description

9.11.07

O meme das oito cousas

Pásanos Elianinha o meme das oito cousas. Entendemos, non sabemos si acertadamente, que se trata de facer unha lista de oito cousas e falar delas. Como xa nos ten pasado outras veces con isto dos memes, resulta complicado facer algo relativamente persoal e con xeito entre varios e varias que estamos a facer esta Pirámide. Por iso, tiramos polo carreiro do medio e imos escoller oito actividades administrativas polas que sentimos especial simpatía ou o máis fondo dos desprezos. Velaí van.

1ª Facer “Notas Interiores”. Tamén chamadas choqueiramente “Notas Íntimas”. Trátase de pedir, preguntar ou respostar algo entre departamentos da mesma consellería. Non deixa de ser unha constancia escrita do asunto que tés entre mans. Que che requiran un papeliño destes entre compañeiros pode ter doble significado. O destinatario non se quere pillar os dedos co que lle estás a pedir, ou non lle caes simpático e quere que llo pidas por escrito para tocarte un pouco as partes baixas. Tamén se pode entender como un xesto de desconfianza.

2ª Xustificar pagamentos. Con moita diferenza, a actividade máis imaxinativa e esperpéntica que nos ofrece a administración. Xa temos escrito sobre ela varias veces e máis que o faremos. Cada departamento ten adxudicadas unhas partidas orzamentarias (unha pasta, vamos). Cando se fai o gasto, elabórase un documento no que figura a factura a pagar, con qué cartos se vai a pagar e por qué se debe pagar con eses cartos (daí o de xustificación de pagamento). Este documento vai destinado ao Interventor, que é o encargado de ver si a xustificación é razoable e pode autorizarse o pago.
Ven sendo unha especie de xogo estilo “verdá ou mentira?”. Pódense dar casos de pagar uns pinchos ou un ramo flores que ao chegar a Intervención convértense nunha impresora ou dúas caixas de papel membretado. Outras veces a ousadía é tal que se chega a xustificar a necesidade que ten a administración de mandar a un asesor a Londres para ver si cómpre mandar a Londres ao mesmo asesor mailo alto cargo ao que debe pleitesía. Non me digades que non da cancha facer isto. Calquera día convocamos un concurso literario de xustificación de pagamentos para ver o grado de vocación funcionarial que tendes.

3ª Facer unha fotocopia do DNI polas dúas caras. Ou mesmo por unha soa cara. Todo un reto de enxeñería. Non sabemos por qué non inclúen isto nos cursos da EGAP.

4ª Montar un arquivador definitivo (estes de cartón). Un dos membros da Pirámide gábase de ser o montador de arquivos definitivos máis rápido ao norte da consellería de presidencia. Calquera que tarde máis de dez segundos pode darse por vacilado. Ven sendo coma o cubo de Rubik pero cun toque máis pailán.

5ª Que uns funcionarios que non coñeces de nada te pidan os típicos e estúpidos regalos de promoción do departamento onde traballas e mentirlles dicindo que xa non hai. Sempre che queda a dúbida de saber quen é máis patético.

6ª Tomar posesión. Habería que suprimir esta expresión do dicionario administrativo por demasiado rimbombante. Parece que lle van nomear a un cabaleiro ou cabaleira dunha orde da masonería. Non ven sendo máis que ir ao departamento de persoal da consellería de turno para dicirlles que xa colliches as vacacións, que che quedan tres moscosos por pedir e que che encarguen a nova tarxeta para fichar pero sen presa. Aos que toman posesión por primeira vez dicirlles que estean ben seguros dos seus sentimentos e que algo dentro deles lles dirá si é o momento Aínda así, arrepentiranse toda a vida. Ah, e que non se esquezan de levar protección.

7ª Fichar. Meter a tarxeta na maquiniña. Piiiiip. Parece mentira que un simple son poda ser tan aliviador e tan cabrón ao mesmo tempo. Recomendamos que se utilice o son aliviador para facer un autoreseteo. Máis que nada para intentar deixar a saúde mental intacta. Por certo, os altos cargos non fichan.

8ª Atopar o bar ou cafetería que teña as tapas máis abondosas ou os medios bocadillos de tortilla máis baratos nun radio de 500 m do posto de traballo. Falan de que si ves camións aparcados diante dunha casa de comidas para porque se come ben e barato. Pois aplica o conto ás cafeterías pero cos funcionarios aparcados nas mesas. Non falla. Hai unha cafetería cerca de S. Caetano que se chama “Parlamento”. Non me digades que iso non é ir provocando.

Hala, acabouse. Mandámoslle este meme ás carrabouxinhas do Tevabuena, a Caixón de Xastra e a Casa da Micas. E tamén a todos e todas as xefas de gabinete. Que non terán elas e eles listas de oito cousas feitas nin nada. A mancheas, meus pobres.

3 comentários:

Costureira disse...

Moitas grazas por lembrarvos desta costureiriña... A estas horas non estou moi inspirada pero todo se andará...

carraboujo disse...

As carrabouxiñas agradecemos o recordo e a proposta. Mañá poñémonos ao asunto.
Moi bo o post, coma sempre. Por iso vos pedimos máis e máis e máis e máis anda more and more.
Bicos grandes.

ak disse...

eu quero tomar posesion, roubar material de oficina pra regalos de nadal e visitar bares...
onde dan a vez para opositar???