description

30.11.06

ADIVIÑA (só para iniciados)


A bola do rato caeu dun burato,
Pobre do ratiño que triste quedou.
O gato presunto maldice o seu fado:
“Era a miña bola, maldito ladrón!”.

Rodou a boliña, sempre costa abaixo,
E ao chegar á praia, alí se parou.
Baleiro está o rato, xa non ten amaño.
Pobre do gatiño, que pena me dou.

PARA ELES SEMPRE HABERÁ ESPERANZA


28.11.06

Bollywood na procura de historias.

Din que a India é o país onde máis películas se producen. Hollywood comparado non che é nadiña. E claro, con tal volume de flims é normal que boten man de calquera argumento inimaxinable. Xa andan os produtores coma tolos empapándose de prensa estranxeira. Cadrou que un deles foi dar con La Voz de Galicia do domingo e atopou argumento de carallo. Xa se sabe que en Bollywood non se andan con chiquitas e fanche unha película en catro ou cinco horas. Nós fixémonos co trailer desta que falabamos. Podedes ver máis aquí . Despois xa, a gusto de cadaquen.

O anxo da garda

Estaba a facer fotocopias duns oficios de saída. Agardaba pasmado para a fotocopiadora. Notei unha presencia que me acubillaba. A máquina cuspiu ó último papel. A presencia seguía estando aí. Volvín á miña mesa. Sentíame acompañado mais non había ninguén. Ou iso me parecía. Vireime de improviso e alí estaba, de pé, con xesto serio pero amable.
"Ola. Chámome Xaquín. Son o teu garda de seguridade. Mandáronme aquí por si se extraviaba algún papel.

23.11.06

Francia non durme

Seica o goberno francés está preocupado pola saúde dos franceses (parece obvio pero tal como están as cousas...). Pois argumenta o goberno que os franceses durmen pouco e gastan moito en somníferos e en baixas laborais (que é onde máis lle doe). Para atallar o problema o primeiro ministro francés ten preparado un "plan sueño" que incluirá unha campaña de información na que se aconsella durmir unha sesta de 15 ou 20 minutos tal e como se ven facendo xa nalgunhas empresas do país. Os estudos científicos avalan esta medida e afirman que monear un pouco favorece a saúde e a seguridade laboral dos traballadores e traballadoras.
A Pirámide tamén está investigando isto no eido da administración pública pero, coma bos científicos e científicas, seguimos o protocolo e os experimentos facémolos primeiro en animais.

20.11.06

DOS ALPES AOS ANCARES

















A anécdota de Xurxo o de Oleiros lémbrame de cando subín cuns coleguiñas o monte Formigueiros, aló polos Ancares de Lugo. Bueno, arriba de todo non chegamos, que escureceu antes do que contabamos. O caso é que aí estabamos nós, á tardiña, nun bosque de acrivros acojonante. A min pareceume albiscar unha pita do monte, pero é que teño unha vista tan imaxinativa... seguro que era un corvo. Pero non un corvo calquera; un corvo real, que por alí son grandes coma aguias. É fantástico cando estás nun sitio coma os Ancares, velo todo distinto. Os vales son tan grandes que parecen mares de aire onde as nubes frotan como globos aerostáticos.

De súpeto comezamos a oubir un "clan, clan" e ollamos luz no fondo do bosque. Era unha gran campa inclinada que ocupaba a parte alta da aba do monte. Ciscadas por todas partes había bestas que parecían sacadas do far west, todas cunha gran campá pendurando do pescozo. Non eran vacas normais. As que eu estou afeito a ver na aldea son as pintas e as marelas de sempre, cos seus corniños e o seu rabo, pero estas tiñan uns cornos que metían medo. E no medio delas, sentado nun croio, un vello pastor con sombreiro e paraugas negro. "Boas, xefe. ¿E serán mansas as vacas?". "Pois verá usté. Sonlle mansas mentres non lle mire aos ollos. E coidado que tamén hai bois". Ai meu deus, o que tal dixo. E eu non sabía onde pousar a vista. Mirara para onde mirara só vía ollos de bois furibundos e de vacas con aire de tolemia. Milleiros de ollos negros e brillantes que me retaban a manter firme a ollada. E mentres o homiño partíase o cú de risa. Eduardo Alonso, chamábase, igual có actor. Fixemos a foto obrigada e quedamos en mandarlle unha copia. "Vaixade axiña polo carreiro, que hai que agrupar as vacas para marcalas mañá no pueblo". Dito e feito; co sol agochado atrás do monte e arrodeados de acivros e rebolos, tiramos cara abaixo. Case que non viamos nin os nosos pes, así que aí nos vés, tropezando con pedras e raíces, coma nenos dun ano que aínda son saben terse de pé. E o pior aínda por chegar. Ao cabo duns minutos comezamos a escoitar os "clan, cataclán, cataclón...". Eran as vacas, por centos, que baixaban espoleadas polos pastores. E nós nunha corredoira, arrodeados de muros e silveiras. Alá gabeamos ao alto dun muro como ben puidemos. Pouco tivemos que agardar; en medio minuto xa chegara a estampida, mesmo por diante nosa. Foiche toda unha experiencia.

