description

7.6.08

Ultracapricho

Hai algunhas entradas, contaba que estaba tolo pirdido por un trebelliño que se me facía moi chusco para isto de bloguear de repente cando les o carteliño de "Temos wifi" sen ter que levar o ombreiro partido co maletín do portátil dun lado para outro. O trebello chámase Asus Eee Pc pero non vou loar de novo as súas virtudes, senon contar as miñas experiencias.



Este é o ultraportátil (nome polo que son coñecidos estes aparatos, aínda que a min sóame a súperheroe de manga) que chegou ás miñas mans. Non peguei un chimpo cando me dixeron si o quería probar uns días por non revelar o meu "frikismo" estando de servizo, pero os meus ollos fixeron un zoom óptico raiando no dixital (vaia frase máis "geek" me saiu). Cheguei á casa e saqueino da mochila coma quen saca un pitiño da caixa. Como vedes, a alguén máis lle fixeron un zoom os ollos.


Cousa pequena, mi madriña. Pouco máis é que unha caixa dun DVD pero bastante robusto e moi lixeiro. Despois de asesorarme sindicalmente, podo dicir que a Lei de procedemento administrativo é máis pesada e bastante menos atractiva ondevaiparar (e non digamos esta edición comentada pola asesoría xurídica da xunta).


Mágoa que fose negro (a min gustábame branco) e que tivese windows xp (eu quería linux) e aínda así, o cacharriño ben vale para o que se precisa del. O teclado é diminuto pero, como calquera bo funcionario que se preze, son de dedo fino e afíxenme ao tamaño en pouco tempo.
A internet por cable, perfecta (con wifi non puiden probar), tiraba dignamente do office 2003 (moi ao meu pesar) e da cuestión multimedia (pelis e música), non houbo queixa. Iso si, o que pense editar vídeo ou crear imaxes vectoriais, que se vaia esquecendo porque todo ten un límite.


O único mal detalle que lle vexo é a pantalla. É cativa de máis, e iso significa que na rede e noutras aplicacións tes que usar todo o tempo a barra lateral. Unha pantalla un par de pulgadas máis grande e unha resolución maior e non tería que pensar moito para mercar un. E debemos de ser ben de xente matinando no mesmo porque, para o outono xa poderemos ver algo así por aquí. Ese e algúns máis coma ese (HP, Acer, MSI, Dell, ...), e todos por menos do que custa a vídeoconsola negra. Tendes de tempo dous silenzos administrativos para portarvos ben e ir pensando nos reis, que por cacharriños destes, ides ter ben onde escoller.

