description

6.10.07

Vivamos coma funcionarios.

Está de moda o anuncio este . Non imos dicir que non nos guste. Ata inchamos un pouco o peito cando o mozote arenga ás masas enriba do cabalo. Deus nos libre de dicir un pecado, pero coidamos que fai un resumo antropolóxico do ser galego bastante achegado á realidade máis optimista (co permiso da disidencia que agardamos que se manifeste). A antropoloxía de Galicia nun minuto e medio de promoción dun súper. Non está mal.
Como xa dixemos moitas veces, a administración é un espello da sociedade e si os galegos somos como os do anuncio do súper, pois non imos ser distintos os funcionarios. Apliquemos o conto logo.

Buah, como na xunta, en ningún sitio. Os funcionarios aínda somos... funcionarios. Temos pouco estrés. Na privada é diferente. Como non nos imos sentir ben aquí si aquí están os mellores altos cargos do mundo. Si os mellores complementos de ex altos cargos do planeta son os dos nosos conselleiros, os dos nosos secretarios xerais, os dos nosos directores xerais, os dos nosos deputados e senadores, os dos nosos alcaldes.
Somos funcionarios por natureza. Para nós todo é "iso non é aquí".
-Veño buscar un certificado.
-Iso non é aquí.
-O de apuntarse nas listas?
-Iso non é aquí.
-Por favor, a xunta?
-Iso non é aquí.
Somos positivos aínda sabendo que nos trabucamos.
-Vanche pedir ese papel pero ti non o leves. E si cho piden volves. Non hai de que.
Podemos dicir que saímos un momentiño e ir de compras ao mercadillo ou mercar unhas pastas das que fan as monxas. Gústanos ter un súbidón de azucre mentres atendemos ao público. E cando veñen nenos, estamos moi ledos e xoguetóns con eles porque é a excusa perfecta para non estar traballando.
Somos os inventores do café de litro e medio (por iso tardamos tanto en tomarnos un) e da pregunta total:
-Fíchasme ti?
Da tradución libre:
-Usted hábleme en gallego si quiere que yo le entiendo.
E do "phoneouting".
Imos ao médico en horario laboral sempre que podemos e si algún administrado se nos pon farruco dicímoslle que reclame por escrito. Si alguén nos pregunta cal é o mellor choio da xunta, respondemos con rotundidade: asesor de alto cargo.
Temos xefaturas a mancheas. De sección, de negociado, de servizo, de gabinete. Temos compulsas, entradas, saídas, validacións, certificados, bastanteos, pregos de cláusulas. Temos concursos de traslados, plans de acción social, ofertas especiais de seguros, préstamos, hipotecas, excedencias, comisións de servizo, libres designacións... Onde o do "amigo invisible" é unha relixión e un luns sen dicir "Non podo ir traballar. Algo da comida que me sentou mal", non é luns. Onde os funcionarios non somos vagos. Somos concienzudos no traballo. Xa nos damos conta do ben que vivimos pero non lle damos importancia. Por iso vivimos como funcionarios.

8 comentários:

X disse...

Teño traballo, pero parar antes a ler este post aínda me fixo rir un anaco. Saúdos.

Elianinha disse...

Chapó.

FrancisMR disse...

Moi, moi bo!!
Xa vos botabamos de menos e sabiamos que a volta non nos ía defraudar.

Anónimo disse...

antropoloxía de gadis... mellor que o rixinal :D

Anónimo disse...

Sempre me sacades unha risa!

Anónimo disse...

Tardáchedes en escribir de novo, pero mereceu a pena esperar. Qué bo! Superáchedes ao do súper. Despois dun día entre funcionarios ler isto faime rir e anímame. Boísimo!!!

Raposo disse...

Moi bo. Viva o funcionariado galego.

moucho branco disse...

Celebro que a pirámide siga en pé e con tan boa saúde!. Moi bó! :P