description

7.5.07

Cuestionario Proust.

Marinha de Allegue tivo a ben convidarnos a facer este cuestionario proustiano e agradecémoslle inmensamente o ben que coida de nós neste mundo blogomilleiro.

Isto dos memes ten unha dificultade especial para nós e máis aínda si o meme se refire a amosar un pouco máis da nosa personalidade. Imposible e impensable contestar a este cuestionario de xeito colectivo e con un mínimo de coherencia. Foi así que nos vinte minutos de café da media mañá, deunos a bobera de facelo a un par de nós mentres estabamos baixo a influencia da chicoria requente co conseguinte resultado. Sabemos que saberedes atopar detrás de toda esta trapallada algo dalgún de nós (mi madriña o que dura a chicoria na cabeza).

O principal rasgo do meu carácter?
Non ter carácter.
A cualidade que prefiro nun home?

Que lle guste o fútbol.
A cualidade que desexo nunha muller?
A mesma.
O que máis aprezo nos meus amigos?
Que sexan amigas.

O meu principal defecto?
Contestar ironicamente este tipo de cuestionarios.
A miña ocupación preferida?
Pasmar diante dunha pantalla (aínda que estea apagada)
O meu soño de dicha?
Chegar a traballar ás once.
Cal sería a miña maior desgraza?
O exilio.
Que quixera ser?
Quixera ser menos miope (o de ser calvo xa tanto me ten).
Onde desexaría vivir?
Con tal de que haxa sombra...
A cor que prefiro?
A cor dos chourizos. Verde.
A flor que prefiro?
As que me dan con cariño.
O paxaro que prefiro?
Ese que canta cando aínda non é día e volves das copas (que tempos aqueles).
Os meus autores preferidos en prosa?
I. Némirovsky, Austen, Flaubert, E.M. Forster e un compañeiro do choio que xustificaba pagamentos.
Os meus poetas preferidos?
Byron, Xacobe I de Escocia, Rosalía de Castro e Isolina Castro.
Os meus heroes de fición?
Os Bolechas
As miñas heroínas de fición?
As Bolechas
Os meus compositores preferidos?
Mozart, Wagner, Debussy e Pinto d´Herbón.
Os meus pintores predilectos?
Modigliani, os prerrafaelitas e unha compañeira da Pirámide.
Os meus heroes da vida real?
Unha compañeira do choio que se meteu a liberada sindical e déronlle unha malleira (pero non so por iso) e un da Pirámide que se meteu a liberado sindical, quixéronlle dar unha malleira e dixo: “a min sen guantes non me toques”.
As miñas heroínas históricas?
Todas das que a Historia non se lembrou.
Os meus nomes favoritos?
Xefa, Asesor xurídico, Coordinador Científico.
Que detesto máis que nada?
Aparentar.
Que caracteres históricos desprezo máis?
Demasiados.
Que feito militar admiro máis?
A deserción.
Que reforma admiro máis?
Nada de reformas. Revolucións.
Que dons naturais quixeras ter?
O don natural de aguantar a bebida.
Como me gustaría morrer?
De repente.
Estado presente do meu espírito?
Non me consta.
Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Rexistrar documentación fóra de horas.
O meu lema?
Pudiste tenerme, quisiste perderme.

Contestado impertinentemente este cuestionario, requirimos documentación a Mariquiña, Casa da Micas e AK-77.

8 comentários:

Micas disse...

eh,eh,eh, gostei da tua ironia ;D)
Convite aceite, só non sei quando vou responder, prometo que o mais breve possivel.
Bicos desde a Germania

María M disse...

A documentación requerida será presentada en breve. Faime falta a fotocopia do DNI?? ;)

moucho branco disse...

oído Pinto de Herbón, hehehe... quen lle ía dicer que estaría en tal compaña, ;)

Marinha de Allegue disse...

Moita sorna xunta para un cuestinario con pouca documentación aportada non si?.
O humor sempre presente.

Beijossss.
;)

A pirámide disse...

Micas: non te preocupes. Xa ves que gostamos de rexistrar documentación fóra de prazo.

Mariquiña: DNI, pasaporte ou poder notarial no caso de que a documentación sexa presentada por outra persoa. Pero si vés recomendada ...

Moucho Branco: "A motoserra" de Pinto é todo un himno.
Estamos a pensar unha entrada da que agardamos a túa sabia opinión.

Marinha de Allegue: Ai Marinha. Espertaches o monstro chateador que todo preadolescente leva dentro ;)

Anónimo disse...

Canta retranca! :)

besbe disse...

Ai dios, creo que nunca tanto me rin, non sei que resposta foi a que máis me trastocou pero sen dúbida eu quero ver eses chourizos verdes!!!

Sodes xeniais.

besbe disse...

E o porco de onde saen eses chourizos tamén.