description

26.6.07

Seguimos inapetentes

Que lle imos facer. Ultimamente gustamos máis do voyeurismo blogomilleiro. Ata comentamos menos. E non é que teñamos unha excesiva e inesperada carga de traballo, nin compromisos sociais ineludibles, nin máis labores domésticas a facer. Simplemente non nos sae. E para escribir por compromiso, pois case que non (xa nos chega ben coa inventiva administrativa propia das nosas funcións).
Supoñemos que a todo o mundo lle chegou nalgún momento unha época de intencionado pasotismo, de ver as dinámicas uebdouspuntocero dende dun punto estático. Como cando estás parado nun paso de peóns vendo pasar os coches aburridamente agardando a que o macaco do chapeu se poña verde. Pois o noso macaco tarda en poñerse verde e seguimos a ver pasar os coches dun lado para outro.
Na Pirámide imos ter proximamente un cónclave interno (que xa había tempo que non tiñamos diso) ao que denominamos oficialmente "picnic" e no que falaremos de síntomas, diagnóstico e tratamento. Vai chegar o día e non tratamos nada disto, ocupados como imos estar en dar boa conta das viandas para o efecto e dun tiramisú do país que nunca dá para repetir. O que isto escribe vai intentar sacar o tema (antes do tiramisú por suposto) sabendo con antelación que o máis bonito que me van chamar é aburrido e reventapicnics, o que en linguaxe asemblearia piramidal quere dicir que cadaquén, dentro da súa sabedoría, faga o que lle pete.
A ansia renacentista da Pirámide (creo que nunca pasará de ansia debido ás limitacións que o exercicio dos nosos cargos administrativos nos impón) tirará de nós aínda que sexa por un barranco e malo será que no accidente algún dos golpes na cabeza non nos faga ver novas posibilidades, novos puntos de vista e novos acontecementos que nos arrinquen da inapetencia.
E si todo isto non funciona, non sei si haberá polo aíBai algo de viagra específica para manter unhas relacións blogomilleiras plenas (a poder ser de esnifar que a min as pastillas escarállanme o estómago).

6.6.07

Seica preguntan por nós, presuntamente.

Comezan a xurdir comentarios neste blogue sobre o noso xa dilatado silencio. É de agradecer a preocupación que se nos concede sendo como é o corpo de traballadores e traballadoras da administración pública acredor da sona (infundada por suposto) de ser particularmente “distraído” no exercicio das súas funcións.

Segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 42.3, apartado b), a administración (neste caso nós) esta na obriga de ditar resolución expresa nos procedementos iniciados polo interesado (neste caso carraboujo e cerrepiache) nun prazo máximo de tres meses, sempre que a administración (nós mesmamente) non fixase outro previamente que, en ningún caso, poderá exceder dos seis meses.

Visto que carraboujo e cerrepiache colléronnos nas patacas, o prazo para ditar resolución sobre a preocupación dos interesados polo noso excesivo silencio administrativo é de tres meses. Con isto, os opositores a un posto na Xunta xa teñen medio suposto práctico feito.

Nós levamos mes e pico enganchados nunha silva e tampouco é plan de seguir outro mes e pico, polo que imos ditar resolución e ó carallo.

As causa razoada pola que esta pirámide calou a boquiña durante tanto tempo é que temos sospeitas de que este blogue está a ser investigado e vixiado presuntamente. Non temos constancia de cal é o obxecto do seguimento e vixilancia ao que estamos sometidos nin tampouco cal é o delito que cometemos presuntamente, pero murmurar, murmuran.

Seguramente non vos é máis que ansia de saber, pero estamos a ser asesorados polos servizos xurídicos do noso sindicato (que para iso o pagamos) e aconselláronnos encarecidamente que foramos tomar por onde se empezan os cestos.

Tamén estamos por dicirlle ao mundo: Mira, JJ, pasa esto. E xa eles se encargan de ver as maneiras e xeitos de facer coincidir os chicles pegados debaixo dalgunha das nosas sillas xiratorias coa GOMA2 ECO ou coa outra. E entón desvelarase unha quinta trama pola que, presuntamente, os de nunca máis de dentro da administración autonómica (que algún había) terían agachado presuntamente os chicles mentolados no mobiliario de oficina de San Caetano por si o talante e as forzas de progreso non se facían coas rendas do país. Todo isto, confirmado presuntamente por un interino vingativo ao que lle colleron a praza no último concurso de traslados.

Ante estes datos irrefutables, JJ, nun memorable editorial, fará presuntamente un chamamento ás forzas xurídicas máis coleguitas para que ordenen a investigación das posibles pegadas das moas incrustadas nos chicles mentolados por ver si hai coincidencia coas dalgún dos membros recoñecidos de nunca máis, e que se lles prohiba lavar os dentes e facer empaste ningún de xeito cautelar, ante o risco extremo de desaparición intencionada de probas que obstaculizarían a instrución do sumario. Esta si que sería, presuntamente, a trama boa.

Nós poderiamos alegar o da liberdade de expresión, os principios, ou cantar o de “Non nos moverán” ou a de "Antes morta que sin silla” pero, cautelarmente, estámonos a sentar enriba das caixas do papel. O de ser funcionario é o que ten; que perdes bastante sentido da disidencia. Presuntamente.