description

30.8.07

O VECIÑO CANTANTE

Agora que volvemos ao cole hai que ir falando de cousas serias. Velaí un video de "psycho singing cat", o famoso gato de Miami que imita a Julio Iglesias. Non pasa de ser mera coincidencia o feito de que o michiño sexa veciño do astro galego e que entre silandeiro, todas as mañás, a comerlle o almorzo mentres aquel canta o "Güendolin" na ducha. Persoalmente non son quen de distinguir se é Julito que se está a aclarar a gorxa ou se é o micho que entoa a canción entre grolo e grolo de café. A ver que vos parece a vós.
(Nota: pór cascos ou altofalantes)

17.8.07

Tsunamis de pircina.

No blog de Kirai, atopamos este vídeo do tubo.
Eu son máis de piscina que de praia pero despois disto, voume facer máis de bañeira.

10.8.07

Repartindo funcionarios.

Segundo Xeración Nós, tocamos a un funcionario por cada vinte galegos e galegas. Sete horas e media de xornada por funcionario (un supoñer), tocan a vintedous minutos e medio para cada cidadán ao día. A normativa vixente di que temos vinte minutos de descanso por xornada, o que fan un café con cada un deles (polo do contacto directo, achegar a administración ao cidadán e tal) e sóbranos un, que lle imos chamar "vermú". Aínda así quedan outros cinco minutos para redondear de todo. Eses son os máis estresantes. Vinte cafés e un vermú non lle sentan ben a ninguén.
Por suposto, estamos a brincar. Ninguén aguanta moitos días tomando tantos cafés e vermús, pero seguro que hai quen o intenta.
Lei da Pirámide: o número de galegos e galegas que lle toca a cada funcionario é proporcional ao número de xefes e xefas que mandan nel.

18.7.07

Galego e ingles.

"Pues la verdad es que no sé ni para qué le enseñan el gallego a los niños si con el que aprenden en casa ya les llega. Además, si van a trabajar fuera no les va a servir de nada. Es mejor que aprendan el castellano o el inglés, que les va a hacer más falta."

"E non será mellor que aprendan a lingua dos seus pais e dos seus avós e que saiban escribila e lela para poder manter todo o tesouro que garda? Quen descoñece a lingua do seu país é un estranxeiro na súa propia terra."

E así comezou unha desputa máis sobre o galego. O extraordinario desta, é que a castelánfalante lle estaba a facer as ingles á galegofalante. Quen dixo medo?

13.7.07

Another "break" in the wall.

Trouxenvos unhas fotos do muro.
Que chula. Pero é o muro, muro?
Mesmamente.
Pois que pavero o cacho de muro. E mira unha cousiña, Lu. Ti cando fuches a Berlín que non me fun enterando?
E logo non che gusta o que ven coa foto?
Un plástico moi xeitoso. Plastificas moi ben as fotos, pero desta coáronseche unhas areas.
Serás papoio. Son unhas lascas do muro. Son tres, velas?
Vexo, vexo. E son de cores distintas.
Porque o muro está case que todo pintado con "alegorías e motivos decorativos" como podes comprobar.
Comprobo, comprobo. Pois práceme ter unhas lascas de guerra fría. A ver como llo explico á nena. Non o das mostras de cariño, senón o das políticas de blocos e o do Kennedy dicindo o de "Ich bin ein Berliner" (eu tamén son daquí).

1.7.07

Día do Clú.

Levamos varios anos facendo un picnic no noso club social (este debe ser o cuarto) e non vos imaxinades o que nos presta. Co mal tempo que tivemos, xa pensabamos que iamos quedar sen facelo pero San Pemán tivo a ben gardarnos un bo día e o evento celebrouse.
Como anda a Pirámide ciscada en comandos polos centros administrativos adiante, a organización e a eficacia é fundamental para realizar con éxito este tipo de actos e, por moito que vos pareza impensable, imposible e inaudito nunha panda de traballadores da administración, os trámites fixéronse literalmente dun día para outro.

