description

24.4.08

A xunta vai querer Ubuntu? Nós si.

Estamos moi contentos, porque o conselleiro de presidencia é moi fan de Enjuto Mojamuto e seguro que non se perdeu o episodio de onte (si estaba liado, poñémosllo nós aquí). E como na xunta o do "i love you" e tantos outros teñen feito moitos estragos, pois temos a certeza que supostamente vai dar as instrucións oportunas para que a administración galega adopte o sistema Ubuntu nos seus ordenadores. Vai ser moi duro, porque microchof vaille dar ben de moquetes e política lingüística vai chorar despois de sacar, coa venia, a tradución ao galego de varias aplicacións do matón informático.
Mágoa que para a denominación oficial do ubuntu do país o nome de Xubuntu xa está collido, pero malo será que non poidan sacar un concurso para buscar outro (e non nos referimos a este concurso precisamente).
A ver si con ironía galega e presionando un pouco...

18.4.08

Enjut@ Mojamut@



Atopamos en varios blogs este meme que pretende coñecer un pouco máis do uso da internet no universo feminino (e/ou masculino se cadra e ten interese). É o bo que ten ser vari@s os que fan este blog. Que tanto valemos para un feminino que para un masculino. Selva de Esmelle abríu o convite para quen tivese a ben e nós (a parte piramidal feminina) ímonos atrever.
Agora teriamos que poñer o que poñemos sempre que facemos un meme. Que normalmente é algo persoal, que ao ser un colectiblog é moi difícil poñerse de acordo, bla, bla, bla... "su tabaco gracias".
Desta vez ímolo facer repartido e cada unha contesta a que lle cadre e sóbranos unha que imos xogar aos chinos na hora do café.

Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Entre un dúo e un trío. Cando acabo co dúo e teño algo de tempo antes do trío.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> A do choio, a do gogle, a do mesenller, a do iajú, a que ven coa conexión, a dos rexistros varios e algunha máis, pero xa tería que mirar na libreta.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Que saiba, do flickr. Ultimamente, ando a darlle voltas ao LastFm pero teño medo.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> Blog, blog. O do Flickr só para gardar as fotos e velas en calquera lado. Algún comentario teño recibido ou teño mandado, pero pouca cousa.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Eu persoalmente catro. Téñoas máis aburridas. Si por min fose, botábaas do blog. Despois identificadas, algunhas máis pero facémonos as suecas.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@> Entre vinte ou trinta e subindo. Así estamos, que de tanto ler aos demais, non temos tempo para facer nós.
Como o convite xa está aberto a tododios non somos nós ninguén para limitalo, pero estamos interesadas nas respostas de Besbellinha, Elianinha e o Tevabuena (aínda que non sabemos si estas...)

25.3.08

Bryan Ferry. Onde vai o dandismo?

Aquí a unha pirámide das nosas acordoulle este tipo e non parou ata que lle demos un cd cos seus grandes éxitos que encontramos tirado na rúa. É que non paraba de canturuxar o "Avalon" cando falabas con ela por teléfono e houbo que encontrar un tirado na rúa.
Non se lle pode negar que tiña estilo propio. Unha mistura entre chulito sobrado e dandi fóra de sitio. Non negamos que alguén o pode considerar como o tío máis elegante do redondel musical dos anos oitenta; aínda que para iso tampouco se necesitaba gran cousa. De feito, el non pasaba do traxe negro e camisa branca (o que lle daba un toque funcionarial que, desgrazadamente, aínda está vixente polos despachos xunteiros). Nós cremos que a presunta elegancia ten a súa orixe no flequillo. Sen flequillo, o home este non pasaría de funcionario de vella garda pegado a un portelo mirando aos administrados coma pobres ignorantes culpables dalgo.

Este vídeo xa ten os seus anos pero recoñécese perfectamente a década dos oitenta pola estética e porque o pon ao comezo. Canto neón, mi madriña. Non sei como non quedamos cegos de tanto coloriño fluorescente que había. O de Avalón non o poñemos porque estamos saturadirmos del.




Neste o artista en directo hai un ano. Como vedes, leva o mesmo traxe. A saber cantos trienios ten xa.

