description

16.2.07

A Xunta como esperpento.

Un funcionario da xunta está cabreado co secretario xeral da súa consellería. Está a facer funcións que lle corresponderían a outro traballador con unha categoría profesional superior. O funcionario comproba que noutras consellerías as funcións que está a realizar están efectivamente desenvolvidas por persoal de superior categoría profesional. E non só iso. Están a cobrar un plus por desenvolver esas funcións.

O home cabréase máis e fala co seu secretario xeral para expoñerlle a situación. O secretario entende a súa postura pero non vai facer nada ao respecto. O funcionario dille que si non cobra, polo menos, o plus que cobran os seus compañeiros, deixará de realizar as funcións que non lle corresponden. O secretario advírtelle que a liña entre as funcións que lle corresponden e as que non lle corresponden é tan fina que unha reclamación xusta pódese converter nun expediente disciplinario.

O funcionario decide poñerse en contacto cos servizos xurídicos do seu sindicato para considerar a posibilidade de reclamar xudicialmente as cantidades que lle corresponden polas funcións encomendadas. Os servizos xurídicos, despois de comprobar e revisar as probas que demostran categoricamente a legalidade da reclamación do funcionario, deciden facer denuncia formal da consellería en cuestión ante a maxistratura de traballo. Todo parece preparado para un xuízo en toda regra. Un de tantos entre as consellerías e os seus traballadores.

Pero, de súpeto, o caso da un xiro de inesperado. O funcionario, posiblemente despois de tomar algunha substancia estupefaciente (senón non se entende) e sen coñecemento dos servizos xurídicos do seu sindicato, decide por propia iniciativa consultar a documentación do seu caso co asesor xurídico da consellería á que pertence e que será quen a represente legalmente no xuízo. O funcionario, inexplicablemente, pon en antecedentes ao asesor xurídico (ao que non coñece de nada) da reclamación que cre xusta, amósalle a documentación presentada en maxistratura e pídelle opinión sobre as posibilidades de gañar o xuízo. O asesor séntese un pouco sorprendido pola ilóxica manobra que o funcionario está a facer. Inmediatamente estuda ben polo miúdo a documentación que lle achega o funcionario, consulta algunha lexislación ao respecto e pide opinión a outros colegas sobre a situación. Despois dun tempo de fonda reflexión, o asesor devólvelle a documentación ao funcionario e nun ton entre serio e dramático sentencia:
-Tienes todo bien atado, fulanito. A por ellos.
Nin que dicir ten que quen perdeu o xuízo foi a consellería.

8 comentários:

Micas disse...

Per supuesto...é carnaval ninguém leva a mal!!!
e falando de carnaval, a morriña que tenho dos carnavais de Xinzo e de Verin, esses sin que son carnavais de verdade.
Unha aperta

moucho branco disse...

mmm.... o que mais me gusta dos funcionarios é que ao final son dos poucos que defenden os seus dereitos laborais, que o dá a seguridade que noutros lados non tes... pois si, pero da gusto.

X disse...

É que non lle hai nada como estar ben asesorado :D

Anónimo disse...

Ai, meus reis, que ben o pasades, pero está moi ben, que os problemas compartidos son medios problemas. Ei, a seguir choiando, eh!, que os cidadans necesitámosvos, mal que nos pese!!!!

Paco Penas disse...

Andiven husmeando no horario nas que postea e cheguei a conclusión de que vostede é un funcionario que traballa un día pola mañá e outro pola tarde :-)
En canto as inxusticias dos traballadores nas consellerias non teño máis remedio que ser solidario porque os que traballamos no sector servicios non padecemos desas enfermidades.

A pirámide disse...

Amigo Dorvisou. Recoñezo humildemente a súa capacidade deductiva e si, eu mesmo teño horario de mañá ou de tarde. En canto aos horarios nos que posteamos, non se fíe moito. Seguro que sabe que se pode programar a publicación dos post cando un queira. Tampouco esqueza que A Pirámide é un colectiblog e somos máis dun os que posteamos aquí.
Mais parece que nos estamos a xustificar por postear en horario laboral. Nada máis lonxe da nosa intención. De feito, este comentario escribímolo en pleno horario laboral (en pleno horario laboral dalgúns de nós por que eu concretamente estou de tarde).

Paco Penas disse...

Meu benquerido amigo, prométolle non volver a facelo :-). Teño por seguro que si eu traballase con un ordenador e con unha conexión a internet, a minha productividade veríase moi mermada por culpa súa e do blogomillo.
Asegúrolle que o meu comentario fíxeno cun sorriso debuxado nos beizos.
Saúde e terra.

Anónimo disse...

Un funcionario, pode acodir a Maxistratura?. Dende cando?. Non sería a un Contencioso? Ou ben eso ou o tal funcionario sería persoal laboral.