description

6.6.07

Seica preguntan por nós, presuntamente.

Comezan a xurdir comentarios neste blogue sobre o noso xa dilatado silencio. É de agradecer a preocupación que se nos concede sendo como é o corpo de traballadores e traballadoras da administración pública acredor da sona (infundada por suposto) de ser particularmente “distraído” no exercicio das súas funcións.

Segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 42.3, apartado b), a administración (neste caso nós) esta na obriga de ditar resolución expresa nos procedementos iniciados polo interesado (neste caso carraboujo e cerrepiache) nun prazo máximo de tres meses, sempre que a administración (nós mesmamente) non fixase outro previamente que, en ningún caso, poderá exceder dos seis meses.

Visto que carraboujo e cerrepiache colléronnos nas patacas, o prazo para ditar resolución sobre a preocupación dos interesados polo noso excesivo silencio administrativo é de tres meses. Con isto, os opositores a un posto na Xunta xa teñen medio suposto práctico feito.

Nós levamos mes e pico enganchados nunha silva e tampouco é plan de seguir outro mes e pico, polo que imos ditar resolución e ó carallo.

As causa razoada pola que esta pirámide calou a boquiña durante tanto tempo é que temos sospeitas de que este blogue está a ser investigado e vixiado presuntamente. Non temos constancia de cal é o obxecto do seguimento e vixilancia ao que estamos sometidos nin tampouco cal é o delito que cometemos presuntamente, pero murmurar, murmuran.

Seguramente non vos é máis que ansia de saber, pero estamos a ser asesorados polos servizos xurídicos do noso sindicato (que para iso o pagamos) e aconselláronnos encarecidamente que foramos tomar por onde se empezan os cestos.

Tamén estamos por dicirlle ao mundo: Mira, JJ, pasa esto. E xa eles se encargan de ver as maneiras e xeitos de facer coincidir os chicles pegados debaixo dalgunha das nosas sillas xiratorias coa GOMA2 ECO ou coa outra. E entón desvelarase unha quinta trama pola que, presuntamente, os de nunca máis de dentro da administración autonómica (que algún había) terían agachado presuntamente os chicles mentolados no mobiliario de oficina de San Caetano por si o talante e as forzas de progreso non se facían coas rendas do país. Todo isto, confirmado presuntamente por un interino vingativo ao que lle colleron a praza no último concurso de traslados.

Ante estes datos irrefutables, JJ, nun memorable editorial, fará presuntamente un chamamento ás forzas xurídicas máis coleguitas para que ordenen a investigación das posibles pegadas das moas incrustadas nos chicles mentolados por ver si hai coincidencia coas dalgún dos membros recoñecidos de nunca máis, e que se lles prohiba lavar os dentes e facer empaste ningún de xeito cautelar, ante o risco extremo de desaparición intencionada de probas que obstaculizarían a instrución do sumario. Esta si que sería, presuntamente, a trama boa.

Nós poderiamos alegar o da liberdade de expresión, os principios, ou cantar o de “Non nos moverán” ou a de "Antes morta que sin silla” pero, cautelarmente, estámonos a sentar enriba das caixas do papel. O de ser funcionario é o que ten; que perdes bastante sentido da disidencia. Presuntamente.

6 comentários:

FrancisMR disse...

Quero pensar que estás de coña. Aínda que, agora que o dís, igual o tevabuena anda metido na trama e nós sen sabelo.
Agora mesmo, imos mirar se hai chicles por aí pegados.
O disidente, nace ou "se hace"?
Ánimo e non marchedes.

cerrepiache disse...

Pois supoño que será de coña, como di carraboujo, pero algo haberá e nós entendémolo porque pásanos algo semellante.
A nós ese morbo averijuador "nos place sobremanera". Sácanos a cabeza doutras ansias máis negativas se cadra.
No que dicides da disidencia, non nos parece. Cerrepiache naceu con ansia disidente, pero non como oposición, senón como opción ou mesmo como complemento(sempre se pasa mellor cando xogan máis dun).
Agardamos que todo sexa un susto ou unha divertida paranoia XD

besbe disse...

que non sexa nada,non?

FrancisMR disse...

Non ha ser.

A pirámide disse...

Arre ho! A ver si non podemos andar inventando excusas dramáticas para xustificar que a vagancia administrativa se apoderou de nós.
Non, si agora resulta que aos funcionarios se nos tomou sempre en serio. Anda, anda.

besbe disse...

Por eso a min sempre me van tomar a coña...son non apta para o Sergas, ains adios funcinariado :) menos mal que sempre nos quedará a pirámide.

Bicos!