11.3.08

Deporte de oficina


Grazas ao Ateneu Popular atopámos, este estupendo método para achegar a ecoloxía ao deporte. Na Pirámide xa o temos practicado dende hai tempo e non é por nada, pero os nosos tiros de tres eran bastantes maís difíciles cá estes e ata nos ten saído algún que outro hale-hoop. Agora estamos un pouco desentrenados.
Animamos a calquera departamento administrativo a poñer en práctica o método coas papeleiras e os caixotes do papel para reciclar. A ver se isto vai ser o comezo dunha liga de veteranos.

7.3.08

Xogar no patio

Na xunta estamos no tempo de xogar no patio. É polo das eleccións, si, pero non so durante a campaña. Xa levamos así dende hai algún tempo. De cando xa comezan os partidos a colocar a súa xente nas listas que se está a xogar no patio. Imos explicar como poidamos o da expresión xogar no patio.
Cando comeza o tempo preelectoral (e estamos a falar de medio ano antes do "election day"), os altos cargos da xunta e os partidos que os substentan comezan a tomar posicións estratexicamente en función dos seus intereses electorais e/ou do morto (léase consellería, secretaría xeral ou outros organismos) que teñan enriba. En función diso, o partido de turno aconsellará agachar as funcións encomendadas ou darlle bóla toda canta haxa para que a xente vexa que se fai algo. Isto tamén pode variar pola influencia de varios factores (lease sondeos de opinión ou debates políticos) que poden facer agochar certas áreas de poder das que antes se mostraba fachenda ou viceversa.
Nun principio, todos saen a xogar ao patio. Os mandóns do colexio din ao resto da rapazada a qué xoga cada un (ás agachadas ou as bólas). A algún non lle gustará xogar ás bólas porque as bólas que ten son como as de plastelina, pero si non quere saír do patio dunha patada no cú, vai ter que xogar ás bólas. Outro estará encantado de xogar ás bólas e mesmo vai gañando ao güá, pero antes de meter a bóla no burato, chega o mandón do patio e dille que se deixe gañar e que se vaia caladiño a xogar ás agachadas. É fodido que che fagan iso, pero máis fodido é ter que sentarte co cú dolorido.
O de xogar ás agachadas tamén é fodido porque hai que calar ben a boca e ter todo ben tapadiño, non vaia ser que che veña o que panda (lease a oposición) e canturree:
-Polo secretario xeral de Chiqui-chiquiii; que se lle vai caendo un expediente ilegal presuntamenteee.
E o secretario:
-Non ta-aaal. Non é un expedienteee, que son uns supostos prácticos do curso de directivos que estou facendooo. Halaaaaaa.
E a oposición retrúcalle:
-Éme igua-aaal. Aínda que sexa mentira, xa saíches á palestra públicaaa; e isto crea debate e/ou crispación segundo nos conveñaaa. Halaaaaaa chúpateee.
E ante iso, o secretario non lle queda outra que buscar unhas boas bólas por ver de gañar ao güá ou poñer o cuíño e levalas ben levadas.
E así anda a xunta dende hai un tempo. Departamentos que desaparecen do mapa administrativo e outros que non se sabe de onde saíron e que agora están co peito inchado. Uns xogando ás bolas e outros ás agachadas. Cousas de xogar no patio.

21.2.08

Pequeno decálogo para asesores de altos cargos.

1.- Procure integrarse no contorno administrativo o antes posible. Sexa simpático e agradable cos funcionarios por moi repulsivo que lle resulte. O seu alto cargo non o verá con bos ollos pero é vostede quen ten que loitar corpo a corpo.

2.- Non adopte con eles a postura do “faime isto agora mesmo, porque como non mo fagas voullo dicir ao alto cargo que me respalda e vaste a enterar”. Queda feo e infantil e non se extrañe se ao virarse escoita algun marmurio relacionado coa súa nai.

3.- Non é preciso que fale mal da oposición política diante dos traballadores da administración para demostrar fidelidade pública ao seu alto cargo. Como se di na administración, iso “xa ven de oficio”.

4.- Evite menosprezar ao persoal administrativo, porque eles non o farán. Como moito espertará neles indiferencia ou envexa. Considéreo como algo positivo.

