description

27.11.07

Eloxio da inconstancia (II)

A inconstancia. Descoñecemos si hai alguén que considere a inconstancia coma unha virtude. Máis ben todo o contrario. Ben sendo moi colega da ineficacia e a incapacidade; tamén boas pezas. Por que, logo, uns funcionarios e funcionarias tan encantadores e formais coma nós gastan tempo e miolos (que non horas de traballo) en facer unha loa a tan pouco considerada cualidade? Pois que queredes? Somos funcionarios. Podemos facer cousas irracionais sen que iso merme en absoluto a nosa profesionalidade e oculte o noso tan negado pero evidente corporativismo.

Incoherentemente, prosigamos. Na definición de inconstancia, o dicionario (si, temos un e sabemos como usalo) fala, entre outras cousas, do volátil cambio de ideas, sentimentos e actitudes sen un sólido argumento que o xustifique. O "virachaquetismo" (tremendo palabro) como modo de vida. Mais si pensabades que a nosa defensa da inconstancia vai destinada a disculpar unha das habilidades máis consideradas dentro da alta administración, parade de ler xa. Non imos a facer tal cousa... de momento. O noso empeño é o de gabar a tan, para nós, sagrada tarefa de deixar de ilusionarse ou interesarse por unha cousa sen aparente xustificación para facer outra máis pracenteira que máis adiante levará o mesmo camiño. Calquera psicólogo ou psiquiatra identificará isto coa insatisfacción e a frustración de non estar contento con un mesmo ou cunha alarmante baixa de autoestima que necesita tratamento de dúas sesións por semana a 50 € a sesión (corporativismos a nós, non). Preferimos consideralo como unha inesgotable ansia de saber e coñecer. Evidentemente, isto supón sacrificar a falta de profundidade no grao de coñecemento e caer no superficial pero, que carallo, un tampouco ten que sabelo todo. Para iso está a Wikipedia.

Pero tamén pode ser que a inconstancia sexa o espazo que hai entre dúas etapas de constancia (perogrullo administrativo) e mirado así, a inconstancia aproba raspado, non si? Daquela, a definición de inconstancia como período de tempo sen actividade constatada e recoñecida por determinado círculo social ao que se pertence, valería perfectamente para xustificar os nosos cada vez máis espazados silenzos blogomilleiros. E así, recoñecemos ante todas e todos vós a nosa inconstancia, sen complexos pero con dignidade, sabedores de que estes períodos de inconstancia para vós, son períodos de constancia para moitos outros e outras malia que lles pese.

3 comentários:

Elianinha disse...

A inconstancia é perdoable sempre e cando deades sinais de actividade de cando en vez. Agora, que eu pensaba que a xente opositora tiña un talento innato para o da constancia e autodisciplinarse.

A pirámide disse...

Canta razón tes Eli. O que pasa é que a nosa constancia e autodisciplina opositora gastámola toda en canto sacamos a praza. Agora só nos queda algo de perseverancia, que se nos fai menos cousa.

carraboujo disse...

A nós gústanos a vosa inconstancia. A constancia crea hábito. Se sempre es puntual, o día que deixas de selo, ármase un sindios. Asúmese, sen embargo, que alguén non sempre o sexa.
Se escribes a diario no blog, cando non o fas, todo o mundo é a dicir: "A ver, que sempre tedes o mesmo post!!!".
En fin, sexamos, pois inconstantes.