description

24.1.07

Gústame Jane Austen pero estoume quitando.

Pois si. Gústame Jane Austen. Recoñézoo. Isto na administración é delito. Facer algo sabendo que está mal facelo chámase prevaricación. Non me importa. Chamádeme delincuente se vos place. Denunciádeme. Que toda a forza da "Operación Malaya" caia sobre min. Eu só quero declarar e estar tranquilo.

Eu comecei a delinquir sen me decatar. Son moi dado a navegar polas seccións de publicacións das consellerías. É un vicio coma outro calquera. Outros encanutan fotocopias do DOG. Nunha das miñas singladuras polas páxinas xunteiras, fun dar coa colección "As letras das mulleres" que coeditaban o Servizo Galego de Igualdade e a editorial Sotelo Blanco. Presentaban dous novos volumes. "Un cuarto de seu" de Virxinia Woolf e outro libro: "Orgullo e Prexuízo" de Jane Austen. O de Virxinia Woolf pareceume droga dura pero o de Austen antollóuseme. Total, por probar, non ía pasar nada. Movín un par de contactos e fíxenme con un exemplar. O deseño da cuberta non era precisamente agradable pero a encadernación era boa. Eu xa son moi anglófilo sen que me porfíen (historicamente falando) e o estudo introdutorio xa me meteu en materia. A tradución era boa e coidada.

Comecei. Un par de páxinas. Vaia folletín! Insisto. Moi suave. Un par de páxinas máis e alá vai un capítulo. Sen darte conta xa tés tres ou catro lidos. Cando volves ao mundo real levas duascentas páxinas sen te decatar. Acabei o libro nun par de días (527 páxinas). O peor ven despóis. Afaste ao estilo peculiar de narración (moi barroco e empalagoso) e cando te dás conta estás escribindo aos amigos e amigas correos electrónicos ao xeito. "Sería ousado pola miña parte atreverme a vos pedir quedar para ir ao cine? Confío na vosa bondade e bo xuízo e non me incomoda afirmar que ides considerar a miña proposta tan acertada como agradable." Qué? Hai síndrome ou non hai síndrome?

Aínda tendo ansia, non fun quen de ler outra novela da Austen. Sería ir directamente á sobredose. Preferín dar unha voltas darredor para ver que pasaba. Lembrei que tiña na casa un libro sobre a correspondencia entre Jane Austen e a súa irmá Cassandra. Unha desas tolemias que che dan no Norte Inglés cando andan coas Semanas de Saldos Fantásticos. Collín ese e outro das irmás Brontë (xa sei que me teño que mirar o da anglofilia histórica). O libro chegoume para outro par de días pero eu quería máis. Xa non tiña criterio propio. Andiven vagando polas librarías na procura de bibliografía sobre Jane Austen. Pasei vergonza pedindo que me encargasen algunha que outra biografía. Seguía sen me atrever a ler outra novela súa. Sabía que despois diso viña o abismo. Ao fin, merquei dúas biografías na sección de libros do Norte Inglés (non teño remedio). Comecei pola máis completa. Tiña colacao de Tojeiro para un par de semanas. Na casa mirábanme mal. Tiven que ler ás agachadas. Rematei pero seguía con ansia. Collín a outra biografía pero era moi frouxa. Un sucedáneo. Mergulleime na Rede a buscar algo que me calmase. Atopei o que se me antollaba todo un paraíso. Sociedades Jane Austen nas máis variadas partes do mundo, casas-museo nos lugares onde viviu, congresos internacionais onde se trata á autora e a súa obra dende a perspectiva máis inpensable. Tendas con todo tipo de excéntricos artigos promocionais. Festas conmemorativas. Lecturas teatrais das súas novelas. Adaptacións cinematográficas, fondos documentais, etc. O éxtase.

O enganche continuou. Lin un libro de Espido Freire (tamén adita) e unha veciña pasoume en dvd a versión de "Orgullo e Prexuízo" que a BBC fixo no 1995 e que todo austeniano ou austeniana considera a mellor adaptación ao cine de cantas se fixeron (incluída a que se fixo o ano pasado e que ven sendo pésima). Aquí xa toquei fondo. Decidín desfacerme de todo e borrar a Jane Austen da miña cabeza. Paseille os debedés a unha amiga. Gustoulle. A ela e a un montón de xente máis. Agora cúlpome a min mesmo por espallar esta adición polo país adiante.

Pero estoume quitando. Pouco a pouco. Merquei outra novela dela antes do verán pero só vou pola páxina cen e hai un mes que non a collo. A familia fálame de novo e ven que fago un esforzo por deixar atrás todo este pesadelo. Non podo dicir que non me guste porque é mentira pero todo, na súa xusta medida, non pode ser malo.

3 comentários:

moucho branco disse...

Nada admiro eu mais que o suiperar os prexuízos e recoñecer as cousas incómodas... ademais todo o que non sexa Corín Tellado é excusable, ;P

aultre narai disse...

vivan as casualidades... eu mañá teño exame de tradución de textos literios de inglés-español e... a ver se o adiviñas?? pois nada, que igual me toca traducir un anaquiño de "Emma" de Jane Austen ou "To the lighthouse" de Virginia Woolf... (a parte doutros posibles candidatos como James Joyce, Paul Auster ou Lewis Carrol) e precisamente estas dúas mulleres son un óso duro para traducir... ains ains

a ver que autores tocan cando que facer esa mesma asignatura, pero pro galego.

ai, as (pq somos maioría aplastante) tradutoras... que sería do mundo sen nós!!!!

un saúdo.

P.d: perdoa o desvarío de comentario, pero é que a estas horas...

日月神教-任我行 disse...

AV,無碼,a片免費看,自拍貼圖,伊莉,微風論壇,成人聊天室,成人電影,成人文學,成人貼圖區,成人網站,一葉情貼圖片區,色情漫畫,言情小說,情色論壇,臺灣情色網,色情影片,色情,成人影城,080視訊聊天室,a片,A漫,h漫,麗的色遊戲,同志色教館,AV女優,SEX,咆哮小老鼠,85cc免費影片,正妹牆,ut聊天室,豆豆聊天室,聊天室,情色小說,aio,成人,微風成人,做愛,成人貼圖,18成人,嘟嘟成人網,aio交友愛情館,情色文學,色情小說,色情網站,情色,A片下載,嘟嘟情人色網,成人影片,成人圖片,成人文章,成人小說,成人漫畫,視訊聊天室,性愛,性感影片,正妹,聊天室,情色論壇