Ao chegarmos ao bar do pueblo comemos satisfeitos. Ovos con chourizo, lémbrome, qué bós estaban. Coas botas enchoupadas e os brazos arañados das silvas, debiamos parecer ánimas en pena.

A foto anda por un álbum, aínda a vin hai pouco. Non lla mandamos ao Señor Eduardo. A fin de contas ¿que iamos poñer no remite? Sr. Eduardo Alonso. Campa das vacas. Monte Formigueiros. Ancares. Lugo? Pois que carallo! Pódese intentar.

15.11.06

O mal de altura.


Comezara a ascensión a primeira hora da mañá para aproveitar ben o día. Albiscábase o sol sobre o cumio nevado do Mont Blanc mentres camiñaba polo carreiro. A postal era impresionante, merecente de figurar nos “pouerpoin” que rulan polos correos electrónicos de medio mundo. Os abetos apretados, auténtico ceo azul de verán alpino e as cabritiñas ciscadas polos prados de cor verde blindado.
Seguín andando ata descubrir un outeiro enmoquetado de herba cunha pequena cabana na cima. Continúo a marcha ata pasar ao seu carón. Nese momento sae pola porta unha nena duns trece ou catorce anos e ofréceme unha cunca de leite. Acéptolla cun sorriso e ela resposta con outro. Sento no valado que rodea a casa e tomo o leite dun só grolo. Ela agarda diante de min impaciente por me falar. Eu acénolle que non sei falar francés. Encolle os ombreiros e mantén o sorriso. Non sei como se me veu á cabeza a escena de Tarzán e Jane e póñoa en práctica.
-Eu Xurxo, e ti?
-Eu sonche Dolores pero aquí, non sei por que, todos me chaman Jeide. Ti chámame Lola, como en Camariñas. Alá son Lola, a neta do Pipiolo. E lojo que vés faser ti aquí? Non ves que é todo monte?
Despois de facer un esforzo por pechar a boca da impresión, contéstolle:
-Pois veño facer algo de marcha.
-Hostia! Vas faser unha discoteca?
-Non, veño de turista que é isto moi bonito, non?
-Bonito é, pero para vivir aquí sejido éche moi fodido. Pois podías montar a discoteca abaixo no pueblo. Un visiño daquí darriba e máis eu ibamos sejuro. O de andar coas cabras éche moi aburrido.
-Un veciño? -pregúntolle mirando ao lonxe sen ver casa ningunha-.
-Si home si. Chámase Pedro. Bueno, chamar chámase Junter pero eu chámolle Pedro. Junter faiseme nome de can. Vive no pueblo pero ven todos os días buscar as cabras e falamos moito, pero non somos mosos nin nada.
-E logo non tés amigas?
-Boh! Aquí non hai xuventú. Aljún sábado ven de visita unha prima que teño en Suisa que se chama Claraelisabet pero non che é nada. Aburrímonos as dúas. A Pedro chíscalle ela pero ela non quere saber nada. Di que é un pasmón.
-E ti ofréceslle leite a todo canto turista pasa por aquí?
-O carallo. Deicha a ti porque eres dalá pero ao resto... Xa non che din buenos días nin nada. Van subindo como se non houbera ninjién. Os japoneses aljo dín pero non se lle entende. Os outros uns maleducados. Eló ti vas subir arriba de todo?
-Arriba de todo non, que é moito.
-Que vai ser. Ti da aldea non eres, non? Para os da aldea non é nada. Ti serás de Santiajo ou da Coruña, ou de Vijo. Se foras da aldea xa andarías farto de monte.
-E que ten que ver?
-Ten que ver tal. Ti sabes muxir unha cabra?
-Non.
-Aí o tés. Ou da Coruña ou de Santiajo eres ti. Case dijo de Santiajo porque os da Coruña co jallejo lévanse mal. Ou eres da Coruña?
-Son de cerca. Son de Oleiros. Sabes onde está?
-Pero eso é aldea?
-Está á beira do mar. Vese a Coruña enteira.
A nena quedou mirando para min como agardando outra resposta. Quedou así un anaco, pasmada. Logo espetou:
-Ti non falas ao caso. Vaite, bonito.
Virouse e entrou na cabana. Eu comecei de novo a marcha. Mentras subía, respirei fondo varias veces. Metéraseme na cabeza que tiña o do mal de altura.

6.11.06

Seguridade e hixiene do dereito á folga.


