description

1.7.07

Día do Clú.

Levamos varios anos facendo un picnic no noso club social (este debe ser o cuarto) e non vos imaxinades o que nos presta. Co mal tempo que tivemos, xa pensabamos que iamos quedar sen facelo pero San Pemán tivo a ben gardarnos un bo día e o evento celebrouse.
Como anda a Pirámide ciscada en comandos polos centros administrativos adiante, a organización e a eficacia é fundamental para realizar con éxito este tipo de actos e, por moito que vos pareza impensable, imposible e inaudito nunha panda de traballadores da administración, os trámites fixéronse literalmente dun día para outro.

Esta foto, amosa perfectamente que somos fervorosos seguidores da escola británica para este tipo de actos (menos a vaixela que é de auténtico plástico alcampeiro). Nada de mesas e cadeiras coa marca da cervexa ben grande. Eses foron outros tempos. Agora cadeiras, mesa e mantel integrados no marco incomparable.
O menú xa vedes que é campestre, campestre. Endibias con queixo camembert, pan de Cea untado en tomate con xamón e unha tortilla de patacas tan grande que ben arrebolada podería matar un home. De sobremesa, cereixas e un brazo de gitano espectacular. Do viño e as bebidas espirituosas non falo que tiña que conducir.

E despois de pasar e repasar as viandas falamos do administativo (ou divino) e do humano. O procedemento é o seguinte. Rematouse o postre. Alguén saca tabaco. Outro saca a cámara e comeza a buscar encadres tan imposibles que son os mesmos que os do ano pasado. Cotilleo administrativo de actualidade que deriva en cotilleo político de actualidade ou viceversa. Anécdotas choqueiro administrativas. Intento de meter o blog na conversa. Fallido. Que alta está a herba do xardín este ano. Foto oficial Picnic 2007. Como van as obras do club social. Concurso de traslados. Detiveron outra vez a Isabel Pantoja. Asombro. Era mentira. Risas e reprobación xeral para a de Saint Olaf polo vacile. Novo intento de falar do blog. De novo risas e reprobación xeral. Este ano vai ser que tampouco.
Despois da parola, chega a fase de exploración do entorno. Seguimos a organizarnos en comandos. Unhas collen chapeu coxín e mantiña por ver de botar unha soneca ao sol. Outros encamíñanse cara o interior da sede para loar os traballos de rehabilitación que se están a facer na sede do club. Este ano hai sorpresa. Unha flamante mesa de ping pong da que tiramos unhas boas risas e un dedo fodido. Algúns botan a andar pola avenida dos rododendros aínda que con dificultade pola altura da herba.
Rematada a fase de dispersión, concentrámonos de camiño á sombra do castiñeiro onde facemos un amago de merendola. De novo parola choqueira e o pesado da cámara rondando como as moscas. Dependendo da hora, liscamos ou damos un paseo pola beira do río e liscamos despois.
Como vedes, non é nada que non faga ninguén cos amigos nun día bo de xuño, pero nós témoslle tanta fe ao Santo Picnic que non vemos o día no que volvemos a botar unhas risas debaixo do castiñeiro.