description

22.3.07

OLLO CO CANON


Sexamos críticos. Está claro que o goberno intenta “canonizarnos” a todos por culpa dos dereitos de autor. Pero detrás desta nova manipulación están, como non, as poderosas entidades de xestión de dereitos de autor (como a nosa afamada SGAE) e as multinacionais da música e do audiovisual. Habería que aclarar a tallada que estas veñen sacando tradicionalmente do pastel, porque ao final son elas, e non os artistas, as que se suben á parra. Por unha banda vemos as reaccións dos músicos, escritores, compositores, etc, que se amosan críticos co tema e buscan solucións máis ou menos caseiras. A saber: uns choran porque dis que non teñen para comer (casualmente estes son os que nos amolan día tras día coas súas folklóricas aparicións na pequena pantalla); outros, os menos, publicitan as súas obras a prezos razonables (solución esta que para min é a máis acertada, xa que todo o mundo queda “razoablemente” contento); e por último, os intransixentes que seguen as consignas das grandes discográficas e editoras e da SGAE, criminalizando todo o que non sexa apoquinar. Neste punto hai que subliñar que o prezo medio dos cd das produtoras independientes apenas variaron dende a entrada do euro, cousa que non aconteceu coas grandes produtoras que son, paradoxicamente, as únicas que poderían asumir rebaixas nos custos finais. Estas lévanse máis do 25% dos beneficios da venda do disco. Os artistas aspiran a cobrar o 4% dos dereitos de autor e unha procentaxe en “royalties”. Pero estes non soen pasar do 4% para artistas novos, e só acadan cifras maiores para aqueles que xa adquiriron posición de forza para negociar coas discográficas. En canto aos dereitos de autor, a SGAE quédase co 15% e a discográfica adoita reservarse o 50% (como sempre, a lei do máis forte). Total, resumindo: custo de produción: 4%; beneficios para o artista: 8%; resto: discográfica, distribuidora, vendedor, SGAE e impostos. Proceso creativo 12% vs proceso especulativo 88%.
Despois de ver o reparto da torta, cabe preguntarse se é lícito que o goberno nos queira vender a papeleta de que a piratería supón a fame dos nosos artistas. Non sei se noutros paises pasa o mesmo, pero aquí só catro ou cinco viven da música. O mesmo acontece cos escritores. Son as empresas discográficas e as editoriais as que están en cuestión, e son elas as que deben acomodarse á nova situación. Sempre foi así no mundo do libre comercio, e sempre recurriron a el para beneficiarse a conta dos consumidores. Pero, por vez primeira na historia, é o gran empresario o que chora e pide axuda ao goberno porque se sente ameazado polo pequeno consumidor. E logo, cantas tendiñas tiveron que pechar por culpa dos carrefours, alcampos e continentes de turno. A ver, cal foi o canon que lles permitiu continuar co seu negocio de barrio?
O que está a pasar coa música, co cine e coa literatura vai acontecer tamén cos xornais, cos comics, cos eventos deportivos, coa televisión de pago, etc. Con todo o que se poida dixitalizar. E logo, que vai ser, pagar un canon por cada imaxe, por cada información, por cada son? Oín que xa están preparando un canon para fotocopiadoras e faxes.
A problemas novos, solucións novas, digo eu. Ou é que vai ser sempre o mesmo. Mexan por nós e dis que chove. So falta que o Papa se sume a festa: a parte do “canon” e das multas, que te excomulguen. Que non? Tempo ao tempo. Acabaremos pagando canon por usar condóns.

8 comentários:

Rifo I de Zeuquirne disse...

Pois eso digo eu tamén, e xa me adiantei a comentalo no post anterior, Pero tamén é certo que sempre que mexaron por nos, muitas veces por certo, sempre dixemos ¿ai, está chovendo!
un saudiño.

a randeeira disse...

O Vaticano proximamente cobrará tamén canón polos cantos gregorianos e outras músicas de andar pola igrexa

rosa enriquez disse...

O Banco Ambrosiano será que pague armas e dereitos de autor... Ao final sempre voltamos ao pricipio, ao Verbo, á igrexa... Pero quen inventou o condón?? Non foi a IGREXA?''''
É a ptrimeira vez que te visito. Un pracer. Saúdos.

a randeeira disse...

http://blogs.20minutos.es/desternillablog/post/2007/03/23/los-locos-del-canon

moucho branco disse...

Hoxe mesmo vou mercar por internet a través da súa páxina web unhas cantas camisolas a un grupo de viking metal finlandes que coñecín por internet, e estou desexando que veñan pola península para ir velos.... que lle pregunten a eles se o sistema de monopolio insdustrial da música lles ía mellor.

Vamos... eu estou moi preocupado pola piratería, porque despois de 12 anos tocando en grupos afeccionados a industria quixo apoiarme moitas veces e a mula perxudicoume moito na miña carreira... e cando saia a maqueta? Virgin records quería invertir moitos millóns en promocionarnos, pero coa mula e internet xa non sei se vai poder ser, estou consternado, vaia.

Anónimo disse...

Ao final acabaremos por discriminalizar o top manta, todos coa mula e cada pao que aguante a súa vela.
Non os que máis protestan, como ben dis, son os máis prexudicados, ao contrario.
E se non, a manifestarse, que se chega o canon aos condóns non quedará máis remedio. Ai, ata aí si que non, que coas cousas de comer non se xoga!!!!

Arale Norimaki disse...

Dubido moito que aconteza cos comics e os libros na mesma escala que na musical e fílmica, porque aínda que xa hai software para ler as versións dixitais, non é o mesmo.
Polo demáis, estou totalmente de acordo, ademáis, xa non é só cousa do canon, senon cómo algunhas distribuidoras ou "grabadoras" (non sei cal é o nome axeitado) están aliadas coa SGAE e non lle editan o disco a un grupo independente a tempo ou non llo editan se non lle pagan antes a SGAE.
Seica o de chupar do bote dáselles moi ben...

Marinha de Allegue disse...

Maldito canon!!.

Unha aperta.
;)