description

26.3.07

Lamotrigina. Menuda elementa.

Pois resulta que tés epilepsia, meu rei.

Que me dis?

Cóntoche. Velaquí está. Mira aquí. Non ves un cachiño de occipital metido para dentro?

Si. E?

Pois iso é unha cicatriz que é o que te provoca os episodios comiciais.

Pero que carallo de cicatriz si eu non levei na cabeza golpe ningún, nin tiven un accidente.

É igual. Ti tés aí unha cicatriz e punto.

Hai que foderse. E logo que foi; un golpe desde dentro?

Non tío. Nós chamámoslle cicatriz pero é unha malformación física do cerebro. Non é unha cousa grave quenindiola pero a ti provócache eses ataques epilépticos. Non era pola caluga por onde comezabas a ter unha sensación estraña?

Si.

Pois aí o tés. Non hai de que preocuparse. É algo leve e con medicación pódese tratar perfectamente e mesmo remitir por completo. E no remoto caso de que a medicación non chegase a ser efectiva, habería que plantexarse a posibilidade dunha intervención cirúrxica.

O que?

Non é nada, meu rei. Faino a miña nai cos ollos pechos do tirado que é.

Xa. Mira unha cousa. O das pastillas? Porque son pastillas o que me vas dar, non?

Pois si. Ou queres supositorios?

Si, que risa. De que son as pastillas?

Éche un anticonvulsivo de nova xeración que se chama lamotrigina.

Hostia! Que bonito!

É máis eficaz que os anteriores anticonvulsivos a base de ácido valproico e ten menos efectos secundarios.

Que ben.

Si. Vas comezar por 150 miligramos ao día. Se sentes mareos, somnolencia, insomnio, náuseas, vómitos, dores de cabeza, dores abdominais, perda de capacidade cognitiva, perda de memoria, tremores, irritabilidade, agresividade, confusión, erupcións cutáneas, complicacións hepáticas ou unha reacción alérxica xeralizada non te preocupes que é das pastillas.

E entón que fago?

Pides unha nova consulta e despois de ano e medio xa veremos que facemos. Algo máis?

Si. O da lamotrigina.

Que? Non che gusta? Quérela de fresa?

Ao final para que ven sendo?

A lamotrigina actúa inhibindo a liberación de glutamato, que é un neurotransmisor excitatorio, bloqueando as canles de sodio voltaxe-sensible para estabilizar as membranas neuronais.

Iso era o que quería saber, porque o meu primo está tomando lamotrigina e...

Tamén é epiléptico?

Non. Meu primo ten un trastorno bipolar maníaco-depresivo.

Tamén lle vale. E si ten unha depresión tamén.

Xa.

E con esta receita declaro oficialmente inaugurada esta epilepsia. Estás contento?

Home. Despois de estar cinco anos bailando por cardioloxía, traumatoloxía, neuroloxía, e que sei eu, facendo tacs, holteres, a proba de cristo na cruz, radiografías, ecografías, electrocardiogramas, electroencefalogramas, resonancias e analíticas varias e logo vés ti e disme que teño epilepsia, pois case vou dicir que estou contento. Polo menos xa sei o que teño.

Coño! Que ben o levas.

Xa veremos. Cando volvo?

Si tés sorte e non me dan no concurso de traslados, dentro de ano e medio.

Ano e medio? Vaime medrar moito a barba.

Hala. Vaite bonito.


8 comentários:

besbellinha disse...

Resúltame moi familiar todo isto que contas, sen tanto paseo médico e con algo máis de xeito gracias a dios.

Toma a lamotrigina, meu rei, faime caso.

Anónimo disse...

Se te mandan volver nun ano e medio, non tomes a lamotrigina. Reláxate e disfruta da vida!!!

moucho branco disse...

mecagoentodo!, da gusto saber que estamos en boas mans e que podemos confiar en que estes contratempos sanitarios van recibir a atención precisa!!, :S

rosa enriquez disse...

Que nome lamotrigina... Con ese nome debe ser bo como medicamento¡¡¡ Paciencia. uN SAÚDO (VALDEOROSA)

ak disse...

mais que de nova xeracion sera de ultima xeracion por que xa existe xenerico e para que isto pase deben pasar a lo menos dez anos dende a sua autorizaciom por sanidade. E xa existen outros mais recentes tipo o levetiracepam(keppra) q esta sendo receitado bastante.
saiume a vena boticaria...de todas formas faille caso a besbe e tomaa

A Raíña Vermella disse...

Únome ao clube pro-lamotriguina. Que o sistema sanitario funcione mal non quere dicir que o teu médico non teña razón. A.K. xa aclarou eficientemente o tema farmacéutico, así da gusto:)
Polo que eu sei, a lamotriguina vai ben e é moi seguro, e a epilepsia non debe ser algo moi agradable. Soa raro iso de que o mesmo medicamento sexa para unha depresión e para unha epilepsia,pero pensa na Aspirina, que se da para a dor de cabeza e para previr o infarto. O noso corpo ten razóns que a razón entende, pero cústalle bastante traballo:)

Micas disse...

Non sei se rio ou choro!!
Mas de que falas, dos serviços de saúde de espanha ou portugal?? posso garantir-te que em portugal é muito pior!!
Humor inteligente da mais alta qualidade é o que fazes aqui. Parabéns.
Un bico

Rifo I de Zeuquirne disse...

Pois así che é a cousa, pero ti toma a lamotrigina esa ou como se chame non vaia ser...
un saudiño.