8.5.08

Nom tés cargo



Grazas a Besbellinha (a nosa administrada favorita) enterámonos de que Projecto Mourente ten novo traballo musical. Kara.o.ke vense chamando. Toda unha invitación ao baile sen complexos.
De momento, podedes escoitar un avance no seu MySpace.
Polo número de reproducións das pezas avanzadas, parece que o "Chuliboy" vai camiño de ser o exitazo deste disco, cousa nada inesperada polas expectativas creadas hai algún tempo.
Por gherrear (na súa acepción de discrepar gratuitamente) e porque o vemos de cando en vez, aínda que non máis do que nos gustaría, gustamos do "Nom tés cargo" (última peza da lista), que fai un retrato bastante fundado do que, tarde ou cedo, é o futuro dos cargos administrativos. Na primeira estrofa xa dá de cheo na liña de flotación dos privilexios do alto cargo. Iso de ter un coche de alta gama agardando por ti a calquera hora e en calquera lugar ten que enganchar de moito raio. Mesmo algúns teñen tal dependencia, que queren ter dous condutores por quendas para que lle poidan seguir o ritmo. Despois ven o cese e dálles un baixón espectacular. O do salario xa tanto lles tén (co do plus xa o teñen amañado), pero o de estar sen chófer non hai metadona que o suavice. Nestes casos a historia non mudou moito. O de ter carruaxe e corte (chamádelle gabinete) sempre foi sinal de vida privilexiada.
Mais cremos que o do baleiro sentido nas súas vidas na fase post, non é o que máis lles afecta. É o sentimento entre humillación e vergoña (algo parecido ao do Barça estes días) o que máis lles acaba preocupando. Estás cesado, non vales, es un incapaz, un inepto e as túas ineptas accións van ser a túa carta de presentación alá onde vaias. Como para pensalo, non? A min, si me ven Zaplana (por moitos millóns que cobre) a venderme algo, en canto o vexo entrar pola porta, un pequeno sorriso cabrón non o podo evitar. E el decatarase, pero a ver si é tan chulito de dicirme algo.
Coa chegada do bipartito houbo unha lóxica tempada de "Nom tés cargo". Despois de dous anos e pico de exercicio de poder, algúns están tan sumamente enganchados a el, que quérenlle máis ao seu condutor que á súa nai. Vélos pasar e dache gañas de dicirlles o do anuncio do Gadis, "Vas caer",
pero sería inútil. Son adictos e están enfermos. Non ven moito máis alá do chute de coche oficial de hoxe ou do colocón en clase "business" en Iberia de mañá.
Pois iso. Que a peza esta de Projecto Mourente retrata moi ben o asunto. Este ben vale para funcionario, aínda que non seremos nós quen lle desexe este mal.

Unha última cousa. A nós, a peza que máis nos gusta é "Cobro em B", pero diso oficialmente, temos que dicir que non sabemos nada.

24.4.08

A xunta vai querer Ubuntu? Nós si.

Estamos moi contentos, porque o conselleiro de presidencia é moi fan de Enjuto Mojamuto e seguro que non se perdeu o episodio de onte (si estaba liado, poñémosllo nós aquí). E como na xunta o do "i love you" e tantos outros teñen feito moitos estragos, pois temos a certeza que supostamente vai dar as instrucións oportunas para que a administración galega adopte o sistema Ubuntu nos seus ordenadores. Vai ser moi duro, porque microchof vaille dar ben de moquetes e política lingüística vai chorar despois de sacar, coa venia, a tradución ao galego de varias aplicacións do matón informático.
Mágoa que para a denominación oficial do ubuntu do país o nome de Xubuntu xa está collido, pero malo será que non poidan sacar un concurso para buscar outro (e non nos referimos a este concurso precisamente).
A ver si con ironía galega e presionando un pouco...

18.4.08

Enjut@ Mojamut@



Atopamos en varios blogs este meme que pretende coñecer un pouco máis do uso da internet no universo feminino (e/ou masculino se cadra e ten interese). É o bo que ten ser vari@s os que fan este blog. Que tanto valemos para un feminino que para un masculino. Selva de Esmelle abríu o convite para quen tivese a ben e nós (a parte piramidal feminina) ímonos atrever.
Agora teriamos que poñer o que poñemos sempre que facemos un meme. Que normalmente é algo persoal, que ao ser un colectiblog é moi difícil poñerse de acordo, bla, bla, bla... "su tabaco gracias".
Desta vez ímolo facer repartido e cada unha contesta a que lle cadre e sóbranos unha que imos xogar aos chinos na hora do café.

Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Entre un dúo e un trío. Cando acabo co dúo e teño algo de tempo antes do trío.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> A do choio, a do gogle, a do mesenller, a do iajú, a que ven coa conexión, a dos rexistros varios e algunha máis, pero xa tería que mirar na libreta.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Que saiba, do flickr. Ultimamente, ando a darlle voltas ao LastFm pero teño medo.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> Blog, blog. O do Flickr só para gardar as fotos e velas en calquera lado. Algún comentario teño recibido ou teño mandado, pero pouca cousa.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Eu persoalmente catro. Téñoas máis aburridas. Si por min fose, botábaas do blog. Despois identificadas, algunhas máis pero facémonos as suecas.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@> Entre vinte ou trinta e subindo. Así estamos, que de tanto ler aos demais, non temos tempo para facer nós.
Como o convite xa está aberto a tododios non somos nós ninguén para limitalo, pero estamos interesadas nas respostas de Besbellinha, Elianinha e o Tevabuena (aínda que non sabemos si estas...)

