description

30.12.06

Fomos tomar un café.


Desculpade que non escribamos moito esta tempada.
Estamos de traballo ata arriba.


He, he. Estamos a brincar.

28.12.06

Café administrativo para todos.

Todos e todas coñecemos e, en ocasións, tememos á administración pública. E cando dicimos todos e todas estamos a incluír aos que traballamos para ela. Na Pirámide, a gran maioría levamos máis de oito anos traballando para a administración, condea que levamos con resignación, si se nos permite a presuntuosidade. Cando un comeza a traballar nisto, sospeita que un número inimaxinable de leis, decretos, ordes, normativas, artigos, regulamentos, parámetros e criterios obxectivos van a rexer a nosa vida laboral e que o seu descoñecemento evitará que o noso traballo transcorra o máis felizmente posible. Como vedes, non estamos tan lonxe de ser uns administrados ao outro lado do mostrador.
A sabedoría de toda esa maraña normativa vaise comprendendo tamén da mesma maneira que os administrados: o boca a boca. Xa sabedes como vai iso. Ti contas que tés que pedir un papel na administración e non sabes que facer. Outro diche como tés que facelo do xeito "oficial" (que ao final sempre é o máis engorroso) pero que non o fagas así porque el xa o fixo antes e non amañou nada e que é mellor que fales con fulanito e menganita e non terás problema. Falas con fulanito, fulanito non coñece á persoa que che contou a leria e non sabe de que lle estás a falar. Vas a falar con menganita. Menganita tampouco coñece á persoa coa que falaches pero algo sospeita do tema en cuestión e remíteche a outro fulanito que é o que leva iso e que sería o que te atendería sin ter que falar con ninguén. Ao final vas a onde tiñas que ir pero con tres funcionarios pensando que es parvo.
Poñamos dous exemplos universais:


Exemplo 1:
-Boas, veño a pedir o certificado.
-Pero isto xa non está en prazo para solicitalo. Ten que agardar ao ano que vén
(o administrado está de sorte porque o están atendendo en galego).
-Pero é que díxome fulanito que viñese a falar con vostede e que xa mo daban no momento.
-Non sei quen é fulanito pero si lle dixo iso, fale con el directamente e a ver si llo soluciona. Dende logo aquí non llo podemos facer este ano.
-E logo a onde vou?
-Vaia a información e pregunte se lle deixan mirar o DOG e alí xa ven todo moi ben explicado.
- Moitas grazas.
-Non hai de que.


Exemplo 2:
-Boas, veño a pedir un certificado.
-Pero esto ya no le está dentro del plazo. Tiene que esperar al año que viene
(desta, o administrado non tivo tanta sorte co do galego).
-Pero é que díxome fulanito que viñese a falar con vostede e que xa mo daban no momento.
-Fulanito el de la dirección xeral?
-Creo que si. Debe ser ese (o administrado albisca unha solución satisfactoria).
-Lo voy llamar que hace tiempo que no hablo con el. Fulanito? Qué tal? Yo también, mira una cosiña. Me mandaste aquí un señor para pedir un certificado pero está fuera de plazo. No te preocupes que ya miro yo como podemos hacer. Los niños bien? Venga. Chao, chao.
-Espere un momentito que voy llamar a una compañera que sabe de esto un poco y a ver como lo solucionamos. Menganita? Mira una cosiña, lo de los certificados ya acabó el plazo, no? Y que puede hacer? Vale. Y se lo dejáis vosotros, no? Bien, pues ya os lo mando para ahí. Chao, chao.
-A onde teño que ir logo?
-Vamos a ver. Vaya al fondo del pasillo, donde pone información y hable con las chicas que están allí. Dígales que va de mi parte y ya le dejan ellas el DOG y mira allí todo, que le viene muy explicadito.

-Moitas grazas.
-No hay de qué.

A ninguén lle sorprende que estes dous casos ocorran realmente entre un cidadán e un funcionario da administración pública. Xa se sabe, o compadreo entre colegas peloteando ao pobre señoriño que só quere un papel que llo podería facer perfectamente o seu neto pintando un folio coa chupeta. Pero alto aí! A administración pública dun estado democrático debe basearse na obxectividade, eficacia e igualdade e, polo tanto, o trato debe ser igual, sexa quen sexa quen demande os seus servizos. E así é. Os dous exemplos tratan a petición, por parte de calquera funcionario ou funcionaria, dun certificado dos moitos que ten que pedir, e que lle ten que asinar o director xeral da función pública en canto teña un pouco de tempo despois de vixiar os exames da oposición de turno. Para estas cousas, os traballadores da administración pública tamén somos administrados. Certos costumes non se perden nunca.

