description

23.10.07

Por unha nova linguaxe administrativa.


Quedou sempre moi bonito que os nosos gobernantes fixesen presentación das novas tecnoloxías que permiten realizar aos traballadores e traballadoras da administración as súas funcións dun xeito máis fiable e eficaz e moito máis rápido e cómodo para os administrados (para algúns).
Non imos negar que cando é certo que se presentan as innovacións tecnolóxicas (non tanto que efectivamente se aplican), salvo casos esperpénticos, si cumpren cos parámetros de eficacia e comodidade. Outra cousa é que o uso das novas tecnoloxías aplicadas á administración coincidan coas que habitualmente se desenvolve a cidadanía.
Respecto a isto último, na Pirámide coidamos que se está desestimar (na maior parte dos casos) un dos medios de comunicación directa que máis podería axudar a estreitar os lazos entre a administración e os cidadáns e cidadás. Referímonos ás mensaxes SMS. Non che hai medio máis popular, accesible e manexable polos administrados que un móbil. E a administración pública debera de telo en conta á hora de efectuar notificacións e comunicacións coa cidadanía e cos diversos departamentos que a integran, sen esquecer o achegamento que o manexo da lingua dos SMS favorecería entre as dúas partes.
Por iso queremos demostrar cun exemplo o que estamos a afirmar.


Xnta d Gz
Cons. Ndustria e Tursm
D.X. D Innovcon Tknlxik
Stgo d Kmpstla, 23 d outbr d 2007

Kmo x s ll ntfikou mdiant ofcio kn dta 2407 sua mprsa kncdusell nha axda ekonmik d 453 € xra adkscion d mtrial nformatko xra prmovr o uso ds novs tknolxias n sctor mprsarial.
Prviamnt a xstifkcon d axda dbra prsntar scrito asdo plo titlar ou rprsntant d mprsa n k knst xprsamnt a aceptcon d msma
Nfrmarll tamn k o praz xra aprtar a dkmntcon rmta o dia 25 d nvmbro.
Sdos.


Ao mellor a alguén escápaselle algunha cousa desta SMS (longa de máis se cadra) pero é normal. A linguaxe administrativa sempre foi vanalmente enrevesada. Pero polo demais...


NOTA: poñemos aquí o texto en “román paladino” para os que non fagan uso dos SMS e para os funcionarios e funcionarias que consideran que un oficio sen o seu papel membretado e o seu carimbo significa o comezo da anarquía e a fin do mundo civilizado.


Xunta de Galicia
Consellería de Industria e Turismo
Dirección Xeral de Innovación Tecnolóxica
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2007

Como xa se lle notificou mediante oficio con data 02-09-07 a súa empresa concedéuselle unha axuda económica de 453 € para a adquisión de material informático para promover o uso das novas tecnoloxías no sector empresarial.
Previamente á xustificación da axuda, deberá presentar un escrito asinado polo titular ou representante da empresa no que conste expresamente a aceptación da mesma.
Informarlle tamén, que o prazo para aportar a documentación remata o día 25 de novembro.

Un cordial saúdo.

16.10.07

A erros administrativos, solucións elegantes.

