description

28.12.06

Café administrativo para todos.

Todos e todas coñecemos e, en ocasións, tememos á administración pública. E cando dicimos todos e todas estamos a incluír aos que traballamos para ela. Na Pirámide, a gran maioría levamos máis de oito anos traballando para a administración, condea que levamos con resignación, si se nos permite a presuntuosidade. Cando un comeza a traballar nisto, sospeita que un número inimaxinable de leis, decretos, ordes, normativas, artigos, regulamentos, parámetros e criterios obxectivos van a rexer a nosa vida laboral e que o seu descoñecemento evitará que o noso traballo transcorra o máis felizmente posible. Como vedes, non estamos tan lonxe de ser uns administrados ao outro lado do mostrador.
A sabedoría de toda esa maraña normativa vaise comprendendo tamén da mesma maneira que os administrados: o boca a boca. Xa sabedes como vai iso. Ti contas que tés que pedir un papel na administración e non sabes que facer. Outro diche como tés que facelo do xeito "oficial" (que ao final sempre é o máis engorroso) pero que non o fagas así porque el xa o fixo antes e non amañou nada e que é mellor que fales con fulanito e menganita e non terás problema. Falas con fulanito, fulanito non coñece á persoa que che contou a leria e non sabe de que lle estás a falar. Vas a falar con menganita. Menganita tampouco coñece á persoa coa que falaches pero algo sospeita do tema en cuestión e remíteche a outro fulanito que é o que leva iso e que sería o que te atendería sin ter que falar con ninguén. Ao final vas a onde tiñas que ir pero con tres funcionarios pensando que es parvo.
Poñamos dous exemplos universais:


Exemplo 1:
-Boas, veño a pedir o certificado.
-Pero isto xa non está en prazo para solicitalo. Ten que agardar ao ano que vén
(o administrado está de sorte porque o están atendendo en galego).
-Pero é que díxome fulanito que viñese a falar con vostede e que xa mo daban no momento.
-Non sei quen é fulanito pero si lle dixo iso, fale con el directamente e a ver si llo soluciona. Dende logo aquí non llo podemos facer este ano.
-E logo a onde vou?
-Vaia a información e pregunte se lle deixan mirar o DOG e alí xa ven todo moi ben explicado.
- Moitas grazas.
-Non hai de que.


Exemplo 2:
-Boas, veño a pedir un certificado.
-Pero esto ya no le está dentro del plazo. Tiene que esperar al año que viene
(desta, o administrado non tivo tanta sorte co do galego).
-Pero é que díxome fulanito que viñese a falar con vostede e que xa mo daban no momento.
-Fulanito el de la dirección xeral?
-Creo que si. Debe ser ese (o administrado albisca unha solución satisfactoria).
-Lo voy llamar que hace tiempo que no hablo con el. Fulanito? Qué tal? Yo también, mira una cosiña. Me mandaste aquí un señor para pedir un certificado pero está fuera de plazo. No te preocupes que ya miro yo como podemos hacer. Los niños bien? Venga. Chao, chao.
-Espere un momentito que voy llamar a una compañera que sabe de esto un poco y a ver como lo solucionamos. Menganita? Mira una cosiña, lo de los certificados ya acabó el plazo, no? Y que puede hacer? Vale. Y se lo dejáis vosotros, no? Bien, pues ya os lo mando para ahí. Chao, chao.
-A onde teño que ir logo?
-Vamos a ver. Vaya al fondo del pasillo, donde pone información y hable con las chicas que están allí. Dígales que va de mi parte y ya le dejan ellas el DOG y mira allí todo, que le viene muy explicadito.

-Moitas grazas.
-No hay de qué.

A ninguén lle sorprende que estes dous casos ocorran realmente entre un cidadán e un funcionario da administración pública. Xa se sabe, o compadreo entre colegas peloteando ao pobre señoriño que só quere un papel que llo podería facer perfectamente o seu neto pintando un folio coa chupeta. Pero alto aí! A administración pública dun estado democrático debe basearse na obxectividade, eficacia e igualdade e, polo tanto, o trato debe ser igual, sexa quen sexa quen demande os seus servizos. E así é. Os dous exemplos tratan a petición, por parte de calquera funcionario ou funcionaria, dun certificado dos moitos que ten que pedir, e que lle ten que asinar o director xeral da función pública en canto teña un pouco de tempo despois de vixiar os exames da oposición de turno. Para estas cousas, os traballadores da administración pública tamén somos administrados. Certos costumes non se perden nunca.

3 comentários:

a randeeira disse...

Está ben que asi sexa, hai que probar da menciña que se administra. O contrario sería favoritismo.

A pirámide disse...

Está ben o que dis Randeeira, mais o que queriamos facer ver é o canibalismo da administración. Burocracia por burocracia. Que non pense ninguén que o papeleo só é para os cidadáns. O sistema é igual para todos, pero é un mal sistema.

Marinha de Allegue disse...

Certamente é un moi mal sistema esperemos a a propia administracción se decate dunha vez e mute se cadra ainda os reis magos fan algunha aportación para a causa...

Felices Festas e se cadra no ano vindeiro xa coincidimos.

Unha aperta grande grande para toda A Pirámide dame moita ledicia que collera tanto brío.
;)