description

10.2.07

Xunta 2.0

A través de vieiros temos coñecemento de que o presidente presenta a "Carta de dereitos cidadáns de Galicia". O documento véndese como unha relación concreta e detallada dos dereitos fundamentais que asisten ao cidadán na súa relación coa administración galega. Non sei onde está a relación detallada (e ben que mirei as 16 follas con letra en tamaño grande). Ao mellor é que tiñamos no maxín a Declaración dos Dereitos Humanos onde veñen clariños e un por un os dereitos que, só en teoría desgrazadamente, nos acollen a todos e a todas. Non é así. Ven sendo unha declaración de intencións coa que se pretende abrir a administración á cidadanía; que participe no desenvolvemento de propostas normativas que recollan de maneira explícita os dereitos que a defendan ante a administración pública. A Pirámide, xa leva bastante tempo nisto de traballar na xunta e esta carta, sobre todo os oito puntos do apartado "A participación como método", chéiranos a palla administrativa. Nós propoñemos que a palla administrativa sexa elevada á categoría de xénero literario. Coa ciencia fición andaría así, así. Ven sendo a arte de xustificar de maneira lóxica e coherente os feitos ou intencións máis arbitrarios e demagóxicos. Algunhas propostas de pagamento son dignas de publicación editorial. Detrás de cada auxiliar administrativo pode haber todo un talento literario por emerxer pero, lamentablemente, os seus textos non irán máis alá dun arquivador coa partida orzamentaria do ano en curso escrita por fóra.
A xunta 2.0 é unha palla administrativa lóxica e coherente. Do melloriño que se leva feito en moitos anos; pero nótase que non está feita por un profesional. Posiblemente a escribise algún asesor de gabinete. Agora, calquera se mete a literato.

1 comentário:

moucho branco disse...

Somos moitos os escritores de fantasía e ciencia-ficción reprimidos, non me extraña nada que algúns caesen na rede funcionarial da xunta, :P