description

26.4.07

16.4.07

O que hai que facer para ser funcionario.

Anda a nosa amiga Besbellinha a voltas cunhas oposicións. O acceso á función pública non é cousa doada, pero seguro que hai outros que o teñen máis complicado.



Ánimo Besbe, que ti si que podes.

11.4.07

A Pirámide medra.

Nun comentario da entrada mmmmmmmusical que este blog fixo, deixaba patente Elianinha a súa sorpresa pola vida sexual dos funcionari@s aos que imaxinaba asexuais de oficio. Non somos amig@s de categorizar (que de todo haberá), pero cónstanos que na Pirámide temos vida sexual e, como podedes ver na foto, algunha pode testemuñalo con probas contundentes. Está proba contundente chámase David e naceu esta madrugada. Todo saíu ben e a nosa compañeira descansa feliz xunto á pequena proba contundente e ao seu compañeiro, que de seguro o instruirá xa moi de pequeno na arte de ser celtista.

E con David, a familia pasa a ser declarada oficialmente "numerosa" (pois hai dúas probas contundentes previas identificadas coma Pablo e Jorge), co conseguinte vacile administrativo en canto ás axudas por fillos que lle corresponden e que a convirte, como dirían os bancos, nunha inversión de alto risco e escasa rendabilidade. Nós sabemos que non é así, e que axudas públicas non terán moitas pero no que respecta a felicidade, non hai inversión mellor.

A Pirámide, no exercicio das súas funcións, hónrase en condecorar coa chupeta de ouro á nosa querida compañeira pola súa incesante ansia en garantir que as nosas pensións de xubilación estean a salvo grazas ao traballo da súa descendencia. A este agradecemento daráselle rexistro de saída no seu tempo e forma.





4.4.07

mmmmmmmúsicas.

Pensabamos na Pirámide que iamos librar deste meme que anda polo blogomillo adiante buscando músicas en vídeo que provoquen un aumento considerable de feromonas e testosterona e a súa posterior baixada a niveis normais mediante actividades corporais que non imos mencionar aquí. Pensabamos, repito, que iamos librar pero foi que As Crónicas de Oz acordáronse de nós e tócanos aportar. Pois si hai que aportar, apórtase e punto. Andivemos facendo un sondeo na Pirámide para ver de recoller no meme todas as sensibilidades que a conforman, pero despois dun primeiro intento vimos que a cousa non funcionaba e que quen isto escribe acordou que cadaquén ten o seu punto G e a ver si por andar consensuando quedabamos tod@s a medio comer. Así que o meme fágoo eu, e a quen non lle guste que se fod... Imos logo.

Rod Stewart. Da ya think i´m sexy.

Lembraba a canción e o video o que vos pode dar unha idea da franxa de idade na que me movo Na miña defensa debo confesar que daquela aínda non ía nin ao instituto. Esta e calquera outra me subía a min a testosterona. Que queredes. Estaba no tempo.



Sade. No ordinary love.

Desta xa tiña avisada a Besbellinha (deixeilla nun comentario do meme). Poño esta como podería poñer outra porque esta muller cantando é pura sensualidade. Pelín morriñenta se cadra pero aquí xa entra o de facelo con cariño.


Michael Gray. Borderline.

Con este video vou ter que dar algunhas explicacións. Explicacións musicais máis que nada. A luxuria é o que ten. Revela cousas inconcebibles. Un video dunha realización correcta e uns logrados "a la par que discretos" efectos especiais.



Ella Fitzgerald. Summertime.

Era inevitable que non dese unha volta polos clásicos. Unha versión, coido eu, demasiado de jazz para o que nos ocupa, pero a voz desta muller sobe os niveis de xeito notorio. Noite calorosa de verán, corpos sudorosos baixo a luz de lúa, unha nebulosa de orixe alcólica diante dos ollos... A filmoteca está chea de escenas coma esta. Si non acaban todas como estamos pensando, casi.



Neneh Cherry. I got U under my skin.

A min este video gústame porque creo eu que é comodín. Vale para todo. Non define. Non encadra. Non clasifica. Esta muller empezaba daquela e a min sempre me gustou pero hai tempo que non sei nada dela.



E xa está. E agora que acabo, fico pensando nalgún alto cargo facendo este meme. Dende aquí quero animar a tod@s @s altos cargos a que fagan este meme e que o fagan público xunto coa súa declaración de bens que figura na páxina web da xunta. E que se teñen pensado emprender algunha acción disciplinaria contra min, informarlles que lévome moi ben coa asesora xurídica do meu sindicato.