description

23.10.06

Por que “A Pirámide” si aquí somos de mámoas?

Eu preguntaríame isto si entrase de primeiras neste blog. E o de revista ilustrada choqueiro administrativa xa me despistaría totalmente. Pois ben. Satisfacendo o afán de saber (onde queira que se atope) imos relatar aquí como cadrou poñerlle “A Pirámide” a este taboleiro virtual.
A finais do século pasado, unha panda de compañeiras e compañeiros de traballo fomos testemuñas dunha lenda laboral que circulaba e aínda circula polo centro de traballo máis irracional e esperpéntico que vos poidades imaxinar. A Xunta. Só escoitar o nome produce arrepíos e algo de tensión nos músculos faciais. Isto promete, nonsi?
Como xa dixen, estaba a rematar o século XX. Por motivos totalmente irracionais, é dicir, políticos, o traballo estaba espectacularmente retrasado. Mais iso non significaba un problema para os xefes. O auténtico perigo estaba en que se soubese. Que iso pasase a ser de dominio público. Automaticamente soan todas as alarmas dos altos cargos. No medio deste barullo de caras de mala ostia e berros contidos en despachos de pladur, ocorreu o nunca visto. Algo inimaxinábel. O xefe xeral convoca unha reunión con todo o persoal do departamento. Repito. Con todo o persoal. Inaudito. Os funcionarios de base non sabiamos que facer. Non había antecedentes nin normativa ao respecto. Estupefactos, asistimos. Non había outra. O xefe explica que a cousa vai moi retrasada e que hai que botala adiante como sexa, con todos os recursos posíbeis, e pídenos un esforzo para saír do problema. Tamén de xeito inaudito, os funcionarios e funcionarias de base implicados levábamonos moi ben e decidimos manter a piña e facernos todos e todas responsables das responsabilidades de cada un e agardábamos a que os xefes se sumasen e tirasen do carro como calquera de nós. E foi nese preciso instante en que a lenda fíxose realidade. Explicóusenos a “Teoría da Pirámide”. Non dabamos crédito. Oiramos falar dela pero ninguén fora testemuña directa. Faladurías de tempos de café. Viñetas de Forges en “El País”.
Resumidamente, a teoría da pirámide ben sendo que en situacións normais, a administración pública ten unha estrutura piramidal na que, evidentemente, os funcionarios de base son a base e soportan ao resto da pirámide. Pero, en casos excepcionais nos que a situación administrativa require dun esforzo laboral suplementario, este recae exclusiva e indiscutíbelmente sobre a base da pirámide xa que dela depende que a estrutura non se veña abaixo. Non cabe que o persoal de nivel alto e medio baixe á base da pirámide para botar unha man porque logo a pirámide tamén caería.
E foi así que fomos coñecedores da sabiduría suprema que esta teoría emana. E foi tal a nosa incredulidade na vixencia desa teoría que dende aquela, a simple mención entre nós da mesma, nos preparaba e prepara para asumir unha actitude de chanza ou sorna.
A consecuencia deste espisodio, acordamos lembrar e escribir as anécdotas ou sucedidos administrativos que suscitasen en nós o humor e o bo rollito. Daí xurdiu “A Pirámide. Revista literaria choqueiro administrativa”, da que saíron catro ou cinco números dos que xa mostrarei algunha portada noutro momento.
E vendo que os medios evolucionan cara ás novas tecnoloxías, non podía ser doutra maneira que “A Pirámide” pasou a ser blog literario (tendes o enlace na sidebar como “outra pirámide”) e, finalmente, pasou a chamarse “revista ilustrada” para darlle un toque máis fotográfico e de grupo e abandonando un pouco a parte choqueiro administrativa debido ao carácter aberto e público que o blog ten e así evitar algún expediente administrativo que de seguro nos caería.

4 comentários:

Marinha de Allegue disse...

Pois mira de onde ben o nome, toda unha curiosidade...

Unha aperta grande.
:)
* Mirei pero non atopei o voso e-mail o meu é marinha.allegue@gmail.com
Queredes mandarme o voso?

Marinha de Allegue disse...

jajajaj saiume así cun certo acento asturiano o post. Sería Pois mira de onde veno nome, toda unha curiosidade...
;)

Marinha de Allegue disse...

Carai que mal bueno coido que entendedes o que quero decir.
jajajajaj
Parezo Pierre no doy una. jajaja

Anónimo disse...

Esto da pirámide está moi estendido pola administración, deben de explicalo neses cursos da EGAP.