Un funcionario ou funcionaria pódese permitir ter un pequeno fallo no desenvolvemento das súas funcións, sempre que non conleve neglixencia ou dano algún contra terceiros nin un incremento inesperado na súa conta bancaria. Sería comprensible que iso pasase (o fallo, non o movemento bancario). O que estexa libre de culpa que faga a primeira denuncia.
Non somos nós quen de sinalar co dedo a quen cometese algún erro sen intención. Mesmo na Pirámide, si comezásemos a disparar coa pistola imaxinaria dixital, non quedariamos un en pé.
Cando tal feito ocorre, e baseándonos na experiencia administrativa, hai dúas posibilidades de actuación:
1ª Buscar ipsofactamente un funcionario ou funcionaria especialmente coñecida por andar sempre nas patacas para cargarlle co morto (desgrazadamente non hai que andar buscando moito). Normalmente adoita a funcionar. O despistado nin se vai a enterar e o xefe de turno será comprensivo ao dalo por irrecuperable dende hai moito tempo. A Pirámide reproba este tipo de feitos. Máis que nada porque é moi probable que nalgún momento da túa carreira administrativa (e é triste dicilo) ti sexas o que ande nas patacas. É lei de vida, e si é lei, nós teremos que estar ao tanto, non é?
2ª Recoñecer sinceramente o erro cometido ante o inmediato superior. Non é preciso facer un razoamento de ciencia fición para xustificar o fallo. Pasou e punto. O importante é facer un propósito de emenda e ver as posibilidades de solución aínda que iso conleve un sacrificio (e non me refiro a matar un capón enriba da fotocopiadora para que fuxan os espíritus do mal). Normalmente, iso tamén provoca certa comprensión (ao mesmo tempo que incredulidade) por parte do xefe ou xefa de turno. A non ser que sexa un cabroncete, pero daquela, que cometeses un erro non influiría moito en que se dedicase a amargarte a existencia.
E a que vén todo este anaco de manual de autoaxuda? Pois resulta que non hai moito gastei o meu comodín. Non é que causase grandes perxuízos á administración, nin que provocase denuncias razoables por parte dos administrados (nin tampouco se vai notar na miña conta bancaria). Nada diso ocorreu. De feito, non houbo consecuencias. Foi un puro e simple despiste. Pero un ten o seu orgullo e un certo prestixio (baixa Modesto, que subo eu) e un feito como o que ocorreu faille a un reaccionar e centrarse. Non digo que non vaia a acontecer nunca máis (iso non é facer un propósito de emenda senón máis ben tirarse da moto), pero si que hei buscar o xeito de que non volva a ser un puro e simple despiste.
Nin que dicir ten que ante as dúas posibilidades de actuación xa explicadas, optei pola segunda por tres razón de peso:
-Os estatutos da Pirámide prohíben expresamente escoller a primeira opción.
-Os meus compañeiros non se axustan nin o máis mínimo ao perfil de andar nas patacas, polo que a primeira opción sería inviable.
-Aínda querendo optar desesperadamente pola primeira opción, ao xefe non lle colaría por ser él mesmo quen me solucionou, discretamente e sen eu sabelo, a papeleta. Aí xa entrariamos no, para min, descoñecido campo do cinismo (útil virtude lamentablemente moi exercida na administración e da que eu carezo).
Visto lo visto, é momento de dispoñer de todos os medios necesarios para evitar que estes pequenos incidentes pasen a males maiores, polo que decidín mercar o trebello tecnolóxico máis eficaz, potente e elegante que hai no mercado. Un aspirante a "geek" cun toque fetichista pululando pola administración. Calquera día aparecen os capóns sen cabeza enriba das fotocopiadoras.

6.10.07

Vivamos coma funcionarios.

Está de moda o anuncio este . Non imos dicir que non nos guste. Ata inchamos un pouco o peito cando o mozote arenga ás masas enriba do cabalo. Deus nos libre de dicir un pecado, pero coidamos que fai un resumo antropolóxico do ser galego bastante achegado á realidade máis optimista (co permiso da disidencia que agardamos que se manifeste). A antropoloxía de Galicia nun minuto e medio de promoción dun súper. Non está mal.
Como xa dixemos moitas veces, a administración é un espello da sociedade e si os galegos somos como os do anuncio do súper, pois non imos ser distintos os funcionarios. Apliquemos o conto logo.

Buah, como na xunta, en ningún sitio. Os funcionarios aínda somos... funcionarios. Temos pouco estrés. Na privada é diferente. Como non nos imos sentir ben aquí si aquí están os mellores altos cargos do mundo. Si os mellores complementos de ex altos cargos do planeta son os dos nosos conselleiros, os dos nosos secretarios xerais, os dos nosos directores xerais, os dos nosos deputados e senadores, os dos nosos alcaldes.
Somos funcionarios por natureza. Para nós todo é "iso non é aquí".
-Veño buscar un certificado.
-Iso non é aquí.
-O de apuntarse nas listas?
-Iso non é aquí.
-Por favor, a xunta?
-Iso non é aquí.
Somos positivos aínda sabendo que nos trabucamos.
-Vanche pedir ese papel pero ti non o leves. E si cho piden volves. Non hai de que.
Podemos dicir que saímos un momentiño e ir de compras ao mercadillo ou mercar unhas pastas das que fan as monxas. Gústanos ter un súbidón de azucre mentres atendemos ao público. E cando veñen nenos, estamos moi ledos e xoguetóns con eles porque é a excusa perfecta para non estar traballando.
Somos os inventores do café de litro e medio (por iso tardamos tanto en tomarnos un) e da pregunta total:
-Fíchasme ti?
Da tradución libre:
-Usted hábleme en gallego si quiere que yo le entiendo.
E do "phoneouting".
Imos ao médico en horario laboral sempre que podemos e si algún administrado se nos pon farruco dicímoslle que reclame por escrito. Si alguén nos pregunta cal é o mellor choio da xunta, respondemos con rotundidade: asesor de alto cargo.
Temos xefaturas a mancheas. De sección, de negociado, de servizo, de gabinete. Temos compulsas, entradas, saídas, validacións, certificados, bastanteos, pregos de cláusulas. Temos concursos de traslados, plans de acción social, ofertas especiais de seguros, préstamos, hipotecas, excedencias, comisións de servizo, libres designacións... Onde o do "amigo invisible" é unha relixión e un luns sen dicir "Non podo ir traballar. Algo da comida que me sentou mal", non é luns. Onde os funcionarios non somos vagos. Somos concienzudos no traballo. Xa nos damos conta do ben que vivimos pero non lle damos importancia. Por iso vivimos como funcionarios.