description

26.3.07

Lamotrigina. Menuda elementa.

Pois resulta que tés epilepsia, meu rei.

Que me dis?

Cóntoche. Velaquí está. Mira aquí. Non ves un cachiño de occipital metido para dentro?

Si. E?

Pois iso é unha cicatriz que é o que te provoca os episodios comiciais.

Pero que carallo de cicatriz si eu non levei na cabeza golpe ningún, nin tiven un accidente.

É igual. Ti tés aí unha cicatriz e punto.

Hai que foderse. E logo que foi; un golpe desde dentro?

Non tío. Nós chamámoslle cicatriz pero é unha malformación física do cerebro. Non é unha cousa grave quenindiola pero a ti provócache eses ataques epilépticos. Non era pola caluga por onde comezabas a ter unha sensación estraña?

Si.

Pois aí o tés. Non hai de que preocuparse. É algo leve e con medicación pódese tratar perfectamente e mesmo remitir por completo. E no remoto caso de que a medicación non chegase a ser efectiva, habería que plantexarse a posibilidade dunha intervención cirúrxica.

O que?

Non é nada, meu rei. Faino a miña nai cos ollos pechos do tirado que é.

Xa. Mira unha cousa. O das pastillas? Porque son pastillas o que me vas dar, non?

Pois si. Ou queres supositorios?

Si, que risa. De que son as pastillas?

Éche un anticonvulsivo de nova xeración que se chama lamotrigina.

Hostia! Que bonito!

É máis eficaz que os anteriores anticonvulsivos a base de ácido valproico e ten menos efectos secundarios.

Que ben.

Si. Vas comezar por 150 miligramos ao día. Se sentes mareos, somnolencia, insomnio, náuseas, vómitos, dores de cabeza, dores abdominais, perda de capacidade cognitiva, perda de memoria, tremores, irritabilidade, agresividade, confusión, erupcións cutáneas, complicacións hepáticas ou unha reacción alérxica xeralizada non te preocupes que é das pastillas.

E entón que fago?

Pides unha nova consulta e despois de ano e medio xa veremos que facemos. Algo máis?

Si. O da lamotrigina.

Que? Non che gusta? Quérela de fresa?

Ao final para que ven sendo?

A lamotrigina actúa inhibindo a liberación de glutamato, que é un neurotransmisor excitatorio, bloqueando as canles de sodio voltaxe-sensible para estabilizar as membranas neuronais.

Iso era o que quería saber, porque o meu primo está tomando lamotrigina e...

Tamén é epiléptico?

Non. Meu primo ten un trastorno bipolar maníaco-depresivo.

Tamén lle vale. E si ten unha depresión tamén.

Xa.

E con esta receita declaro oficialmente inaugurada esta epilepsia. Estás contento?

Home. Despois de estar cinco anos bailando por cardioloxía, traumatoloxía, neuroloxía, e que sei eu, facendo tacs, holteres, a proba de cristo na cruz, radiografías, ecografías, electrocardiogramas, electroencefalogramas, resonancias e analíticas varias e logo vés ti e disme que teño epilepsia, pois case vou dicir que estou contento. Polo menos xa sei o que teño.

Coño! Que ben o levas.

Xa veremos. Cando volvo?

Si tés sorte e non me dan no concurso de traslados, dentro de ano e medio.

Ano e medio? Vaime medrar moito a barba.

Hala. Vaite bonito.


22.3.07

OLLO CO CANON


Sexamos críticos. Está claro que o goberno intenta “canonizarnos” a todos por culpa dos dereitos de autor. Pero detrás desta nova manipulación están, como non, as poderosas entidades de xestión de dereitos de autor (como a nosa afamada SGAE) e as multinacionais da música e do audiovisual. Habería que aclarar a tallada que estas veñen sacando tradicionalmente do pastel, porque ao final son elas, e non os artistas, as que se suben á parra. Por unha banda vemos as reaccións dos músicos, escritores, compositores, etc, que se amosan críticos co tema e buscan solucións máis ou menos caseiras. A saber: uns choran porque dis que non teñen para comer (casualmente estes son os que nos amolan día tras día coas súas folklóricas aparicións na pequena pantalla); outros, os menos, publicitan as súas obras a prezos razonables (solución esta que para min é a máis acertada, xa que todo o mundo queda “razoablemente” contento); e por último, os intransixentes que seguen as consignas das grandes discográficas e editoras e da SGAE, criminalizando todo o que non sexa apoquinar. Neste punto hai que subliñar que o prezo medio dos cd das produtoras independientes apenas variaron dende a entrada do euro, cousa que non aconteceu coas grandes produtoras que son, paradoxicamente, as únicas que poderían asumir rebaixas nos custos finais. Estas lévanse máis do 25% dos beneficios da venda do disco. Os artistas aspiran a cobrar o 4% dos dereitos de autor e unha procentaxe en “royalties”. Pero estes non soen pasar do 4% para artistas novos, e só acadan cifras maiores para aqueles que xa adquiriron posición de forza para negociar coas discográficas. En canto aos dereitos de autor, a SGAE quédase co 15% e a discográfica adoita reservarse o 50% (como sempre, a lei do máis forte). Total, resumindo: custo de produción: 4%; beneficios para o artista: 8%; resto: discográfica, distribuidora, vendedor, SGAE e impostos. Proceso creativo 12% vs proceso especulativo 88%.
Despois de ver o reparto da torta, cabe preguntarse se é lícito que o goberno nos queira vender a papeleta de que a piratería supón a fame dos nosos artistas. Non sei se noutros paises pasa o mesmo, pero aquí só catro ou cinco viven da música. O mesmo acontece cos escritores. Son as empresas discográficas e as editoriais as que están en cuestión, e son elas as que deben acomodarse á nova situación. Sempre foi así no mundo do libre comercio, e sempre recurriron a el para beneficiarse a conta dos consumidores. Pero, por vez primeira na historia, é o gran empresario o que chora e pide axuda ao goberno porque se sente ameazado polo pequeno consumidor. E logo, cantas tendiñas tiveron que pechar por culpa dos carrefours, alcampos e continentes de turno. A ver, cal foi o canon que lles permitiu continuar co seu negocio de barrio?
O que está a pasar coa música, co cine e coa literatura vai acontecer tamén cos xornais, cos comics, cos eventos deportivos, coa televisión de pago, etc. Con todo o que se poida dixitalizar. E logo, que vai ser, pagar un canon por cada imaxe, por cada información, por cada son? Oín que xa están preparando un canon para fotocopiadoras e faxes.
A problemas novos, solucións novas, digo eu. Ou é que vai ser sempre o mesmo. Mexan por nós e dis que chove. So falta que o Papa se sume a festa: a parte do “canon” e das multas, que te excomulguen. Que non? Tempo ao tempo. Acabaremos pagando canon por usar condóns.

