description

15.2.07

Uniformes na Xunta.

Na Pirámide temos un sinvivir con isto do uniforme das galescolas. Non xa o dos nenos e nenas, que se nos antolla imprescindible vista a gran cantidade de pinturas de dedos e outros artiluxios de manchar gravemente que proliferan polos establecementos do ramo; si non tamén aos profesionais que exerzan dentro do radio de acción desas máquinas de deixar todo perdido que son os cativos e cativas. Só agardamos que os deseños desas necesarias vestimentas non teñan como referencia o uniforme da selección galega de fútbol.

Á Pirámide gustaríalle ter algo similar. Non se nos entenda mal. Referímonos a ter unhas recomendacións no vestir, un estilo, unha liña de moda. Nada máis lonxe de pedir que se faga un concurso para presentar propostas de uniforme para os funcionarios públicos estilo persoal das liñas aéreas ou das grandes superficies comerciais. Non é nada diso. Nós pensamos que a administración pública galega debe dar exemplo á hora de conservar e promover certos valores culturais que emanan do máis fondo do noso país e acompañar activamente certas celebracións populares e participar nelas sempre que non obstrúan o normal funcionamento do traballo administrativo. Para iso nada mellor que o uso por parte dos funcionarios e funcionarias (independentemente do seu rango ou categoría) dunha indumentaria alusiva que simbolice o apoio da administración a estes xeitos de expresión e celebración colectiva. Para iso, cómpre constituír un consorcio (palabra de moda ultimamente nas altas instancias administrativas) formado polas Consellerías de Cultura e Presidencia, o Consello da Cultura Galega e unha representación da cidadanía (non esquezamos o da Xunta 2.0). Este consorcio tería coma funcións fundamentais as de investigar, rexistrar, conservar, consolidar e promover as diversas celebracións e eventos de orixe popular espalladas polo noso país e establecer unhas medidas concretas dentro da administración pública galega, de xeito que a cidadanía teña constancia directa do apoio inequívoco da Xunta de Galicia ás diversas manifestacións culturais galegas.

E que mellor maneira de demostrar ese apoio que divulgar unha serie recomendacións de actuación (dentro do horaio laboral se entende) entre o persoal funcionario para acompañar estas celebracións tradicionais sempre que, insistimos, non interfiran no normal funcionamento das institucións. Hai exemplos evidentes nos que o apoio e participación por parte dos traballadores da administración a determinados eventos populares sería incompatible. A Romería dos Caneiros de Betanzos sería un deles, debido ao pouco calado dos coquetos estanques existentes en San Caetano. Ou a Rapa das Bestas de Sabucedo (aínda que máis dun tería elixidas a bestas con tempo).
Pero hai outras moitas festas populares que serían de doado apoio e participación por parte dos funcionarios e funcionarias. Unha delas é a que se está a celebrar actualmente e que chegará ao seu culme o martes que vén. Ven sendo o entroido. Porque, qué nos costaría a nós atender aos administrados e administradas ataviados cunha perruca rechamante, unhas falsas gafas de cú de vaso e unhas barbas fidelianas mentres os poñemos perdidiños de fariña aderezada cunhas formigas borrachas de vinagre e lle compulsamos a documentación que se lle require ao mesmo tempo. Estas cousas parece que non, pero estreitan "sobremanera" os lazos entre a cidadanía e a administración pública.
A Pirámide está a facer propostas de indumentaria administrativa para os efectos oportunos. Nada que limite a liberdade de movementos ata as cafeterías nin impida a cómoda visión de correos electrónicos con arquivos anexos de dubidoso gusto. A foto como exemplo. Calquera dirixente político en proceso de negociación estatutaria podería levar este atuendo sen perder nin un chisco de credibilidade. Moi ao contrario. Cremos que, ben levado, podería rachar con calquera postura inmobilista. Non hai nada coma estes pequenos detalles de amor polo país, como sería o caso, para favorecer o entendemento entre todos os galegos e galegas e levar ao país "hasta el infinito y más allá" .


6 comentários:

Anónimo disse...

secundo a proposta como membro da parte pasiva da cidadanía e sufridor da aristocracia burocrática ... descartados Os Caneiros, pero as Chegas de Bois serían posibles?

A pirámide disse...

Randeeira:
E non van ser? Todos os días hai unhas cuantas.Sen ir máis lonxe esta:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Altos/cargos/bipartito/enfrentan/cambio/carteles/elpepuespgal/20070215elpgal_6/Tes

Chexire disse...

E se ides en bolas?

A pirámide disse...

chexire:
en bolas si que non nos deixan, pero co cú ao aire moitas veces.

Elianinha disse...

coma o paiaso de micolor

Arale Norimaki disse...

coido que de atoparme funcionarios con esa indumentaria os meus habituais infernos burocráticos serían moito máis levadeiros ;)