description

15.5.07

Que non tés Uindous? Ti es parvo

Non vou negar que isto da foto vai soar a chino (ou a zulú) á maior parte dos funcionarios e funcionarias. Mesmo eu descoñecía tal cousa haberá un ano. Pero éche o futuro. Por moito que Microchof manipule, desacredite, suborne ou contubernie, isto é o futuro.
Para os que lle soe a chino ou a zulú, trátase dun sistema operativo para PC que se chama Ubuntu. Coma o Uindous pero máis barato. Tan barato que o pides e mándancho por correo de balde. Pero non de balde os gastos de envío, senón de balde todo. Bota contas. Tés Uindous XP no teu ordenador (se cadra, ata o tés legal). Falan por aí do novo sistema Uindous Vista (sobre todo nos folletos das tendas de ordenadores que meten por entre as follas dos xornais dos domingos). Moi bonito pero hai que mercar un ordenador novo porque os vellos (de hai un ano xa son vellos) non poden con el. Ou mercas o ordenador novo ou actualizas o XP para Vista. Douscentos e pico de euros a versión máis barata. E si queres que as pantalliñas se vexan en plan peliculero, trescentos e pico. Casi compras un ordenador novo. E qué fas co vello?
Ubuntu é o sistema operativo con base Linux máis de moda e que máis lle está comendo as papas a Microchof.

Eló?
Pois resulta que este Ubuntu ten un aquel co Uindous na parte gráfica, na facilidade de instalación, nos recursos, nas actualizacións... Só ten unhas pegas de nada. É de balde, tés unha farta de programas que fan o mesmo ou mellor as cousas que queres facer (texto, follas de cálculo, bases de datos, presentacións, música, pelis, descargas, vídeos, fotos, deseño, redes, xogos...) tamén de balde, é moito máis seguro e está traducido ao galego. Mesmo fabricantes de ordenadores coma Dell van poñer Ubuntu nos seus ordenadores (a petición dos clientes) por un prezo considerablemente máis barato.

Pero como é de balde, seguro que non é tan bo coma Uindous nin as pantalliñas andan bailando en escorzo nin nada diso, a que non?
Pois si, fan todo iso e moito mellor e non che fai falta mercar un ordenador novo. E non é que o diga eu, é que o podedes ver vós.

E por que vou borrar o meu Uindous de paquete ou de contrabando?
E quen che dixo que tés que borrar nada? Podes probar como vai dende o cd, sin instalar nada e si non che gusta, quitas o cd e queda todo como estaba. Tamén podes ter instaladas as dúas cousas: Uindous e Ubuntu. Cando arrancas, escolles co que queres andar.

Eló, si o Ubuntu ese é tan chachi, como é que a Xunta anda negociando con Microchof para meter máis cousas deles na administración, no ensino público, na sanidade, pagando unha pasta en licenzas despois de que o consello da Xunta aprobase un plan de fomento do software libre?
É que como os funcionarios somos tan parviños...

P.D.: si queredes un, pedídeo porque este vai para Touriño.

12.5.07

Xeración Web. Xeración en galego.


Nace un novo medio dixital en galego. Un pouquiño de curiosidade, facédeme o favor.

7.5.07

Cuestionario Proust.

Marinha de Allegue tivo a ben convidarnos a facer este cuestionario proustiano e agradecémoslle inmensamente o ben que coida de nós neste mundo blogomilleiro.

Isto dos memes ten unha dificultade especial para nós e máis aínda si o meme se refire a amosar un pouco máis da nosa personalidade. Imposible e impensable contestar a este cuestionario de xeito colectivo e con un mínimo de coherencia. Foi así que nos vinte minutos de café da media mañá, deunos a bobera de facelo a un par de nós mentres estabamos baixo a influencia da chicoria requente co conseguinte resultado. Sabemos que saberedes atopar detrás de toda esta trapallada algo dalgún de nós (mi madriña o que dura a chicoria na cabeza).

O principal rasgo do meu carácter?
Non ter carácter.
A cualidade que prefiro nun home?

Que lle guste o fútbol.
A cualidade que desexo nunha muller?
A mesma.
O que máis aprezo nos meus amigos?
Que sexan amigas.

O meu principal defecto?
Contestar ironicamente este tipo de cuestionarios.
A miña ocupación preferida?
Pasmar diante dunha pantalla (aínda que estea apagada)
O meu soño de dicha?
Chegar a traballar ás once.
Cal sería a miña maior desgraza?
O exilio.
Que quixera ser?
Quixera ser menos miope (o de ser calvo xa tanto me ten).
Onde desexaría vivir?
Con tal de que haxa sombra...
A cor que prefiro?
A cor dos chourizos. Verde.
A flor que prefiro?
As que me dan con cariño.
O paxaro que prefiro?
Ese que canta cando aínda non é día e volves das copas (que tempos aqueles).
Os meus autores preferidos en prosa?
I. Némirovsky, Austen, Flaubert, E.M. Forster e un compañeiro do choio que xustificaba pagamentos.
Os meus poetas preferidos?
Byron, Xacobe I de Escocia, Rosalía de Castro e Isolina Castro.
Os meus heroes de fición?
Os Bolechas
As miñas heroínas de fición?
As Bolechas
Os meus compositores preferidos?
Mozart, Wagner, Debussy e Pinto d´Herbón.
Os meus pintores predilectos?
Modigliani, os prerrafaelitas e unha compañeira da Pirámide.
Os meus heroes da vida real?
Unha compañeira do choio que se meteu a liberada sindical e déronlle unha malleira (pero non so por iso) e un da Pirámide que se meteu a liberado sindical, quixéronlle dar unha malleira e dixo: “a min sen guantes non me toques”.
As miñas heroínas históricas?
Todas das que a Historia non se lembrou.
Os meus nomes favoritos?
Xefa, Asesor xurídico, Coordinador Científico.
Que detesto máis que nada?
Aparentar.
Que caracteres históricos desprezo máis?
Demasiados.
Que feito militar admiro máis?
A deserción.
Que reforma admiro máis?
Nada de reformas. Revolucións.
Que dons naturais quixeras ter?
O don natural de aguantar a bebida.
Como me gustaría morrer?
De repente.
Estado presente do meu espírito?
Non me consta.
Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Rexistrar documentación fóra de horas.
O meu lema?
Pudiste tenerme, quisiste perderme.

Contestado impertinentemente este cuestionario, requirimos documentación a Mariquiña, Casa da Micas e AK-77.