25.3.08

Bryan Ferry. Onde vai o dandismo?

Aquí a unha pirámide das nosas acordoulle este tipo e non parou ata que lle demos un cd cos seus grandes éxitos que encontramos tirado na rúa. É que non paraba de canturuxar o "Avalon" cando falabas con ela por teléfono e houbo que encontrar un tirado na rúa.
Non se lle pode negar que tiña estilo propio. Unha mistura entre chulito sobrado e dandi fóra de sitio. Non negamos que alguén o pode considerar como o tío máis elegante do redondel musical dos anos oitenta; aínda que para iso tampouco se necesitaba gran cousa. De feito, el non pasaba do traxe negro e camisa branca (o que lle daba un toque funcionarial que, desgrazadamente, aínda está vixente polos despachos xunteiros). Nós cremos que a presunta elegancia ten a súa orixe no flequillo. Sen flequillo, o home este non pasaría de funcionario de vella garda pegado a un portelo mirando aos administrados coma pobres ignorantes culpables dalgo.

Este vídeo xa ten os seus anos pero recoñécese perfectamente a década dos oitenta pola estética e porque o pon ao comezo. Canto neón, mi madriña. Non sei como non quedamos cegos de tanto coloriño fluorescente que había. O de Avalón non o poñemos porque estamos saturadirmos del.




Neste o artista en directo hai un ano. Como vedes, leva o mesmo traxe. A saber cantos trienios ten xa.

11.3.08

Deporte de oficina


Grazas ao Ateneu Popular atopámos, este estupendo método para achegar a ecoloxía ao deporte. Na Pirámide xa o temos practicado dende hai tempo e non é por nada, pero os nosos tiros de tres eran bastantes maís difíciles cá estes e ata nos ten saído algún que outro hale-hoop. Agora estamos un pouco desentrenados.
Animamos a calquera departamento administrativo a poñer en práctica o método coas papeleiras e os caixotes do papel para reciclar. A ver se isto vai ser o comezo dunha liga de veteranos.

7.3.08

Xogar no patio

Na xunta estamos no tempo de xogar no patio. É polo das eleccións, si, pero non so durante a campaña. Xa levamos así dende hai algún tempo. De cando xa comezan os partidos a colocar a súa xente nas listas que se está a xogar no patio. Imos explicar como poidamos o da expresión xogar no patio.
Cando comeza o tempo preelectoral (e estamos a falar de medio ano antes do "election day"), os altos cargos da xunta e os partidos que os substentan comezan a tomar posicións estratexicamente en función dos seus intereses electorais e/ou do morto (léase consellería, secretaría xeral ou outros organismos) que teñan enriba. En función diso, o partido de turno aconsellará agachar as funcións encomendadas ou darlle bóla toda canta haxa para que a xente vexa que se fai algo. Isto tamén pode variar pola influencia de varios factores (lease sondeos de opinión ou debates políticos) que poden facer agochar certas áreas de poder das que antes se mostraba fachenda ou viceversa.
Nun principio, todos saen a xogar ao patio. Os mandóns do colexio din ao resto da rapazada a qué xoga cada un (ás agachadas ou as bólas). A algún non lle gustará xogar ás bólas porque as bólas que ten son como as de plastelina, pero si non quere saír do patio dunha patada no cú, vai ter que xogar ás bólas. Outro estará encantado de xogar ás bólas e mesmo vai gañando ao güá, pero antes de meter a bóla no burato, chega o mandón do patio e dille que se deixe gañar e que se vaia caladiño a xogar ás agachadas. É fodido que che fagan iso, pero máis fodido é ter que sentarte co cú dolorido.
O de xogar ás agachadas tamén é fodido porque hai que calar ben a boca e ter todo ben tapadiño, non vaia ser que che veña o que panda (lease a oposición) e canturree:
-Polo secretario xeral de Chiqui-chiquiii; que se lle vai caendo un expediente ilegal presuntamenteee.
E o secretario:
-Non ta-aaal. Non é un expedienteee, que son uns supostos prácticos do curso de directivos que estou facendooo. Halaaaaaa.
E a oposición retrúcalle:
-Éme igua-aaal. Aínda que sexa mentira, xa saíches á palestra públicaaa; e isto crea debate e/ou crispación segundo nos conveñaaa. Halaaaaaa chúpateee.
E ante iso, o secretario non lle queda outra que buscar unhas boas bólas por ver de gañar ao güá ou poñer o cuíño e levalas ben levadas.
E así anda a xunta dende hai un tempo. Departamentos que desaparecen do mapa administrativo e outros que non se sabe de onde saíron e que agora están co peito inchado. Uns xogando ás bolas e outros ás agachadas. Cousas de xogar no patio.

