description

25.3.08

Bryan Ferry. Onde vai o dandismo?

Aquí a unha pirámide das nosas acordoulle este tipo e non parou ata que lle demos un cd cos seus grandes éxitos que encontramos tirado na rúa. É que non paraba de canturuxar o "Avalon" cando falabas con ela por teléfono e houbo que encontrar un tirado na rúa.
Non se lle pode negar que tiña estilo propio. Unha mistura entre chulito sobrado e dandi fóra de sitio. Non negamos que alguén o pode considerar como o tío máis elegante do redondel musical dos anos oitenta; aínda que para iso tampouco se necesitaba gran cousa. De feito, el non pasaba do traxe negro e camisa branca (o que lle daba un toque funcionarial que, desgrazadamente, aínda está vixente polos despachos xunteiros). Nós cremos que a presunta elegancia ten a súa orixe no flequillo. Sen flequillo, o home este non pasaría de funcionario de vella garda pegado a un portelo mirando aos administrados coma pobres ignorantes culpables dalgo.

Este vídeo xa ten os seus anos pero recoñécese perfectamente a década dos oitenta pola estética e porque o pon ao comezo. Canto neón, mi madriña. Non sei como non quedamos cegos de tanto coloriño fluorescente que había. O de Avalón non o poñemos porque estamos saturadirmos del.




Neste o artista en directo hai un ano. Como vedes, leva o mesmo traxe. A saber cantos trienios ten xa.

11.3.08

Deporte de oficina


Grazas ao Ateneu Popular atopámos, este estupendo método para achegar a ecoloxía ao deporte. Na Pirámide xa o temos practicado dende hai tempo e non é por nada, pero os nosos tiros de tres eran bastantes maís difíciles cá estes e ata nos ten saído algún que outro hale-hoop. Agora estamos un pouco desentrenados.
Animamos a calquera departamento administrativo a poñer en práctica o método coas papeleiras e os caixotes do papel para reciclar. A ver se isto vai ser o comezo dunha liga de veteranos.

7.3.08

Xogar no patio

Na xunta estamos no tempo de xogar no patio. É polo das eleccións, si, pero non so durante a campaña. Xa levamos así dende hai algún tempo. De cando xa comezan os partidos a colocar a súa xente nas listas que se está a xogar no patio. Imos explicar como poidamos o da expresión xogar no patio.
Cando comeza o tempo preelectoral (e estamos a falar de medio ano antes do "election day"), os altos cargos da xunta e os partidos que os substentan comezan a tomar posicións estratexicamente en función dos seus intereses electorais e/ou do morto (léase consellería, secretaría xeral ou outros organismos) que teñan enriba. En función diso, o partido de turno aconsellará agachar as funcións encomendadas ou darlle bóla toda canta haxa para que a xente vexa que se fai algo. Isto tamén pode variar pola influencia de varios factores (lease sondeos de opinión ou debates políticos) que poden facer agochar certas áreas de poder das que antes se mostraba fachenda ou viceversa.
Nun principio, todos saen a xogar ao patio. Os mandóns do colexio din ao resto da rapazada a qué xoga cada un (ás agachadas ou as bólas). A algún non lle gustará xogar ás bólas porque as bólas que ten son como as de plastelina, pero si non quere saír do patio dunha patada no cú, vai ter que xogar ás bólas. Outro estará encantado de xogar ás bólas e mesmo vai gañando ao güá, pero antes de meter a bóla no burato, chega o mandón do patio e dille que se deixe gañar e que se vaia caladiño a xogar ás agachadas. É fodido que che fagan iso, pero máis fodido é ter que sentarte co cú dolorido.
O de xogar ás agachadas tamén é fodido porque hai que calar ben a boca e ter todo ben tapadiño, non vaia ser que che veña o que panda (lease a oposición) e canturree:
-Polo secretario xeral de Chiqui-chiquiii; que se lle vai caendo un expediente ilegal presuntamenteee.
E o secretario:
-Non ta-aaal. Non é un expedienteee, que son uns supostos prácticos do curso de directivos que estou facendooo. Halaaaaaa.
E a oposición retrúcalle:
-Éme igua-aaal. Aínda que sexa mentira, xa saíches á palestra públicaaa; e isto crea debate e/ou crispación segundo nos conveñaaa. Halaaaaaa chúpateee.
E ante iso, o secretario non lle queda outra que buscar unhas boas bólas por ver de gañar ao güá ou poñer o cuíño e levalas ben levadas.
E así anda a xunta dende hai un tempo. Departamentos que desaparecen do mapa administrativo e outros que non se sabe de onde saíron e que agora están co peito inchado. Uns xogando ás bolas e outros ás agachadas. Cousas de xogar no patio.