Por que non se montan tendas de todo a cinco?
Ou un mercadillo polas tardes ou unha feira nas fins de semana onde os artigos non pasen da tan redonda cantidade de 5 €. Unha falta de visión pequenoempresarial imperdoable nos parece. Certo é que o negocio este ten unha tempada máis ben curta, pero os beneficios son innegables e dan perfectamente para transformar o local en calquera outra opción comercial ata que se levante de novo a veda.
Que de que estamos falando? Pois de que se achega o tempo de sorteos en horas de café e de cambio de boliñas de papel por debaixo da mesa e de chamadas de xente descoñecida dicíndoche un nome dun compañeiro ou compañeira ao que respondes cun avergoñado "que ben, grazas". Curiosamente, mentres estou a escribir isto, chegoume un SMS de remitente descoñecido dicíndome o nome do afortunado ou afortunada (non vou dar pistas, je, je) que vai levar os meus cinco euros en regalos do amigo invisible.
E este andazo prenavideño enche as tendas dos chineses e as franquicias de artigos do fogar de centos de funcionarios e funcionarias dubitativas na procura de tangas bermellos ou monecos aguantapapeis co letreiriño "te archivo esto un momento?".
A Pirámide segue facendo isto. Mesmo hai quen compra regalos "todoterreno" na metade do ano porque tanto lle vale a Xan como a Perillán e é unha cousa que se quita de enrriba. Eu irei polas tendas mirando prezos con máis ansia que cando vou de rebaixas.
Por último, e como suxerencia de negocio, propoñemos que se poñan tendas de todo a cinco por San Caetano e arredores. E se de paso poñen cafés xa sería espectacular o asunto.