Maruxa e máis Corelia
Aínda as lembro, enxoitas, caladiñas, cos seus zapatóns e as súas medias brancas. Baixaban decote pola rúa de San Pedro, pola Angustia, pola Algalia, sempre da manciña. Pálidas, demacradas, co seu ollar triste. Quizais lembraban a seus pais, que perderan na guerra. Seus pais, sindicalistas, que as mimaban coma xoias. A estúpida guerra que lles roubou todo e as deixou aí, tiradas, no medio dunha sociedade vencida e gris.
Onte estiven bogando na Internete. Agardaba atopar algunhas imaxes delas que refrescasen a miña pobre memoria. Ren. É coma se só interesara a imaxe turística das marías: só fotos da estatua na alameda de Santiago: as marías co seu vello look, co seu novo look, con e sen graffitis. A ver, vou probar con todo o arsenal. Busco por “as dúas en punto”, por “as dúas marías”, por “as tres marías”, por “Corelia”, por “Maruxa”. Ríndome. Só estatuas e foto de postal.
É que ninguén se decata do que realmente eran estas mozas entradas en anos?
Significaban a única nota de cor que viu Santiago en décadas, a memoria perdida dunha época que loitou pola liberdade, a sensualidade afogada pola burla e a ignorancia.
Ai, que triste a rúa do Espírito Santo desque elas non están. Que triste a fonte de pedra desque elas non lavan os seus vestidos, os seus panos, os trapos que cosían e remendaban e logo lucían coma maniquís de feira...
3 comentários:
Estupenda entrada. si, señor. A este paso chegamos ao 200 no ranking de blogaliza.
tiñan que ser impresionantes, si. qué sorte que as teñas coñecido...
beijocas
The important and duly answer
Enviar um comentário