O que vedes é unha publicación editada no 2001 polo Center for Labor Education and Research da Universidade de Hawai. Polo que tirei do meu mal inglés (corrixídeme si vou mal), ven sendo unha guía de peto (moi útil para uso "in situ") para a organización de piquetes de folga especifícos para os empregados e empregadas públicas segundo as normas do Estado de Hawai. O seu éxito (era a 2º edición) debía ser que custaba un dólar e seguía os criterios de actuación da policía de Hawai para estes casos (se fas o que che dicimos non vai pasar nada). Ao mellor non era nada diso e entraba na oposición.
Estes americanos son moi curiosos. Adoran o mercado libre pero os traballadores sen saírse do rego. Ai, que tempos aqueles nos que aínda quedaba xente que non estudiaba polo libro.

5.11.06

"Cando medre quero ser analista político".

No ano 2002, o Partido Verde de Nova Celandia, sacou este cartaz. "Cando medre, quero ser un analista político". A cousa viña a conto dun informe encargado a un analista político polo goberno laborista para o estudo de políticas de atención á infancia. Despois de tres anos, a conclusión deste analista foi que se necesitaban máis informes para o estudo de políticas de atención á infancia. Aos verdes de Nova Celandia parecéulles que o analista político tiña moito morro ao concluír o seu estudo daquel xeito cando se calculaba que arredor do 30% dos nenos e nenas do país vivían nos límites da pobreza.
Comisión de Investigación do "Prestige"? Comisión de Estudo dos incendios forestais? Non sei por que se me veu isto á cabeza, pero o que si sei é que habendo choios coma este, que neno vai querer ser funcionario?

3.11.06

FALANDO DO SON

O último: sei de boa tinta que a do Son ten previsto estrearse no blog, so everyone let's cheer her up! Veña, ghuapa, que ti tes moita arte e salero!
Falando do Son, a Iso e demais veciños, están desenvolvendo unha campaña contra a instalación dunha tremenda piscifactoría onda o Castro de Baroña. Polo visto, o alcalde de Corrubedo botou as máns á cabeza cando llo propuxeron, pero o do Son debeu botalas ao peto. Seica lle quere sacar rendibilidade ao feísmo industrial a costa de foder unha das nosas costas máis privilexiadas, que debera xa estar protexida hai tempo como parque natural e arqueolóxico. E aínda nos vén coa excusa de que vai se van crear moitiiiisimos postos de traballo, cando todos sabemos que este tipo de instalacións están xa moi mecanizadas. A outro can con ese óso. Todo isto lémbrame a aquel alcalde de Lugo que, en aras do progreso da cidade, emperrouse en tirar coas murallas. Houbo falla unha orde ministerial para pararlle os pés. Pois nada, que viva o Sr. alcalde. Agora que instale unha macro urbanización turística (da que xa se vén falando hai anos) e todos a tomar polo cú: se queres ver o mar, vai metendo quinta e non pares ata Fisterra...
Que corra o aire para que se espalle esta macabrada. Agradécense cartas de reprobación (para a alcaldía do Son, claro)

2.11.06

DEFINITIVAMENTE NON SOMOS NORMAIS


Ai meu neniño, mal te vexo. Sospeito que estás a pasar por unha desas crises que ao primeiro parecen crises e despois resultan que xa che marcaron o carácter para toda a vida. Ou quizais é que xa eras asín de neno, pero daquela non abondaban as batallas de pedras e terróns para proxectar toda a creatividade tecnolóxica que acubillaba o teu coco. A min danme calafríos pensar que algún día o verme da informática sexa quen de roer un oquiño redondiño non meu “melón primitivo” e zas!, de súpeto, decatarme da verdade suprema: que toda esta maraña de programas (como por exemplo, este, xa sabes... thunderflash, microwinter, yellowsoft, frlickroll, etc.) están aí para algo máis que facernos perder o tempo.
Vale, vale. Pido perdón. Xa sei que para os que estades “enjanchados” non é perder o tempo. Pero é que a min amólame a envexa de estar sempre dous pasiños por detrás. Onte estiven en casa duns colegas, que tamén están moi postos, e mira ti, o seu pc era o centro da casa. Nel vían a tele, baixaban cine e música en tempo real, chateaban sen parar, controlaban varios aparellos da casa e ata ían de comprar sen se mover. E xa non digo se es deses que saben facer deseños, composicións artísticas, investir en bolsa, piratear programas do exército, entrar nas contas dos bancos, mudar a ruta dos satélites, ou eu que sei. Méteme medo pensar que canto máis te metes no “rollo” máis controlado te teñen, e non só a efectos de información e de confidencialidade; é que tamén te controlan como consumidor, xa que a “cousa”, cada vez máis, deixa de ser un entretemento para se converter nunha necesidade básica, case como comer ou respirar.
En fin, cada un sabe onde se mete, non? Adiante valentes.