description

15.11.06

O mal de altura.


Comezara a ascensión a primeira hora da mañá para aproveitar ben o día. Albiscábase o sol sobre o cumio nevado do Mont Blanc mentres camiñaba polo carreiro. A postal era impresionante, merecente de figurar nos “pouerpoin” que rulan polos correos electrónicos de medio mundo. Os abetos apretados, auténtico ceo azul de verán alpino e as cabritiñas ciscadas polos prados de cor verde blindado.
Seguín andando ata descubrir un outeiro enmoquetado de herba cunha pequena cabana na cima. Continúo a marcha ata pasar ao seu carón. Nese momento sae pola porta unha nena duns trece ou catorce anos e ofréceme unha cunca de leite. Acéptolla cun sorriso e ela resposta con outro. Sento no valado que rodea a casa e tomo o leite dun só grolo. Ela agarda diante de min impaciente por me falar. Eu acénolle que non sei falar francés. Encolle os ombreiros e mantén o sorriso. Non sei como se me veu á cabeza a escena de Tarzán e Jane e póñoa en práctica.
-Eu Xurxo, e ti?
-Eu sonche Dolores pero aquí, non sei por que, todos me chaman Jeide. Ti chámame Lola, como en Camariñas. Alá son Lola, a neta do Pipiolo. E lojo que vés faser ti aquí? Non ves que é todo monte?
Despois de facer un esforzo por pechar a boca da impresión, contéstolle:
-Pois veño facer algo de marcha.
-Hostia! Vas faser unha discoteca?
-Non, veño de turista que é isto moi bonito, non?
-Bonito é, pero para vivir aquí sejido éche moi fodido. Pois podías montar a discoteca abaixo no pueblo. Un visiño daquí darriba e máis eu ibamos sejuro. O de andar coas cabras éche moi aburrido.
-Un veciño? -pregúntolle mirando ao lonxe sen ver casa ningunha-.
-Si home si. Chámase Pedro. Bueno, chamar chámase Junter pero eu chámolle Pedro. Junter faiseme nome de can. Vive no pueblo pero ven todos os días buscar as cabras e falamos moito, pero non somos mosos nin nada.
-E logo non tés amigas?
-Boh! Aquí non hai xuventú. Aljún sábado ven de visita unha prima que teño en Suisa que se chama Claraelisabet pero non che é nada. Aburrímonos as dúas. A Pedro chíscalle ela pero ela non quere saber nada. Di que é un pasmón.
-E ti ofréceslle leite a todo canto turista pasa por aquí?
-O carallo. Deicha a ti porque eres dalá pero ao resto... Xa non che din buenos días nin nada. Van subindo como se non houbera ninjién. Os japoneses aljo dín pero non se lle entende. Os outros uns maleducados. Eló ti vas subir arriba de todo?
-Arriba de todo non, que é moito.
-Que vai ser. Ti da aldea non eres, non? Para os da aldea non é nada. Ti serás de Santiajo ou da Coruña, ou de Vijo. Se foras da aldea xa andarías farto de monte.
-E que ten que ver?
-Ten que ver tal. Ti sabes muxir unha cabra?
-Non.
-Aí o tés. Ou da Coruña ou de Santiajo eres ti. Case dijo de Santiajo porque os da Coruña co jallejo lévanse mal. Ou eres da Coruña?
-Son de cerca. Son de Oleiros. Sabes onde está?
-Pero eso é aldea?
-Está á beira do mar. Vese a Coruña enteira.
A nena quedou mirando para min como agardando outra resposta. Quedou así un anaco, pasmada. Logo espetou:
-Ti non falas ao caso. Vaite, bonito.
Virouse e entrou na cabana. Eu comecei de novo a marcha. Mentras subía, respirei fondo varias veces. Metéraseme na cabeza que tiña o do mal de altura.

8 comentários:

Anónimo disse...

E o abó? Non me digas que xa morreu que aínda non superei o de Chanquete.

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
A pirámide disse...

Ao avó metérono nunha residencia. A Jeide xa pouco lle queda. Para o ano ten que deixalo. Normas do Parque Temático "Ioreleijijú".

Anónimo disse...

O avó non morreu nin está nunha residencia, tivo que deixar o clima húmido das montañas por culpa do reuma e trasladouse á meseta española. Agora deixou as cabras, converteuse en cabrón e dedícase ó negocio do ladrillo en Seseña e á organización de sindicatos verticais. Coñéceno por O Poceiro dos RICOla.

Marinha de Allegue disse...

Eu deixei un comentario aquí e semella que o levou o vento, ou sería polo mal de altura...?

Unha aperta.
;)

moucho branco disse...

o que acontece é que houbo un problemilla cos comentarios, non?, porque eu non puiden deixar un até agora.

A pirámide disse...

Desculpade a estes ignorantes funcionarios meus administrados. O das instancias mal rexistradas é por culpa do blogger beta (mala chispa o coma) que nos está a dar moitas dores de cabeza. quixemos poñer o haloscan pero non fomos quen de facelo e daí que estivese isto coa xanela pechada. Desculpade de novo.

Anónimo disse...

Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!