description

20.8.08

Pero que fai un funcionario en agosto?

Moi boas. Alguén se sorprenderá (cónstanos polos comentarios feitos ao respecto) de escribir de novo neste descoidado e sufrido blog. Moitos e moitas nin se enterarán de que estamos por aquí de novo porque deixaron de pasarse pola Pirámide ante a tan descarada e imperdoable inactividade sen previo aviso. Non os culpamos por iso. Que nos abrisen un expediente dos gordos merecemos.
Aínda así, temos o santo morro de poñernos a escribir de novo. Comprenderemos e estamos resignados a recibir todas cantas malleiras virtuais esteades dispostos e dispostas a darnos a través dos vosos comentarios. Só vos pedimos que teñades a ben non darnos na cabeza que estamos administrando.
E despois de tan merecido e inexcusable acto de sumisión (algo moi presente na administración tanto para quen o practica como para quen o esixe), probemos a poñer aquí algo que semelle interesante, aínda que a elaboración asídua de oficios, convenios, notas interiores, informes e expedientes de pago mermen perigosamente esa cualidade en nós.
Temos a vaga percepción e mesmo algunha proba fehaciente de que o administrado da por feito que a administración en xeral, e a galega en particular; pecha en agosto e estamos todos e todas coa cadeira de pvc chantada na praia lendo o Marca ou o último de Ken Follet. Nada máis lonxe da realidade. Certo é que un número importante de funcionarios e funcionarias están de vacacións, mais quedan no forte un grupo cada vez máis numeroso de traballadores e traballadoras que fan o mesmo pero nas cadeiras de oficina.
Razóns? Varias. Poderiamos escribilas aquí, pero xa bastante mala fama temos como para andar explicando os fundamentos da picaresca administrativa. O que si podemos dicir é que os que veñen das vacacións de agosto miran aos que traballaron con ollos compasivos, ignorantes e inocentes de todo cando sucedeu na súa ausencia. Dende logo, é un dos días onde máis se minte (onde menos se di a verdade sería a expresión máis axeitada) na administración e as palabras “non tiven tempo”, “como estaba eu só (ou soa)” e “tiña todo acumulado de xullo” óense en calquera recuncho.
Retorcidamente, alguén pode matinar en bacanais secretas nos despachos baleiros e cafés tan extremadamente quentes que hai que agardar media hora ou hora e media para poder tomalos. Formateade. Nada diso acontece (salvo excepcións que reprobamos enerxicamente). Máis ben todo o contrario. A xunta é todo un lugar de tranquilidade e recollemento. O mosteiro de Oseira é un botellón comparado co ambiente que se respira en San Caetano. Ao que non lle importe erguerse cedo e teña un pouco de vida interior, estes días son gloria bendita.
No exercicio das nosas funcións, mencionar que habitualmente os arquivos quedan niquelados e nas mesas atísbase algo semellante a formica de entre a lea de papeis e carpetas que se amontonan nelas, incumprindo estrepitosamente a normativa de seguridade e hixiene no traballo. Pero o que máis se practica son as convivencias e as relacións sociais entre compañeiros e compañeiras, sempre dentro dos límites do decoro e a decencia máis exquisita. Non é preciso saír a tomar un café para falar con tranquilidade. Máis tranquilidade que na xunta non sería sano. Iso si; hai que baixar un pouco o volume da conversa si se pretende discreción porque o silenzo dominante podería provocar escoitas inconvenientes e inesperadas, polo que os marmurios reforzan o sentimento de vida monacal.
Nós consideramos que calquera outro acto administrativo que afecte directamente aos administrados e que sexa de obrigada publicación no DOG en agosto é froito da mala hostia e da frustración dalgún alto funcionario porque lle foderon as vacacións. Ben sabemos que iso aumenta lamentablemente o noso tempo de ociosidade en horario laboral, xa de por si minguado por orde do conselleiro de presidencia (o horario non a ociosidade), pero tampouco se debe desprezar a aportación que fai o persoal da administración ao significativo incremento do número de lectores e lectoras no noso país durante este mes. Os datos de setembro non deixan de ser simples especulacións e en ningún caso sería unha recesión, si non un desaceleramento. Tampouco sería para estar preocupados. A xunta ten un número suficiente de funcionarios e funcionarias tan preocupados pola lectura, que non lles custaría nada seguir lendo o Marca ou o último de Ken Follet para manter as cifras, mesmo durante o seu horario laboral. Para que despois se diga que traballar na administración non é sacrificado.

Sem comentários: