description

15.1.07

O bazar chinés da Xunta

A quen non lle deron un agasallo de promoción? Referímonos a eses chismes que os bares, froitarías, gasolineiras, bancos (estes menos, loxicamente) e outras empresas e establecementos dan para quedar ben coa clientela.
Durante moito tempo o presente por excelencia foi o calendario (tanto o de colgar coma o de levar na carteira). Onde van eses calendarios cos animais en pose riquiña ou a virxe da Macarena?
Outro agasallo moi usado hai anos era o chaveiro. Cantos bares, tabernas ou mesóns non tiveron no chaveiro o seu principal obxecto de decoración.
Despois, o regalo promocional fíxose máis variado. Bolígrafos, borralleiros, axendas, camisetas, pins, chisqueiros, paraugas, gorras, maletíns, carpetas, alfombras para o rato, cadernos, estoxos, figuriñas e calquera outra cousa que podedes atopar perfectamente nun bazar chinés ou nunha tenda de todo a un euro.
Damos por suposto que as empresas fan este tipo de presentes como método de captación de novos clientes ou como premio á fidelidade dos de toda a vida. Tendo un descoñecemento case total do funcionamento da mercadotecnia damos por razoable este tipo de estratexias empresariais (a onde vas tolo? a onde van todos). O que non nos cadra é cando a empresa non precisa facer unha estratexia deste tipo porque exerce un monopolio sen límites. Que sentido ten promocionarse entre os clientes si a estes non lles queda outra?
Insistindo no noso descoñecemento da mercadotecnia, non acabamos de entender por que unha das maiores produtoras e consumidoras deste tipo de presentes é a Xunta. Aquí chámanselle regalos promocionais ou de cortesía segundo o seu valor e a quen van destinados (si os dan a tododios nunha presentación, son promocionais; si os da o xefe de turno son de cortesía).
Algúns forman parte de campañas publicitarias que promoven iniciativas políticas que fan que se queden máis doadamente na memoria (quen non se lembra do “Seguriño”). Outros teñen a misión de agasallar á personalidade ou ao alto cargo de turno para abrandalo ou predispoñelo a favor.
Moitos destes obxectos non saen da mesma administración e pasan a ser moeda de cambio entre departamentos como pago na axilización de trámites. A presteza e celeridade na xestión é proporcional ao valor ou número de agasallos que se fagan. Pobre do departamento que non teña algún tipo destes artigos de promoción; arríscase a ter ralentizados decisivos procesos administrativos. Neste aspecto, hai departamentos produtores (direccións xerais de actividade pública) e departamentos consumidores (intervencións, asesorías xurídicas, secretarías de conselleiros e conselleiras habilitacións, inspeccións, ...). O tráfico deste tipo é de sobra coñecido no eido administrativo e non faltan funcionarios e funcionarias que van aos departamentos produtores preguntando descaradamente: aquí que dáis?
É tal a variedade deste tipo de presentes que rímonos todos do “frikismo” privado. Por iso amosaremos de cando en vez algún destes agasallos de promoción ou cortesía para que vexades as infinitas posibilidades que a administración ten de quedar ben.
Na foto (tirada ao máis puro estilo da espionaxe clásica) podedes ver a embalaxe dun auténtico “MP3 Digital Music Player”. Se cadra, forma parte dunha desas decididas e necesarias inversións en I+D+I que fan que Galicia avance con seguridade cara sociedade das novas tecnoloxías. Parece que a cousa conta co beneplácito e a pasta da Unión Europea (non fai falta máis que mirar o logo coa bandeirola das estrelas a carón do da xunta) pero é posible que esteamos errados e non deixe de ser que o trebello está fabricado segundo as normas e directivas da Unión que regulan o consumo de agasallos promocionais. Este trebello encádrase na categoría de agasallo de cortesía polo seu valor e innovación no eido do “para ti, para que me debas un favor”. Nestas cousas, o valor é proporcional ao secretismo da súa existencia.



AVISO:
A Pirámide, na súa obriga de non deixar co cú ao aire as súas fontes, non respostará a ningunha ansia de saber cómo pode un facerse con un trebello coma este nin calquera outro que aquí figure. Que a Xunta faga un bazar institucional con sucursais en todo o país. A mágoa é que daquela estas cousas serían de pago.

5 comentários:

Anónimo disse...

Qué chuli! Esperaremos a que a Xunta regale o novo teléfono de Apple e entonces sobornaremos á Pirámide para conseguir un, pero de momento a Xunta podía enviar un boli a cada contribuínte, ou un calendario de taco para a mesa ...

Marinha de Allegue disse...

Bueno, bueno, bueno que me contas limeño...???.

Unha aperta.
;)

Raposo disse...

A min ultimamente estanme regalando chisqueiros en tódolos los sitios. Debe ser que sobran, como tema da Ley Antitabaco, que xa non se pode fumar nalgúns sitios, etc. E por riba, eu deixei o vicio hai dous anos.
E agora, ¿que faago eu con tantos chisqueiros?

Anónimo disse...

E nos regalos de cortesía non meteran Mercedes ou BMWs? Para que se vexa que agora goberna a esquerda.

A pirámide disse...

veciña coruñesa: estámosche nós para andar subornando. Como lean moitos na xunta este blog, de cortesía non nos van dar nin os bos días.

Marinha: o que eu te cante, limeña.
Un bico

Raposo: aínda hai tabernas que coleccionan chisqueiros. Fai unhas rondas e ao mellor as copas sáenche de balde.

Randeeira:A esquerda éche máis de Volskwagen e Audi. A categoría do alto cargo vai polo número do modelo (A4, A6, A8, A8 blindado). Todos son de cortesía. De cortesía dos contribuíntes.