description

8.1.07

Sospeito que subes ou baixas.

Despois de ano e pico de goberno bipartito, estase a crear certo dilema no seo da administración pública. A cousa comeza como segue.

Coñecido é o uso indiscriminado de asesores que facía o goberno de Fraga. A maior parte como pago de favores ou como ETT pública para familiares de afiliados merecedores de tal honra por ser iso: afiliados. Moito teñen denunciado os sindicatos do ramo tal exceso, ao ver que a administración pasaba a ser unha coordinadora de fundacións e empresas públicas que, en moitos casos, non tiñan outra función que a de empregar a persoal que tiña certificado de “adhesión a la causa”.

E chegou o “Nunca Máis” e o “Hai que botalos”... e botámolos. Houbo un acordo de goberno para que a cousa mudase e houbese un xiro de 180 graos. E chegou o bipartito á administración con ideas (ía poñer moitas ideas pero non estou seguro) e fixo, supoño eu, unha análise da situación. Unha recua de altos cargos por cesar (funcionarios de carreira a maioría) que pasaban a disposición dos novos gobernantes para situalos onde tivesen a ben, pero sempre na categoría que lles correspondería por lei (a máis alta, que xa se encargaron no seu tempo de que así fose). A xunta encheuse de ex altos cargos vagabundeando polos corredores e ofrecéndose ao consello asesor, fundación ou empresa pública de turno para rematar coa vergonza que lles supoñía compartir despacho ou departamento con quen antes eran simples subordinados, sen unha función adxudicada que non fose a de ler “El Choteo Gallego”.

Aos cargos medio-altos (falo de subdirectores xerais e xefes de servizo), tamén lles chegou o seu tempo e foron cesados a maior parte. Pero cómo encher estes postos que por lei deben exercer funcionarios de carreira da máis alta categoría e con experiencia na xestión e na administración? Pois é ben doado. Cos mesmos que foron cesados pero en diferentes postos. Non ben cesaban nunha consellería cando á semana seguinte aparecían noutra con un posto similar ou mellor. Os mesmos con distinto traxe.

Despois de feita a análise, que eu supoño que se fixo, o goberno acordou que o persoal funcionario de alta categoría non podía ser de fiar polo que, para levar adiante o seu programa debía de proverse dun número elevado de asesores e gabinetes que fixesen o traballo que, en teoría, debían facer os funcionarios sospeitosos de non adhesión. O número destes asesores (toda xente JASP) incrementouse considerablemente mesmo ata chegar a un 40% do persoal nalgúns departamentos. O número de fundacións, empresas públicas ou consellos asesores non mudou substancialmente polo que a situación da administración é a de manter aos ex-altos cargos de Fraga recolocados e aos asesores de agora recén colocados. Os sindicatos (algúns máis e outros menos) denuncian a situación. Mesmo a CIG fai máis fincapé nas consellerías ao cargo do BNG nas denuncias de excesos na contratación de asesores e de falta de ética e obxectividade no desenvolvemento das súas funcións.

Para non facer evidente un choque entre dúas maneiras paralelas de traballar dentro do nacionalismo (política e sindical), o grupo político nacionalista promove certas opinións mediante artigos en prensa e posicións políticas internas nas que se xustifica a actuación do goberno do seguinte xeito:

Sendo evidente que para facer un cambio no país e tal como está o sistema clientelar herdado do PP na administración pública, non se pode confiar nos altos funcionarios para levar a cabo as tarefas de goberno se non se quere caer na trampa do obstrucionismo. Ante isto, cómpre traballar con persoal de confianza, aínda que ese persoal non sexa funcionario nin teña idea do que é a xestión administrativa. E aí vai o dilema. Qué deben facer os sindicatos? Denunciar o exceso alarmante de contratación a dedo de persoal de gabinete co gasto arbitrario de fondos públicos que iso supón, ou calar a boca e xustificar a falcatruada como mal menor para levar adiante as iniciativas que sacarán ao país do atraso no que estaba na era Fraga? Qué é mellor, denunciar actos eticamente reprobables dentro da administración pública (sexan feitos polo goberno que sexa) ou xustificalos polo ben da sociedade galega?

Éche un bo dilema e calquera das opcións podería ser razoable, pero o verdadeiro problema desta situación segue sen resolverse e non é outro que a utilización partidista da administración pública e a desconfianza do goberno, sexa o que sexa, na obxectividade do funcionariado (que coma o valor do soldado "se le supone"). Despois de todo (ou a pesar de todo), os traballadores da administración pública forman parte da sociedade galega e tamén a eles se lles pode aplicar algúns dos tópicos que a mal definen. Sinto ter que acudir aos tópicos pero aquí poderiamos falar de “depende” e “non se sabe se subimos ou baixamos”. Parece ser que iso en política non é ser obxectivo; é ser sospeitoso.

3 comentários:

a randeeira disse...

Os altos cargos, asesores e outros bechos de nivel están ben parapetados na administración e non teñen ideoloxías porque necesitarían cerebro pero son uns rambos preparados para subsistir en calquera xungla por moi “charlies” que pretendan ser os novos administradores... e iso que non senten as pernas de tantas horas sentados lendo os xornais.

moucho branco disse...

eu xa cheguei a pensar que o clientelismo é parte da idiosincrasia do país....

Anónimo disse...

Éche unha vergoña, dá igual quen estea, senón mirade o DOG do día 5 xaneiro, páx. 162, orde da consellería de Educación e OU.
!Xa cho dicía miña avoa: porco gordo, untarlle o rabo!