description

9.9.06

Come back, Mari Pepa

A miña veciña Mari Pepa vaise de viaxe a Estocolmo, a cidade onde dan os oscars. Non é que lle tocara un nin nada, que ben podía ser verdá, senón que vai de férias. Cada vez vaise máis cara arriba. París, Londres, Berlín e agora Estocolmo. Ao comezar a semana, sempre ven cara o sur a traballar. Os fins de semana vai para o norte. O de ir ao norte debe ser coma un "link" que ten ao tempo de descanso e gozo persoal (isto de gozar no canto do castelán "disfrutar" habería que miralo realcademicamente). Traballo, sur. Gozo persoal, tira para arriba. Podería dicir que o meu piso está enriba do seu pero non quedaría moi elegante, nonsi?
Á miña veciña Mari Pepa, só lles chamamos Mari Pepa os veciños de máis de 3 anos. Para os de menos é "iPepa". Coma o trebello da música pero máis do país. Para min que os suecos van a escoller a opción de menos de 3 anos. É como máis tecnosexual. De feito, Suecia foi todo un referente no noso país no que respecta á tecnoloxía e á sexualidade. A ver senón, esas motoserras Huqsvarna (en sueco pronúnciase "amotoserra"), tecnoloxía punta en cortar pinos. Polo da sexualidade falan de que tamén son un referente pero a min non me consta.
En fin, nós chamámoslle Mari Pepa pero ela é Mª José. A cousa é que alá van as dúas cara Estocolmo, capital do país símbolo do estado do benestar. Benestar e gozo persoal tamén che son así como moi "link". Ao mellor vai por iso.
Eu xa lle pedín que fixera moitas fotos para colgar no "flickr" e poñer no "blog" (mi madriña, xa parece que escribo en sueco). Ultimamente, aos amigos que van de viaxe sempre lles pido que saquen fotos para colgalas na rede. Hai 25 anos ou máis, isto sería coma pedir que me trouxesen postais para colgalas na chaqueta e que as vise todo o mundo.
-Neno, pero e lojo ti que levas na chaqueta?
-Nada. Unha postal de Fátima que me trouxo a miña tía de alá. Se me quere facer un comentario para poñelo aquí onda ela, teñolle aquí un lápis e un caderno e poña o que queira.
-Ai non meu neniño, que non teño aquí as jafas de ver. Hala, vaite bonito.
Agora o conto cambiou bastante pero as jafas de ver hai que telas igual.
A miña veciña Mari Pepa vaise a Estocolmo. Agora toca esperar.

Sem comentários: