description

16.10.07

A erros administrativos, solucións elegantes.

Un funcionario ou funcionaria pódese permitir ter un pequeno fallo no desenvolvemento das súas funcións, sempre que non conleve neglixencia ou dano algún contra terceiros nin un incremento inesperado na súa conta bancaria. Sería comprensible que iso pasase (o fallo, non o movemento bancario). O que estexa libre de culpa que faga a primeira denuncia.
Non somos nós quen de sinalar co dedo a quen cometese algún erro sen intención. Mesmo na Pirámide, si comezásemos a disparar coa pistola imaxinaria dixital, non quedariamos un en pé.
Cando tal feito ocorre, e baseándonos na experiencia administrativa, hai dúas posibilidades de actuación:
1ª Buscar ipsofactamente un funcionario ou funcionaria especialmente coñecida por andar sempre nas patacas para cargarlle co morto (desgrazadamente non hai que andar buscando moito). Normalmente adoita a funcionar. O despistado nin se vai a enterar e o xefe de turno será comprensivo ao dalo por irrecuperable dende hai moito tempo. A Pirámide reproba este tipo de feitos. Máis que nada porque é moi probable que nalgún momento da túa carreira administrativa (e é triste dicilo) ti sexas o que ande nas patacas. É lei de vida, e si é lei, nós teremos que estar ao tanto, non é?
2ª Recoñecer sinceramente o erro cometido ante o inmediato superior. Non é preciso facer un razoamento de ciencia fición para xustificar o fallo. Pasou e punto. O importante é facer un propósito de emenda e ver as posibilidades de solución aínda que iso conleve un sacrificio (e non me refiro a matar un capón enriba da fotocopiadora para que fuxan os espíritus do mal). Normalmente, iso tamén provoca certa comprensión (ao mesmo tempo que incredulidade) por parte do xefe ou xefa de turno. A non ser que sexa un cabroncete, pero daquela, que cometeses un erro non influiría moito en que se dedicase a amargarte a existencia.
E a que vén todo este anaco de manual de autoaxuda? Pois resulta que non hai moito gastei o meu comodín. Non é que causase grandes perxuízos á administración, nin que provocase denuncias razoables por parte dos administrados (nin tampouco se vai notar na miña conta bancaria). Nada diso ocorreu. De feito, non houbo consecuencias. Foi un puro e simple despiste. Pero un ten o seu orgullo e un certo prestixio (baixa Modesto, que subo eu) e un feito como o que ocorreu faille a un reaccionar e centrarse. Non digo que non vaia a acontecer nunca máis (iso non é facer un propósito de emenda senón máis ben tirarse da moto), pero si que hei buscar o xeito de que non volva a ser un puro e simple despiste.
Nin que dicir ten que ante as dúas posibilidades de actuación xa explicadas, optei pola segunda por tres razón de peso:
-Os estatutos da Pirámide prohíben expresamente escoller a primeira opción.
-Os meus compañeiros non se axustan nin o máis mínimo ao perfil de andar nas patacas, polo que a primeira opción sería inviable.
-Aínda querendo optar desesperadamente pola primeira opción, ao xefe non lle colaría por ser él mesmo quen me solucionou, discretamente e sen eu sabelo, a papeleta. Aí xa entrariamos no, para min, descoñecido campo do cinismo (útil virtude lamentablemente moi exercida na administración e da que eu carezo).
Visto lo visto, é momento de dispoñer de todos os medios necesarios para evitar que estes pequenos incidentes pasen a males maiores, polo que decidín mercar o trebello tecnolóxico máis eficaz, potente e elegante que hai no mercado. Un aspirante a "geek" cun toque fetichista pululando pola administración. Calquera día aparecen os capóns sen cabeza enriba das fotocopiadoras.

3 comentários:

moucho branco disse...

Ai, o funcionariado, que universo en sí mesmo!.... porqué se me vetarán as súas mieis?, :P

carraboujo disse...

Nós quereriamos saber de que se trataba o tal despiste, pois vostede dio todo, pero así non podemos opinar e quereriamos.
Foi moi grave?
Acordouse o paciente do erro da súa familia?
E que somos morbosas por deformación profesional.
Detalles, detalles, que es lo que nos gusta.

A pirámide disse...

Benqueridas carrabouxinhas. Podería dicir agora mesmo que é o que pasou pero, para qué mentir?