Amores tecnolóxicos.
Confeso que estou tolo pirdido por conseguir un trebello destes. Xa sei dalgún descreído que non lle ve o mérito. Eu si que llo vexo. Un miniportátil de menos dun quilo do tamaño dun reprodutor de DVD pórtatil (7") con capacidade para conectarse á Rede por cable ou wifi, con cámara web, tres USB 2.0 e un lector de tarxetas SD entre outras lindezas. Con sistema operativo linux, open-office, firefox, thunderbird, reprodutor de calquera arquivo multimedia e outras marabillas que agora se me escapan pero que podedes atopar aquí e ao tan desorbitado prezo de 299 € (non lle falta ningún número, non).
Non vou ser eu quen lle quite as pegas que ten. Un disco duro tan rápido coma pequeno (entre 2 e 8 GB) e un teclado e pantalla non aptos para dedos gordos ou olliños pouco espilidos. Pero non me negaredes que levar un cacharriño destes na mochila coma quen leva a Lei de procedemento administrativo en versión comentada pola asesoría xurídica da xunta e sacalo en calquera estación de buses, aeroporto, cafetería de facultade ou CGAI e poñerse a remexer pola rede adiante non é levar o mundo colgado no ombreiro.
O peor disto é que está fodido atopar un. Aquí non saben cando chegará con certeza e en Portugal seica para abril. Así que, si tendes moita ansia, non toca outra que ir molestando ás amistades viaxeiras polo mundo adiante (que tamén elas terán o seu para atopalo) e ver si te queren dabondo como para pasar a metade da súa estancia ondequeiraquesexa na procura de cousa tan escollida. Tamén se pode pedir a Taiwán ou en tendas on-line pero eu de loterías non entendo.
Mentras tanto, botádelle un ollo ao trebello que está a revolucionar o mercado tecnolóxico, mesmo poñéndose chulito diante do iPhone.
Asus Eee PC from Dynamism on Vimeo.
