Debilidades literarias
Grazas ás entradas de Moucho Branco comezamos a entender na Pirámide o que é iso de facer memes. Como membro máis toupa da pirámide, voulle botar peito e propoñer un aquel. Se non asemella meme isto, é que non entendín nada e vou ter que ir a unha pasantía. Agradeceríavos que me fagades saber o voso parecer porque xa teño bastante con ser funcionario para que ademáis sexa funcionario parvo (nada de risitas, facédeme o favor).
Aí vai. O outro día, facendo iso de cambiar de canle televisiva a fume de carozo (zarping ou algo así), parei nunha serie televisiva na que unha moza víase obrigada, por cuestións académicas, a confesar cal era a súa novela favorita. Confesou, máis o profesor considerou obxecto de discusión si a novela escollida estaba dentro das grandes obras mestras da literatura universal. Evidentemente non o era e a moza avergoñouse da súa elección.
A cousa ven sendo confesar a novela que consideras favorita pero que consciente e obxectivamente sabes que non figura dentro da lista das grandes obras literarias recoñecidas universalmente.
Eu recoñezo que a miña novela favorita é "Posesión", de A.S. Byatt. Ista novela valeulle á autora a concesión do Booker Prize americano e tivo grande éxito no seu tempo. Mesmo hai un par de anos, fíxose unha penosa adaptación cinematográfica que en absoluto lle fai xustiza.
Son dúas historias en tempos distintos pero con vencellos evidentes nas que autora realiza un estupendo exercicio de creación literaria dentro da propia novela e que é a que a salva de ser considerada un folletín romántico. O coñecemento da época e da literatura na que se desenvolve a novela xa me gustaría para min (anglófilo histórico empedernido) e iso ten moito que ver na miña escolla. Aínda así, non me custa moito confesar que esta novela non se achega ás grandes obras literarias. Como dicía Jane Austen "A metade do mundo non entende os praceres da outra metade".
AVISO: si alguén menciona "Los Pilares de la Tierra", choro.