21.2.08

Pequeno decálogo para asesores de altos cargos.

1.- Procure integrarse no contorno administrativo o antes posible. Sexa simpático e agradable cos funcionarios por moi repulsivo que lle resulte. O seu alto cargo non o verá con bos ollos pero é vostede quen ten que loitar corpo a corpo.

2.- Non adopte con eles a postura do “faime isto agora mesmo, porque como non mo fagas voullo dicir ao alto cargo que me respalda e vaste a enterar”. Queda feo e infantil e non se extrañe se ao virarse escoita algun marmurio relacionado coa súa nai.

3.- Non é preciso que fale mal da oposición política diante dos traballadores da administración para demostrar fidelidade pública ao seu alto cargo. Como se di na administración, iso “xa ven de oficio”.

4.- Evite menosprezar ao persoal administrativo, porque eles non o farán. Como moito espertará neles indiferencia ou envexa. Considéreo como algo positivo.

5.- Si o alto cargo que o designou lle fai caso en todo o que di, desconfíe. Vaino facer directamente responsable e como o choio falle...

6.- Si o alto cargo que o designou non lle fai caso en nada do que vostede di, non insista. Manteña a calma e viceverse a Descartes: si non penso non existo.

7.- Dende o seu primeiro día como asesor procure dedicar todo o tempo e influencia que poida en buscar outro choio. Senón mellor (que non o hai) si máis estable e agradecido. Lembre que o traballo do seu alto cargo irá vencellado ao seu de por vida e si el fai unha pifiada, vostede será coñecido como o asesor do alto cargo que a pifiou. Non quererá que iso apareza no seu currículum, non si?

8.- Non perda o tempo preguntando aos seus colegas canto gañan. A certos nivéis xa tanto ten. Calquera gañará máis que vostede si fai preguntas estúpidas.

9.- Si pretende ter unha relación laboral máis estable dentro da administración (e vai querer), comece canto antes. Asine documentación oficial e asuma funcións claramente administrativas ostentando cargos inexistentes (responsable de promoción e difusión e non gabinete de prensa). Non importa que a normativa o impida. Eses documentos acreditarán que a administración consentía o seu finxido cargo e malo será que nun xuízo non lle caia un postiño de laboral indefinido. E se non cola, tamén pode poñelo no seu currículum. Queda máis disimulado que poñer un simple asesor de alto cargo, que nalgúns sitios cheira moito a cara vagancia.

10.- Si vostede é mencionado nalgún boletín sindical (e non ha ser por cousa boa), manteña a calma. Altere lixeiramente o seu aspecto (quite a garavata ou esqueza o traxe-chaqueta) e mimetícese no escuro mundo do funcionariado. Fume só ás portas da consellería ou faga as compras a media mañá e leve ben visibles as bolsas do alcampo polos corredores sen ningún tipo de reparo. Tododios pensará que é vostede funcionario.