22.12.06

Hoxe pode ser un gran día

Hoxe a alguén vaille tocar a lotería. E non o digo só polo do sorteo dos millóns. Hoxe é o día do Orgasmo pola Paz . Para algunha xente celebralo xa vai ser unha lotería. Nos dous casos (lotería e orgasmo) coidamos que ronda unha sensación de impotencia e frustración si non se obteñen os resultados esperados. Para outra xente, e tamén nos dous casos, pódese aplicar a cantiga "... unha perna tapa a outra".
Para os dous casos tamén serve unha reflexión: o día despois. Para un dos casos,
home de areia ilustra moi ben o que estamos a pensar. Para o outro, moita xente xa está a buscar o neno.
Sorte a todas e a todos en calquera dos casos.

18.12.06

Unha ensalada de tiros no Petiscos.

A Pirámide xantou cerimoniosamente para conmemorar unha festa case esquecida: o nacemento de Susiño de Belén. Mentras que as grandes superficies comerciais espallan polo mundo de posibles certas substancias supermegapolonias que fan da xente monstros de consumo, nós facemos coma que non sucumbimos e tomámoslle unha por Susiño.
E estabamos niso en ben mirada casa de comidas chamada "Petiscos" cando alguén tirou disimuladamente de móbil e dixo ameazante:
-Ei rapaces! Cambiei de móbil. Este ten cámara.
Mentras dicía isto comezou a apuntar a tododios co móbil berrando coma un tolo:
-Quietos todos! Si vos movedes bórrovos da memoria e disparo de novo.
Algún valente pasou de todo e fixo aceno de erguerse para arrebatarlle o móbil e comprobar que tiña batería. Foi inútil.
-Halaaaaaaa. Movícheste. Saíches mal, ves? Agora voute borrar.
Algúns aproveitaron o intre de "borrar foto" e "capturar en modo cámara" para tirar dos dispositivos que tiñan máis a man e respostar aos disparos. Como vedes, non se respectou a ninguén.

14.12.06

Que cante o galo

Saíu á venda este mes este Libro+CD+DVD "O Quiquiriquí" a iniciativa da Asociación de Gaiteiros Galegos e os estudos de gravación Casa de Tolos e coeditado por Pai Música e a Consellería de Cultura. Ven sendo unha recolleita de cantos de Nadal tradicionais (nada que ver coas "Campanas de Belén" dos coros infantís dos colexios relixiosos) pero con un toque de festa veciñal moi pavero. Aínda non saíra á venda e xa andaban os mestres e mestras a preguntar na Consellería de Cultura (que polo medio andivo) polo traballo este, ansiosos como estaban por atopar algo musical para estas festas fóra de recollementos e cerimoniosidade. Uxía Senlle, Guadi Galego, Mini e Mero entre outros, forman parte deste estupendo traballo. Se queredes ideas para agasallo ou gozar destas festas con música que non sexa o fío musical duns grandes almacéns esta é unha boa opción. Din os rumorosos que os tradicionais pinchos que organizan as consellerías van ser amenizados con pezas deste traballo. Non cremos deixen. Non vaia ser o demo que a alguén se lle ocorra botar unha baila e desentone co ambiente dos salóns dos hoteis de cinco estrelas.

1.12.06

COÑECÍAS ESTE BECHO?


Isto, para os escépticos e os entomólogos amateurs, non é un marciano nin un dinosauro corredor vido a menos. É unha empussa pennata, un insecto próximo as barbantesas, pero con hábitos arborícolas e un mimetismo máis complexo. O seu hábitat é de tipo mediterráneo, polo que é máis doado de atopar no fondo dos grandes vales (este fotografeino na Ulla).

Pois iso, se queredes atopar un, teredes que fitar as polas das corticeiras, dos castiñeiros ou dos carballos. Con sorte e moita paciencia poida que notedes que unha folliña seca comeza a se mover sen que sopre aire ningún...