20.3.07

ILPF. Imposto sobre a lectura das persoas físicas.

Boas.

Ola.

Estaba interesado nun libro. Pódeme axudar.

Por suposto que si. Dígame que libro é.

Non é un libro en concreto. Gústanme as novelas históricas.

Entendo. As novelas históricas están no corredor da dereita, no expositor do fondo. Bótelle un ollo. Tamén pode consultar os títulos na máquina de fóra, si lle é máis cómodo.

De momento vou mirar nos andeis. Despois xa verei. Grazas.

...

Xa estou aquí de novo. Só unha preguntiña. Quería levar esta novela, pero só é unha copia da portada. Como é iso?

Nos expositores só temos copias das portadas para que a xente saiba os fondos bibliográficos que temos. Despois pregúntannos se está dispoñible ou non, e si o está, dámoslle o libro orixinal. Cada vez hai máis xente que consulta na máquina. Élles máis cómodo porque poden escoller por temáticas, por novidades ou por orde alfabética e saben si está dispoñible. Quere que lle confirme si pode levar este libro ou está prestado?

Grazas.

...

Está dispoñible. Lévao entón?

Si, por favor.

Ten ficha aquí?

Non é a primeira vez que veño. Que teño que facer?

Necesito o seu DNI para abrir unha ficha. Non precisa ningún tipo de carné. Con darnos o seu nome e apelidos nós localizamos a súa ficha e apuntamos os libros que leva. Os prazos para a devolución dos libros varían en función da novidade do libro. Os libros máis vellos teñen máis praz de devolución. Está interesado en ter unha tarxeta para usar a máquina de consulta?

Non o sei. Que vantaxes ten?

A parte de ser máis cómoda a consulta, pode retirar e devolver os libros dende a mesma máquina polo que non está suxeito aos horarios de apertura da biblioteca. Vostede ten un número segredo polo que a máquina o identifica e cárgalle o libro na súa ficha. É coma un caixeiro automático. Tamén os prazos de devolución son máis flexibles.

Xa vexo. Pois case mellor saco unha, non?

Practicamente todos os que teñen ficha aquí a teñen. Fágolla nun momentiño. Cantos cartos quere ingresar para facer os pagos?

Perdón?

Que cantos euros quere ingresar na tarxeta para que a máquina os vaia descontando cando se leve un libro?

Pero isto non é unha biblioteca pública?

É evidente que si.

E aquí préstanse os libros?

Si.

E como é que teño que pagar por levar un libro prestado dunha biblioteca pública? Non o entendo.

Hai unha directiva europea pola que todos os países membros deben establecer unha normativa que obriga ás bibliotecas que permitan o préstamo de libros a cobrar unha cantidade aos usuarios en concepto de cánon por dereitos de propiedade intelectual.

Pero como é posible? Logo deixa de ser un préstamo. É un aluguer.

Entendeuno perfectamente. Vai levar o libro?

Case non. Vou ver si o consigo no top manta.


QUEREMOS BIBLIOTECAS,
NON BIBLIOCLUBS


Máis información aquí e aquí

9.3.07

Abrazármonos.



Recollendo o pano que deixou tevabuena, A Pirámide quérese sumar a esa iniciativa do abrazo terapéutico para facernos a tod@s máis felices a poder ser.
Xa nos gustaría a nós ofrecer abrazos polas consellerías adiante sen facer distincións de raza, sexo, categoría profesional ou grupo parlamentario. Algúns dan abrazos pero é por interese:

-Coño, conselleiro. Dame un abrazo, joder. Tenemos que hablar de lo mío.

E falar "do del" pódenos supoñer aos contribuíntes uns cantos miles de euros.
Cando vexo o vídeo, danme gañas de gastar ben toner da impresora, facer un carteliño en A3 e botarme polos corredores adiante. Xa estou oíndo a algúns:

-Pobriño. Este anda muy necesitado.
-Pobriño, pobriño. Pues que se vaya a un puticlub! Este no es sitio deeeeee...

E aí xa o calo eu dunha aperta forte. Ao final, ía ter máis xente á cola que o rexistro de presidencia.
Si alguén ten pensado facer algo similar ou sabe dalguén, que o comunique, e se me cadra cerca, pois ata vou coa familia.
Máis nada. Un abrazo a tod@s.

1.3.07

O benestar da Vicepresidencia.

Despois dos desagradables incidentes ocorridos nas "toupeiras" de San Caetano, a Vicepresidencia está a aplicar, de xeito exquisito, medidas innovadoras para que a paz e o bo rollito volvan a prevalecer no habitual desenvolvemento das súas funcións. Na Pirámide estamos seguros de que así será.