Esta foto, amosa perfectamente que somos fervorosos seguidores da escola británica para este tipo de actos (menos a vaixela que é de auténtico plástico alcampeiro). Nada de mesas e cadeiras coa marca da cervexa ben grande. Eses foron outros tempos. Agora cadeiras, mesa e mantel integrados no marco incomparable.
O menú xa vedes que é campestre, campestre. Endibias con queixo camembert, pan de Cea untado en tomate con xamón e unha tortilla de patacas tan grande que ben arrebolada podería matar un home. De sobremesa, cereixas e un brazo de gitano espectacular. Do viño e as bebidas espirituosas non falo que tiña que conducir.

E despois de pasar e repasar as viandas falamos do administativo (ou divino) e do humano. O procedemento é o seguinte. Rematouse o postre. Alguén saca tabaco. Outro saca a cámara e comeza a buscar encadres tan imposibles que son os mesmos que os do ano pasado. Cotilleo administrativo de actualidade que deriva en cotilleo político de actualidade ou viceversa. Anécdotas choqueiro administrativas. Intento de meter o blog na conversa. Fallido. Que alta está a herba do xardín este ano. Foto oficial Picnic 2007. Como van as obras do club social. Concurso de traslados. Detiveron outra vez a Isabel Pantoja. Asombro. Era mentira. Risas e reprobación xeral para a de Saint Olaf polo vacile. Novo intento de falar do blog. De novo risas e reprobación xeral. Este ano vai ser que tampouco.
Despois da parola, chega a fase de exploración do entorno. Seguimos a organizarnos en comandos. Unhas collen chapeu coxín e mantiña por ver de botar unha soneca ao sol. Outros encamíñanse cara o interior da sede para loar os traballos de rehabilitación que se están a facer na sede do club. Este ano hai sorpresa. Unha flamante mesa de ping pong da que tiramos unhas boas risas e un dedo fodido. Algúns botan a andar pola avenida dos rododendros aínda que con dificultade pola altura da herba.
Rematada a fase de dispersión, concentrámonos de camiño á sombra do castiñeiro onde facemos un amago de merendola. De novo parola choqueira e o pesado da cámara rondando como as moscas. Dependendo da hora, liscamos ou damos un paseo pola beira do río e liscamos despois.
Como vedes, non é nada que non faga ninguén cos amigos nun día bo de xuño, pero nós témoslle tanta fe ao Santo Picnic que non vemos o día no que volvemos a botar unhas risas debaixo do castiñeiro.

26.6.07

Seguimos inapetentes

Que lle imos facer. Ultimamente gustamos máis do voyeurismo blogomilleiro. Ata comentamos menos. E non é que teñamos unha excesiva e inesperada carga de traballo, nin compromisos sociais ineludibles, nin máis labores domésticas a facer. Simplemente non nos sae. E para escribir por compromiso, pois case que non (xa nos chega ben coa inventiva administrativa propia das nosas funcións).
Supoñemos que a todo o mundo lle chegou nalgún momento unha época de intencionado pasotismo, de ver as dinámicas uebdouspuntocero dende dun punto estático. Como cando estás parado nun paso de peóns vendo pasar os coches aburridamente agardando a que o macaco do chapeu se poña verde. Pois o noso macaco tarda en poñerse verde e seguimos a ver pasar os coches dun lado para outro.
Na Pirámide imos ter proximamente un cónclave interno (que xa había tempo que non tiñamos diso) ao que denominamos oficialmente "picnic" e no que falaremos de síntomas, diagnóstico e tratamento. Vai chegar o día e non tratamos nada disto, ocupados como imos estar en dar boa conta das viandas para o efecto e dun tiramisú do país que nunca dá para repetir. O que isto escribe vai intentar sacar o tema (antes do tiramisú por suposto) sabendo con antelación que o máis bonito que me van chamar é aburrido e reventapicnics, o que en linguaxe asemblearia piramidal quere dicir que cadaquén, dentro da súa sabedoría, faga o que lle pete.
A ansia renacentista da Pirámide (creo que nunca pasará de ansia debido ás limitacións que o exercicio dos nosos cargos administrativos nos impón) tirará de nós aínda que sexa por un barranco e malo será que no accidente algún dos golpes na cabeza non nos faga ver novas posibilidades, novos puntos de vista e novos acontecementos que nos arrinquen da inapetencia.
E si todo isto non funciona, non sei si haberá polo aíBai algo de viagra específica para manter unhas relacións blogomilleiras plenas (a poder ser de esnifar que a min as pastillas escarállanme o estómago).

