente que veñen por estes lares cada ano:

-Pero de Oriente, Oriente?
-Si home, si. Cargadiños de regalos veñen.
E non ben dixo isto o "inocente" expresidente cando xa Bush estaba montando un operativo para parar todo canto comando en camelo se achegase a terras occidentais en defensa da liberdade e a democracia.
-Pero como non me contaches isto nas Azores, Pepe? dicíalle Bush mentres collía o "bibliófono" por se deus lle dicía algo ao respecto.
-Xurxo, coño! que xa tiña a carta escrita. E como non cheguen os reis, vaise montar un pifostio que nin o de Irak.
-Non te preocupes. Xa teño xente traballando niso.