description

8.5.08

Nom tés cargo



Grazas a Besbellinha (a nosa administrada favorita) enterámonos de que Projecto Mourente ten novo traballo musical. Kara.o.ke vense chamando. Toda unha invitación ao baile sen complexos.
De momento, podedes escoitar un avance no seu MySpace.
Polo número de reproducións das pezas avanzadas, parece que o "Chuliboy" vai camiño de ser o exitazo deste disco, cousa nada inesperada polas expectativas creadas hai algún tempo.
Por gherrear (na súa acepción de discrepar gratuitamente) e porque o vemos de cando en vez, aínda que non máis do que nos gustaría, gustamos do "Nom tés cargo" (última peza da lista), que fai un retrato bastante fundado do que, tarde ou cedo, é o futuro dos cargos administrativos. Na primeira estrofa xa dá de cheo na liña de flotación dos privilexios do alto cargo. Iso de ter un coche de alta gama agardando por ti a calquera hora e en calquera lugar ten que enganchar de moito raio. Mesmo algúns teñen tal dependencia, que queren ter dous condutores por quendas para que lle poidan seguir o ritmo. Despois ven o cese e dálles un baixón espectacular. O do salario xa tanto lles tén (co do plus xa o teñen amañado), pero o de estar sen chófer non hai metadona que o suavice. Nestes casos a historia non mudou moito. O de ter carruaxe e corte (chamádelle gabinete) sempre foi sinal de vida privilexiada.
Mais cremos que o do baleiro sentido nas súas vidas na fase post, non é o que máis lles afecta. É o sentimento entre humillación e vergoña (algo parecido ao do Barça estes días) o que máis lles acaba preocupando. Estás cesado, non vales, es un incapaz, un inepto e as túas ineptas accións van ser a túa carta de presentación alá onde vaias. Como para pensalo, non? A min, si me ven Zaplana (por moitos millóns que cobre) a venderme algo, en canto o vexo entrar pola porta, un pequeno sorriso cabrón non o podo evitar. E el decatarase, pero a ver si é tan chulito de dicirme algo.
Coa chegada do bipartito houbo unha lóxica tempada de "Nom tés cargo". Despois de dous anos e pico de exercicio de poder, algúns están tan sumamente enganchados a el, que quérenlle máis ao seu condutor que á súa nai. Vélos pasar e dache gañas de dicirlles o do anuncio do Gadis, "Vas caer",
pero sería inútil. Son adictos e están enfermos. Non ven moito máis alá do chute de coche oficial de hoxe ou do colocón en clase "business" en Iberia de mañá.
Pois iso. Que a peza esta de Projecto Mourente retrata moi ben o asunto. Este ben vale para funcionario, aínda que non seremos nós quen lle desexe este mal.

Unha última cousa. A nós, a peza que máis nos gusta é "Cobro em B", pero diso oficialmente, temos que dicir que non sabemos nada.