6.6.07

Seica preguntan por nós, presuntamente.

Comezan a xurdir comentarios neste blogue sobre o noso xa dilatado silencio. É de agradecer a preocupación que se nos concede sendo como é o corpo de traballadores e traballadoras da administración pública acredor da sona (infundada por suposto) de ser particularmente “distraído” no exercicio das súas funcións.

Segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 42.3, apartado b), a administración (neste caso nós) esta na obriga de ditar resolución expresa nos procedementos iniciados polo interesado (neste caso carraboujo e cerrepiache) nun prazo máximo de tres meses, sempre que a administración (nós mesmamente) non fixase outro previamente que, en ningún caso, poderá exceder dos seis meses.

Visto que carraboujo e cerrepiache colléronnos nas patacas, o prazo para ditar resolución sobre a preocupación dos interesados polo noso excesivo silencio administrativo é de tres meses. Con isto, os opositores a un posto na Xunta xa teñen medio suposto práctico feito.

Nós levamos mes e pico enganchados nunha silva e tampouco é plan de seguir outro mes e pico, polo que imos ditar resolución e ó carallo.

As causa razoada pola que esta pirámide calou a boquiña durante tanto tempo é que temos sospeitas de que este blogue está a ser investigado e vixiado presuntamente. Non temos constancia de cal é o obxecto do seguimento e vixilancia ao que estamos sometidos nin tampouco cal é o delito que cometemos presuntamente, pero murmurar, murmuran.

Seguramente non vos é máis que ansia de saber, pero estamos a ser asesorados polos servizos xurídicos do noso sindicato (que para iso o pagamos) e aconselláronnos encarecidamente que foramos tomar por onde se empezan os cestos.

Tamén estamos por dicirlle ao mundo: Mira, JJ, pasa esto. E xa eles se encargan de ver as maneiras e xeitos de facer coincidir os chicles pegados debaixo dalgunha das nosas sillas xiratorias coa GOMA2 ECO ou coa outra. E entón desvelarase unha quinta trama pola que, presuntamente, os de nunca máis de dentro da administración autonómica (que algún había) terían agachado presuntamente os chicles mentolados no mobiliario de oficina de San Caetano por si o talante e as forzas de progreso non se facían coas rendas do país. Todo isto, confirmado presuntamente por un interino vingativo ao que lle colleron a praza no último concurso de traslados.

Ante estes datos irrefutables, JJ, nun memorable editorial, fará presuntamente un chamamento ás forzas xurídicas máis coleguitas para que ordenen a investigación das posibles pegadas das moas incrustadas nos chicles mentolados por ver si hai coincidencia coas dalgún dos membros recoñecidos de nunca máis, e que se lles prohiba lavar os dentes e facer empaste ningún de xeito cautelar, ante o risco extremo de desaparición intencionada de probas que obstaculizarían a instrución do sumario. Esta si que sería, presuntamente, a trama boa.

Nós poderiamos alegar o da liberdade de expresión, os principios, ou cantar o de “Non nos moverán” ou a de "Antes morta que sin silla” pero, cautelarmente, estámonos a sentar enriba das caixas do papel. O de ser funcionario é o que ten; que perdes bastante sentido da disidencia. Presuntamente.