5.- Si o alto cargo que o designou lle fai caso en todo o que di, desconfíe. Vaino facer directamente responsable e como o choio falle...

6.- Si o alto cargo que o designou non lle fai caso en nada do que vostede di, non insista. Manteña a calma e viceverse a Descartes: si non penso non existo.

7.- Dende o seu primeiro día como asesor procure dedicar todo o tempo e influencia que poida en buscar outro choio. Senón mellor (que non o hai) si máis estable e agradecido. Lembre que o traballo do seu alto cargo irá vencellado ao seu de por vida e si el fai unha pifiada, vostede será coñecido como o asesor do alto cargo que a pifiou. Non quererá que iso apareza no seu currículum, non si?

8.- Non perda o tempo preguntando aos seus colegas canto gañan. A certos nivéis xa tanto ten. Calquera gañará máis que vostede si fai preguntas estúpidas.

9.- Si pretende ter unha relación laboral máis estable dentro da administración (e vai querer), comece canto antes. Asine documentación oficial e asuma funcións claramente administrativas ostentando cargos inexistentes (responsable de promoción e difusión e non gabinete de prensa). Non importa que a normativa o impida. Eses documentos acreditarán que a administración consentía o seu finxido cargo e malo será que nun xuízo non lle caia un postiño de laboral indefinido. E se non cola, tamén pode poñelo no seu currículum. Queda máis disimulado que poñer un simple asesor de alto cargo, que nalgúns sitios cheira moito a cara vagancia.

10.- Si vostede é mencionado nalgún boletín sindical (e non ha ser por cousa boa), manteña a calma. Altere lixeiramente o seu aspecto (quite a garavata ou esqueza o traxe-chaqueta) e mimetícese no escuro mundo do funcionariado. Fume só ás portas da consellería ou faga as compras a media mañá e leve ben visibles as bolsas do alcampo polos corredores sen ningún tipo de reparo. Tododios pensará que é vostede funcionario.

8.2.08

Praza ben reservada.


Non, si a praza reservada para minusválidos é ben grande. Algo fodida para aparcar, pero grande. Como se lles poña chulito o enxeñeiro que lles faga o exame práctico...

6.2.08

Amores tecnolóxicos.


Confeso que estou tolo pirdido por conseguir un trebello destes. Xa sei dalgún descreído que non lle ve o mérito. Eu si que llo vexo. Un miniportátil de menos dun quilo do tamaño dun reprodutor de DVD pórtatil (7") con capacidade para conectarse á Rede por cable ou wifi, con cámara web, tres USB 2.0 e un lector de tarxetas SD entre outras lindezas. Con sistema operativo linux, open-office, firefox, thunderbird, reprodutor de calquera arquivo multimedia e outras marabillas que agora se me escapan pero que podedes atopar aquí e ao tan desorbitado prezo de 299 € (non lle falta ningún número, non).
Non vou ser eu quen lle quite as pegas que ten. Un disco duro tan rápido coma pequeno (entre 2 e 8 GB) e un teclado e pantalla non aptos para dedos gordos ou olliños pouco espilidos. Pero non me negaredes que levar un cacharriño destes na mochila coma quen leva a Lei de procedemento administrativo en versión comentada pola asesoría xurídica da xunta e sacalo en calquera estación de buses, aeroporto, cafetería de facultade ou CGAI e poñerse a remexer pola rede adiante non é levar o mundo colgado no ombreiro.
O peor disto é que está fodido atopar un. Aquí non saben cando chegará con certeza e en Portugal seica para abril. Así que, si tendes moita ansia, non toca outra que ir molestando ás amistades viaxeiras polo mundo adiante (que tamén elas terán o seu para atopalo) e ver si te queren dabondo como para pasar a metade da súa estancia ondequeiraquesexa na procura de cousa tan escollida. Tamén se pode pedir a Taiwán ou en tendas on-line pero eu de loterías non entendo.
Mentras tanto, botádelle un ollo ao trebello que está a revolucionar o mercado tecnolóxico, mesmo poñéndose chulito diante do iPhone.


Asus Eee PC from Dynamism on Vimeo.